Proxectos presentados no concurso de ideas para a conservación e utilización do estaleiro de Banda do Río
A exposición no Museo Massó está organizada polo Concello de Bueu en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenacion Universitaria. Presenta os oito proxectos que participaron no concurso de ideas convocado por este concello para a restauración e utilización do estaleiro de carpintaría de ribeira de Banda do Río en Bueu.
No 2011 a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, decidiu incluír este estaleiro no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia pola súa importancia histórica e o seu interese científico, cultural e social. Esta catalogación protexerá un antigo estaleiro que é único en Galicia, e a súa recuperación e posta en valor será unha oferta complementaria moi importante e un atractivo turístico para a vila.
O proxecto gañador leva por lema "Obra viva" e foi realizado polo estudo de arquitectos MRM. Mereceron unha mención especial o proxecto "Fasquía" dun grupo de arquitectos da Coruña e o proxecto "Vou bueu nun bou" de RVR Arquitectos.
Os 8 proxectos poderán consultarse na súa totalidade na sala de exposicións do Museo. A exposición, de entrada gratuíta, está aberta no mesmo horario que a exposición permanente do museo, que pecha os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro.