Skip to main content

A Xunta promove unha mostra co legado de Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña

A Xunta promove unha mostra co legado de Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña

Participantes no acto de inauguración

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este xoves 21 de outubro a mostra "O legado de Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña", que permanecerá neste espazo ata a primavera de 2022. Enmarcada na programación conmemorativa da Xunta polo centenario do pasamento de escritora, amosa as doazóns que lle fixeron ao museo María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, filla da autora, e María Esteban-Collantes y Sandoval, irmá da nora de Pardo Bazán.

Durante o acto, que contou coa presenza da condesa de Pardo Bazán e presidenta da Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, realizouse un percorrido pola exposición, guiado pola directora do Museo, Ángeles Penas Truque.

Entre os legados da filla poden contemplarse retratos da autora feitos por Xesús Corredoyra en 1915 e por Joaquín Vaamonde en 1896, un conxunto de 215 moedas que abranguen desde o período romano ata o século XIX, e obxectos persoais como unha pluma, un misal e unha escribanía, entre outros. Pola súa banda, María Esteban-Collantes y Sandoval deixoulle no seu testamento ao museo obras vencelladas a Emilia Pardo Bazán, como un tapiz dos séculos XVI-XVII e un retrato feito por Vaamonde en 1897 á condesa de Torre de Cela, nora da escritora.

A mostra complétase con outros fondos da colección do museo vinculados á obra literaria de Pardo Bazán, á súa vida na Coruña e ás súas amizades. Nesta liña, destaca o retrato de Ramón Pérez Costales, médico e amigo da autora; vistas da cidade do seu tempo, presente en moitas das súas obras co nome ficticio de Marineda, e obxectos persoais, como un abano cunha dedicatoria á súa nora.

Programación extensa, variada e plural

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo explicou que esta iniciativa forma parte da programación de arredor de 40 actividades que se está a desenvolver para poñer en valor o legado de Pardo Bazán ao longo de 2021, co gallo do centenario do falecemento da escritora.

“Trátase dunha programación extensa, variada e plural que nace da implicación e do compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e dos Estados Unidos”, sinalou. Nela inclúense exposicións, congresos internacionais coas universidades galegas, actividades formativas e divulgativas e a conversión dixital dalgunha das súas obras, entre outras propostas.