Skip to main content

Destino

Destino Unha peregrinación de Manuel Valcárcel

"Destino" é un proxecto persoal do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel Cabo (1975), coñecido profesionalmente como Piro. Comezou no ano 2016 e trátase dunha peregrinación interior por catro continentes que vai unindo historias ligadas por un mesmo destino: partindo da idea de que o destino marca o noso devir, son as nosas eleccións as que en realidade marcan o camiño.

A exposición e o catálogo divídense en cinco viaxes que van en orde cronolóxica e cada unha ten un leitmotiv que explica o periplo e uns personaxes que o levaron a cabo. A primeira foi no Tíbet, no monte Kailash, motivada polo perdón interior e na que o propio Piro realizou a kora; a segunda tivo como escenario o Senegal, na que un amigo de Piro, Assan "Billy", polo amor cara á súa familia regresou ao seu fogar; a continuación vén México, viaxe motivada polo respecto á natureza e cuxos protagonistas foron un amigo do fotógrafo, Lolo, xunto con Elia Sagrado e don Flor. As dúas últimas viaxes ocupan a sala de exposición temporais: a viaxe a La Casa de los Dioses (León) realizouse durante a pandemia, de aí que o seu leitmotiv sexa a saúde e é a que máis personaxes ten; a última viaxe, que en palabras do fotógrafo pecha unha etapa da súa vida e de aí a esperanza polo futuro, realizouse en Galicia.