Skip to main content

Modo manual. Ensaio fotográfico por Santiago de Compostela

Modo manual. Ensaio fotográfico por Santiago de Compostela

Modo manual. Ensaio fotográfico por Santiago de Compostela é unha mostra na que o fotógrafo compostelán Tino Martínez recolle a vida institucional e cotiá da capital galega, captadas por este profesional entre finais do século XX e principios do XXI. 

López Campos enxalzou o traballo de Tino Martínez, a quen cualificou de “prestixioso fotógrafo de máis de 40 anos de traxectoria e 30 exposicións individuais e colectivas”. Ademais, definiuno como “artesán puro” polo seu manexo da fotografía analóxica, “nun tempo dominado pola inmediatez dixital” e exemplo do “valor imprescindible” desta disciplina como “testemuño documental e patrimonial da sociedade e cultura dunha época”. 

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego enxalzou tamén a contribución dos museos públicos galegos na posta en valor desta arte e dos seus profesionais “ao dar espazo e proxección dos seus traballos, ao tempo que difundir e expandir a súa calidade artística e a relevancia que teñen para reflectir a historia, cultura e latexo vital dun pobo”.

Destacou tamén que, con esta exposición, o Museo das Peregrinacións e de Santiago pon o foco na relevancia do “fotógrafo a pé da rúa, que se converte e converte tamén as súas imaxes en memoria viva dunha sociedade e da súa cultura”. 

A exposición, que permanecerá aberta ata 1 de novembro exhibe máis de 60 pezas vinculadas ao autor compostelán. En concreto, pódense ver 43 fotografías, repartidas en 3 seccións, segundo a súa tipoloxía; panorámicas, nocturnos e retratos de personaxes da vida compostelá entre os anos 1980 e 2000.

A exposición compleméntanse cunha pequena escolma do equipo técnico do autor, con máis de 20 obxectos, entre os que destacan as cámaras fotográficas utilizadas para cada tipo de fotografía, chasis, fotómetros, visores, tubos de extensión, parasoles, ou fichas de estudio orixinais e positivados manuais en diferentes materiais.