Skip to main content

Novos imaxinarios

O cinema contemporáneo continúa investigando sobre as novas formas do cinematográfico, desde as vangardas ata o cinema expandido. Nesta traxectoria, o museo foise consolidando como un espazo onde o cinema tamén ten lugar, xa que acolle nas súas salas as propostas e os discursos experimentais dunha nova xeración de autoras e autores.

Este proxecto profunda na creación cinematográfica recente, en España e Portugal, e contextualízaa no marco dunha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde as salas do museo proporcionan un lugar específico para proxectar novos imaxinarios.

A mostra acolle propostas, inéditas ou presentadas por primeira vez en Galicia, de Oliver Laxe, Susana de Sousa Dias, Albert Serra, Helena Girón e Samuel M. Delgado, Lois Patiño, Salomé Lamas, Isaki Lacuesta e Laida Lertxundi. No seu formato expositivo, cada cineasta articula novas obras que debuxan parábolas cinematográficas con propostas instalativas que ocupan dúas plantas do museo; novas linguaxes que nos achegan realidades desde unha perspectiva contemporánea á vez que nos mostran as posibilidades narrativas e físicas —desde o punto de vista dos creadores e as creadoras, pero tamén desde a experiencia do público— dun medio en constante reinvención.

En paralelo á exposición, un programa de proxeccións, conferencias e encontros contribuirá a contextualizar e estender o campo de investigación sobre os conceptos propostos, e daranos a oportunidade de completar esta mirada xeracional con outras creacións pensadas para as salas de cinema e tamén de escoitar as autoras e os autores en diálogo con especialistas en novas formas de cinematografía.