Do 15 de xuño ao 31 de outubro de 2020 Viae ad limina Sancti Iacobi

Colección de Chencho Pardo Valdés

Museo das Peregrinacións e de Santiago

A mostra ‘Viae ad limina Sancti Iacobi’ está composta por máis de 40 debuxos, do artista Chencho Pardo Valdés, nos que se amosan cidades e vilas galegas que forman parte da rutas xacobeas. Pode visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago, cos horarios e precaucións establecidas, que se poden consultar aquí.

“Viae Ad Limina Sancti Iacobi” é a colección máis querida do artista Chencho Pardo Valdés, quen gardou con esmero os debuxos relativos a Galicia e pasaron a formar parte da súa colección privada. Esta exposición non só sorprende pola calidade artística dos debuxos e a súa minuciosidade, a caligrafía que os acompaña ten o estilo propio do autor.

Redactadas e escritas por el mesmo con pluma seguindo un estilo histórico, confírenlle un aire melancólico ao percorrido por estas vilas e cidades representadas na sala expositiva do Museo das Peregrinacións e de Santiago. O relato histórico é un elemento que vai acompañar durante a visita, pois a través do estudo heráldico realizado polo autor, remite a tempos de liñaxes e estirpes que gravan a súa impronta na pedra para a perpetuidade.

O Camiño de Santiago está aberto a visións e a novas interpretacións. Chencho Pardo achega as súas a través dos seus aparellos: o lapis e a cor. A realidade que o autor trae nos seus 42 debuxos materialízase de formas diversas pero coa característica común da meticulosidade. O realismo é o xusto e necesario, pero quen observa sabe que ve a practica totalidade dunha vila ou cidade galega porque capta os integrantes esenciais que forman a súa paisaxe, como un edificio ou un monte. Amais, desta maneira logra imbuír no trazo a historia do lugar, as diversas xeracións que foron conformando a localidade para darlles voz. En definitiva, unha maneira de destapar unha riqueza autóctona.

Esta minuciosidade enténdese ao coñecer o estilo do autor. Da arte románica e renacentista toma detalles que remiten a liñaxes e tempos antigos, pero o seu carácter evolucionou coas viaxes por Europa. Do centro de Europa adopta as liñas cun dobre perfil tan características dos seus debuxos. Achégalles así profundidade a uns debuxos que carecen de puntos de fuga. O resultado son unhas paisaxes festivas que atraen a mirada ao pequeno.

Os textos que acompañan cada un dos debuxos tamén desprenden esa reinterpretación da realidade galega. A fonte recorda ás utilizadas no medievo galego, mais tamén o contido remite ás impresións dun viaxeiro renacentista que plasma as súas impresións nun castelán antigo.

Chencho Pardo Valdés (Outeiro de Rei, Lugo, 1948) leva deixando o seu selo inconfundible nunha extensa obra: Paradores de Turismo S.A. encargoulle douscentos debuxos de prazas e perfís urbanos de localidades españolas, publicou varios libros de debuxos de cidades e ilustrou varios libros culturais. Ten colaborado na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada e tamén en La Voz de Galicia. O Concello de Lugo encargoulle a elaboración de dous debuxos da cidade amurallada a modo de obsequio institucional.

Galería

  • Viae ad limina Sancti Iacobi

  • Viae ad limina Sancti Iacobi

  • Viae ad limina Sancti Iacobi