Skip to main content

Instalación "Abarrote no museo" Realizada polo artista Héctor Francesch, no marco do obradoiro "Artistas no museo"

Abarrote no museo

Abarrote no museo é unha intervención do artista coruñés Héctor Francesch. Persoas que pasaban diante do museo, e que non tiñan intención de entrar, foron fotografadas de maneira voluntaria para logo ser debuxadas a tamaño real sobre unha silueta, e converterse así en visitantes artístico-virtuais. O artista lanza unha convocatoria a todas as persoas participantes: para facerse co seu retrato, terán que invitar a un mínimo de 10 amigos/as a visitar o museo, nunha ou en varias ocasións, e así “abarrotar o museo”.

Actividades como "Artistas no museo" buscan ofrecer ao público unha oportunidade magnífica de coñecer desde dentro a obra e o sistema de traballo de un artista plástico, permitíndolle participar dos seus procesos creativos como un membro activo máis, e incrementando así o seu coñecemento das técnicas, as motivacións e o significado último das súas obras. 

Por outra banda, constitúe unha magnífica forma de implicar aos artistas galegos na actividade habitual do museo, dando a coñecer a súa obra, e facéndolles ademais partícipes da actividade cultural despregada pola institución no marco da súa programación. Por último, este tipo de intervencións artísticas do espazo, que ofrecen ao artista a posibilidade de interactuar coa arquitectura e co pasado, a través das obras expostas, fan que o museo se converta en algo vivo, que se transforma, e que non queda reducido a un mero contedor de obxectos.