Do 13 de novembro ao 14 de novembro do 2020 - 18:00h Curso de educación artística. Arte na aula. Arte, identidade e educación

A identidade será a temática deste segundo ciclo

Galician Centre of Contemporary Art (CGAC)

Despois dun primeiro ciclo de cursos dedicados á aprendizaxe globalizada da lingua, as matemáticas e o coñecemento do medio natural a través da plástica, incorpórase a este programa de educación artística un tema transversal presente en todas as etapas educativas: a identidade.

 

Este eixe, de enorme importancia na arte contemporánea e na vida, permitiranos coñecer numerosos referentes creativos e investigar sobre o eu e o nós a través da experimentación visual e plástica.

 

O nome, o corpo, a pegada, os obxectos e lugares, as relacións, a imaxe ou a acción serán o noso campo de xogo.

 

Cunha metodoloxía dinámica e participativa, alternaremos o traballo coas obras de arte, as sesións de observación, reflexión e debate, e os obradoiros de creación.

O curso formúlase como unha oportunidade para pór en práctica propostas didácticas que nos permitan vivenciar, reflexionar e xerar dinámicas adaptadas aos diferentes contextos educativos.

 

O contido de Eu, min, me, comigo. Arte, identidade e educación está vertebrado arredor dun eixe común, pero organizado en tres bloques independentes (que se impartirán en febreiro, maio e novembro, respectivamente), de maneira que pode ser cursado parcial ou totalmente.

 

 

HORARIO
Venres de 18:00 a 20:00h

Sábados de 10:00 a 14:00h

 

PROGRAMA

7 e 8 de febreiro. Eu: o corpo como relato

8 e 9 de maio. Min: obxectos e lugares que me definen

13 e 14 de novembro. Comigo: cruzamentos, lazos e outros encontros

 

OBXECTIVOS

O obxectivo deste ciclo é tomar contacto coa arte contemporánea como recurso educativo, establecer lazos entre a arte e a aula eliminando mitos e prexuízos; reflexionar sobre as posibilidades de aprendizaxe globalizada que proporciona a plástica; desenvolver a capacidade para observar, coñecer, crear e debater sobre o artístico; e xerar dinámicas creativas individuais no persoal docente para fomentalas no alumnado.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística ou persoas interesadas na didáctica da arte, estudantes de Belas Artes e Ciencias da Educación.

 

Gael Zamora Lacasta é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as
franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, o Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente, o Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Soria, Ávila, Madrid e Cuenca.

 

INSCRICIÓN 
O prazo de inscrición estará aberto desde o 13 de xaneiro ata o 5 de febreiro de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Deberán indicar en que bloques queren inscribirse. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

 

PRAZAS
20. Matrícula de balde

 

CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado por cada bloque temático a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións. Cada bloque consta de 6 horas lectivas e o total do curso suma 18 horas lectivas.

 

 

 

Lugar de celebración

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) (Santiago de Compostela)