Skip to main content

Museo A Domus do Mitreo

The museum

A Domus do Mitreo sitúase en pleno centro histórico da cidade de Lugo, e nun punto de referencia patrimonial da cidade no que conflúen tres Bens de Interese Cultural: a Muralla Romana (construída sobre parte do xacemento), a Catedral de Santa María e o Camiño Primitivo de peregrinación a Santiago de Compostela.

Ocupa parte do antigo edificio coñecido como Pazo de Montenegro, que na actualidade acolle a sede da Vicerreitoría en Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Durante as obras de acondicionamento deste edificio para o seu uso actual, apareceu un xacemento arqueolóxico que reformulou o proxecto inicial. Tras varias campañas arqueolóxicas que permitiron descubrir elementos extraordinariamente relevantes dende o punto de vista histórico, conformouse como un novo espazo de información sobre Lucus Augusti.

O museo créase arredor deste xacemento arqueolóxico e nace coa vocación de “museo de sitio”, acorde coa definición establecida polo International Council of Museums (ICOM). Este xacemento está conformado por dous elementos que lle outorgan singularidade e que conforman a súa denominación: unha domus e un templo dedicado a Mitra, ambos os dous de cronoloxía romana, ademais de permitir o coñecemento da cimentación de parte da muralla romana.

Este museo adquire aínda máis importancia tendo en conta a relevancia dos elementos patrimoniais que custodia, elementos que o identifican e que mesmo o individualizan. A Domus documenta todo o período romano da cidade e, pola súa cronoloxía e situación, desvela aspectos sobre a relación económica co territorio e as súas paisaxes. As estruturas e a conservación parcial de frescos, xunto cos materiais como o vidro, o sistema de canalizacións, a evidencia de zona termal e a decoración parietal, falan do alto grao de refinamento da construción. Tamén adquire relevancia histórica o Mitreo (ou templo adicado ao deus Mitra) xa que, ata o momento, é o único en toda a Península Ibérica que conserva a planta enteira, o que destaca aínda máis a súa singularidade.

A exposición permanente componse de dúas áreas diferenciadas:

  1. a) O xacemento.

A superficie escavada ata a actualidade ocupa uns seiscentos metros cadrados e permite visualizar o templo mitraico, parte dunha domus romana e da cimentación da muralla. Ofrécese un percorrido circular e cronolóxico contextualizado e con apoio de sistemas multimedia que dan soporte ás reconstrucións dos diferentes espazos arqueolóxicos.

  1. b) Sala de exposición permanente. Primeiro andar.

O espazo expositivo, conxugando criterios científicos e didácticos explica a evolución do anterior a través dunha selección de pezas, a maior parte delas pertencentes ao mundo romano. Presenta de xeito independente a domus ou vivenda e o templo dedicado a Mitra, mostrando tamén a diversa tipoloxía dos materiais.

https://adomusdomitreo.com

Praza Pío XII, núm. 3
27001 , Lugo

Tlf. 982821500
museomitreo.lugo@fundacionusc.gal

Schedule

Martes a sábado: de 11:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:00 h (Dende as 16:00 h en período estival, do 24/06 ao 03/09)
Domingos: de 11:00 h a 14:00 h


Fees

  • Entrada individual: 3,30 € / Reducida: 2,20 €
  • Visita guiada: 4,40 € / Reducida 3,30 €
  • Visitas guiadas para grupos de centros educativos: 1 €
  • Entrada gratuíta: primeiro mércores de cada mes

Con cada entrada ordinaria obteranse ata dúas gratuítas para menores de idade. 

A tarifa reducida aplícase a: comunidade universitaria, persoal das entidades vinculadas e dependentes da USC, estudantes, persoas xubiladas, persoas con discapacidade e persoas desempregadas.

A visita guiada faise mediante reserva previa, e pode solicitarse en galego, castelán e inglés.