Skip to main content

Alejandro González Pascual (1930-1993)

Alejandro González Pascual (1930-1993)

O Museo de Belas Artes da Coruña presenta unha exposición dedicada ao pintor coruñés Alejandro González Pascual (1930-1993), unha das figuras máis singulares das últimas décadas do século XX da plástica galega. Esta mostra continúa a serie de exposicións monográficas organizadas polo museo dedicadas a diferentes pintores galegos, como as realizadas anteriormente sobre Tino Grandío, Antonio Tenreiro, Manuel Colmeiro, Felipe Criado e Alfonso Sucasas.

A mostra antolóxica componse de preto dun centenar de obras procedentes na súa meirande parte de coleccións privadas, moitas das cales se expoñen por primeira vez, e ás que se suman pezas cedidas por institucións coma a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno en Galicia, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega ou a Colección de Arte Abanca.

A selección das obras realizouse desde o Museo de Belas Artes da Coruña en estreita colaboración coa filla do pintor, Blanca González Docampo.

A produción pictórica de Alejandro González Pascual evoluciona desde a representación dun mundo exterior con paisaxes montañosas ata mergullarse nunha esfera do interior, en domésticos bodegóns, pasando polo microcosmos dos bosques a través de troncos, toradas e raíces. Todo iso cunha proxección lumínica que vai mudando dun tenebrismo inicial cara a unha ampla luminosidade.

As pezas presentadas nesta exposición estrutúranse en catro grandes bloques, baseados na súa reiteración de temas. Así, Natureza, Bodegón, Estudio e Retrato recollerán os exemplos que permitirán achegarse á obra e á atmosfera de González Pascual, un mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade.

A exposición acompañarase dun amplo catálogo que contará con artigos de Xavier Seoane e Luís Rei, que trazarán unha análise da traxectoria artística do pintor. Completarase coas obras que comprenden a mostra antolóxica.