Skip to main content

Chacona, a canción de Santiago Mostra sobre esta forma musical de gran difusión dende o século XVII e a súa vinculación co Camiño de Santiago.

Con esta exposición, o Museo das Peregrinacións e de Santiago presenta unha importante descuberta relativa ao patrimonio do Camiño de Santiago e da cidade de Compostela.

A exposición ten como centro argumental a chacona, unha forma musical de gran importancia na cultura occidental, que tivo enorme difusión en todos os ámbitos sociais e da que todos os grandes compositores a partires do século XVII fixeron múltiples versións.

Esta mostra demostrará, por primeira vez, que a chacona ten a súa orixe en Santiago de Compostela e máis concretamente na catedral de Santiago. Deste xeito, preséntase un novo símbolo universal da peregrinación xacobea.

A grande achega da exposición será que o canto que o peregrino inglés William Wey transcribe no seu diario de peregrinación (1456) é a primeira chacona escrita da historia. Así, unha das máis importantes formas musicais de Occidente quedará vinculada definitivamente ao Camiño de Santiago, á cidade de Compostela e á súa catedral. A chacona será un novo símbolo xacobeo e un novo e inxente conxunto patrimonial relacionado con Santiago.

Así pois, esta mostra vén presentar como a chacona ten a súa orixe en Santiago de Compostela e que foi difundida primeiro como canto de peregrinos por toda Europa e, posteriormente, como danza e forma musical autónoma por América e territorios colonizados polos países europeos.

A exposición presenta por un lado as chaconas na súa forma máis lóxica e lexítima: en formato sonoro. Por outro lado, os elementos explicativos que relacionan a danza con Compostela e o Camiño de Santiago. Unha parte importante da exposición será tamén a que mostra a enorme difusión e influencia que tivo a chacona en todos os espazos sociais públicos e privados, chegando mesmo a converterse en infinidade de obras de arte musicais do máis alto nivel. Todas elas, no seu conxunto, conforman un enorme patrimonio europeo e universal de orixe xacobeo.

A mostra está comisariada por Fernando Reyes Ferrón. Director musical de Resonet, iniciou a súa formación musical na Escolanía da Catedral de Santiago, baixo as ensinanzas de Nemesio Gª Carril, e posteriormente especializouse nos conservatorios de Toulouse (Francia) e na Musikhochschule de Trossingen (Alemaña), onde obtivo no ano 2000 o diploma superior de profesor e intérprete de instrumentos antigos de corda pulsada e de Música Antiga coas mellores cualificacións.

As interpretacións e participacións de Resonet en festivais e concertos en lugares de toda Europa, como o Festival Musiques Sacrées (Fribourg-Suíza), Musiche e Candele (Magnano-Italia), Landshutter Musiktage (Alemania) etc., destacando a participación no Festival Internacional de Música Mística de Konya (Turquía), onde realizaron un exitoso concerto coas músicas do Códice Calixtino, avalan o traballo deste grupo que, sendo de orientación e formación internacional, ten a súa orixe na mesma catedral de Santiago.

O traballo de Resonet e Fernando Reyes é avalado con numerosas, novidosas e frutíferas colaboracións no patrimonio relacionado con Compostela e os seus camiños dende o ano 1999 polo Museo das Peregrinacións e de Santiago.