Skip to main content

Santiago. Peregrinación, cidade, escola Co gallo das celebracións do Xacobeo 2021-2022 póñense en valor pezas do ámbito docente dende outra perspectiva.

Dende o 28 de decembro de 2021 o Museo Pedagóxico de Galicia acolle a exposición "Santiago. Peregrinación, cidade, escola", amosando as relacións entre a escola, o fenómeno xacobeo e a cidade de Compostela.

A mostra presenta unha escolma de máis de 70 pezas, na súa maioría procedente de centros educativos, que forman parte do fondo do Museo Pedagóxico de Galicia na actualidade, articuladas en torno a dous eixes principais:

  • O primeiro xira en torno aos materiais escolares e a propia historia da educación ao longo do Camiño de Santiago. Preséntanse así diversos materiais escolares nos que se recolle a figura de Santiago ou ben distintos aspectos do Camiño representados cun fin educativo e pedagóxico.
  • O segundo eixe fai referencia ás institucións educativas que alberga a cidade meta da peregrinación: Santiago de Compostela. Unha representación, sempre incompleta, da educación en diversas institucións: Universidade, seminario e centros educativos.

Con esta exposición, o Museo súmase ás celebracións do Xacobeo 2021-2022 ao tempo que recupera e pon en valor pezas do ámbito docente, moitas delas nunca mostradas ao público.