Museo Galego do Xoguete

O museo

Situado na planta baixa do pazo dos antigos xulgados, este museo foi creado en 1995 polo Concello de Allariz grazas á doazón da colección de Alberto Oro Claro, veciño da vila, que durante anos foi quen de buscar, mercar e conservar máis de 600 pezas. Dende entón, moitas persoas seguiron a doar xoguetes, chegando na actualidade a contar cun fondo museístico de preto de 1.500 pezas representativas dos xoguetes do século XX.

Dende o ano 2013 o museo viviu unha profunda remodelación para continuar a ser un espazo no cal os maiores poden lembrar o seu pasado, e os nenos e nenas, descubriren a que xogaban os seus pais e avós, nunha colección que, na actualidade, vai dende 1910 a 1978.