Skip to main content

A biblioteca de Philip West

A biblioteca de Philip West Museo Granell

Cartel da exposición

A exposición abre as portas á biblioteca persoal de Philip West para amosarlle ao público as xoias ocultas entre as súas baldas, entre as que atoparemos unha gran cantidade de obras dedicadas aos grandes surrealistas como Breton, Buñuel, Magritte ou Ernst, así como unha selecta colección de revistas surrealistas.

A exposición parte da afectiva relación profesional e persoal entre o artista inglés e Eugenio Granell a través de correspondencia, fotografías ou dedicatorias. Na mostra adentrámonos na obra do propio West a través de publicacións nas revistas máis importantes da época, coma Brumes Blondes, Transformaction ou Phases, para concluír coas importantes obras dalgúns dos seus amigos, pensadores e artistas referentes como Octavio Paz, Duchamp, Breton ou Ludwig Zeller, entre outros.

Philip West nace na cidade de York (Inglaterra) no ano 1949. Estuda Belas Artes e Historia do Arte no seu país natal e ao rematar os seus estudos no ano 1970 mergúllase de cheo no movemento surrealista da man do seu amigo e mentor John Lyle, director da revista Transformaction. Durante esta época a súa colaboración con revistas faise moito máis recorrente. En 1974 abandona Inglaterra para vivir na cidade da súa muller, Zaragoza, onde entra en contacto coa obra de Buñuel, grazas ao seu biógrafo persoal José Francisco Aranda. En 1978 trasládase a Venezuela, país que inflúe na súa produción artística e na súa concepción teórica da arte, aparecendo con forza o tema da metamorfose. O seu regreso definitivo á capital aragonesa prodúcese no ano 1980, momento no que establece unha forte amizade con Eugenio Granell, a quen decide doar a meirande parte da súa obra plástica e a súa extensa biblioteca surrealista. Falece en Zaragoza no ano 1997.