Skip to main content

Camiñantes. Fotografías de Tino Martínez

Na exposición recóllense un total de 40 fotografías, 18 en cor máis 22 en branco e negro, realizadas en diapositiva 6x6 con equipos Hasselblad e positivadas en equipos Lambda. Todas a fotografías son inéditas e foron feitas expresamente para este proxecto expositivo. O autor recolle nelas a súa visión sobre o Camiño de Santiago e sobre os camiñantes que o recorren. Ten dúas partes diferenciadas: por unha banda, aquelas imaxes realizadas polo fotógrafo por mor dos seus percorridos polos distintos Camiños de Santiago, nas que plasma as distintas realidades que se foi atopando e que suscitaron a súa curiosidade, e, doutra banda, unha selección de retratos posados de distintos peregrinos chegados a Santiago, que se acompañan dunha reflexión manuscrita de cada un dos personaxes retratados na que resumen a súa experiencia no Camiño.

Con esta mostra preténdese dar a coñecer un aspecto importante relacionado co fenómeno da peregrinación, unha das funcións encomendadas ao museo e en relación co contido temático que lle corresponde. Ten un carácter documental e emotivo sobre aspectos cotiáns da peregrinación xacobea e un alto valor fotográfico dada a excelente calidade artística das fotografías que se expoñen.