Skip to main content

A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade

Esta exposición ten por obxectivo dar a coñecer o proceso de obtención de ferro na antigüidade.

Os obxectos de ferro adoitan aparecer en contextos arqueolóxicos a partir da Idade de Ferro, feito que se debe ás boas cualidades deste metal para a elaboración de toda clase de ferramentas e outros obxectos.

Cando este tipo de obxectos forman parte dunha exposición, normalmente faise fincapé na súa utilidade e, no mellor dos casos, acompáñanse de descricións de parte dos traballos de ferrería como é a técnica da forxa. En cambio, a obtención do metal a partir dos minerais e o seu procesamento é un aspecto que apenas ten representación nos discursos museísticos.

Por iso, esta exposición busca dar a coñecer, de xeito didáctico, cuestións como:

- Cales eran os minerais máis empregados na Antigüidade.

- O proceso químico para a extracción do metal.

- Tipos de fornos de redución.

- Tipos de escouras.

- Evidencias recuperadas no castro de Viladonga.

- Estudos analíticos e experimentais.

Estes contidos organízanse en 10 paneis con imaxes e texto, un vídeo da xornada experimental, unha escolma de cinco pezas e un diorama.