A Xunta comezará a construción do Museo da Romanización no cuartel de San Fernando de Lugo cando a realidade económica o permita
A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, asegurou hoxe no Parlamento que “a Xunta de Galicia comezará a construción do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando de Lugo cando a realidade económica permita asegurar a viabilidade do proxecto”. A directora xeral subliñou que “en ningún caso se renuncia ao desenvolvemento do plan, o que facemos é aprazalo ata que o contexto financeiro e orzamentario mellore”.
Martínez Insua recordou que desde o primeiro momento a intención da Consellería de Cultura e Educación foi “apostar por este proxecto”, e por ese motivo “realizáronse e financiáronse no Cuartel diversas actuacións de estudo, conservación e escavación arqueolóxica, así como a redacción do correspondente Proxecto de rehabilitación para a instalación do Centro de Interpretación e Museo da Romanización”.
A construción do Museo da Romanización implica unha inversión estimada de 13 millóns de euros, aos que habería que sumar 250.000 euros anuais aproximadamente de gastos de xestión. Segundo a directora xeral, “no actual contexto orzamentario a Xunta ten a obriga de administrar os limitados recursos cos que conta con responsabilidade”. “Esta é unha decisión prudente e realista, que se adapta ademais á normativa vixente que estima que o plan de viabilidade deberá supeditarse ao cumprimento das esixencias do principio de sustentabilidade financeira”, engadiu.
Na súa intervención na comisión parlamentaria, a directora xeral explicou que “a situación económica fai inviable que Patrimonio poida adicar na actualidade a cantidade de recursos necesarios para a execución deste centro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, e polo tanto consideremos que neste momento os orzamentos deben atender as necesidades dos diversos bens culturais da nosa Comunidade”.