Museo do Castro de Viladonga

Sala 0. Información complementaria

Resume os traballos arqueolóxicos realizados no castro desde 1971 así como a historia do museo. Tamén se atopa nesta sala unha información global sobre a cultura castrexa, a época galaico-romana e sobre o contorno natural e patrimonial do Castro de Viladonga, ilustrado todo con mapas, deseños, fotografías e pantallas e complementado con algúns materiais arqueolóxicos da comarca, coma unha ara votiva aos Lares Viales (de Silva, Pol).

Sala 0

Sala 1

Amosa aspectos relacionados co medio natural no que se insire o xacemento, informa sobre un posible nivel prerromano do castro e explica a disposición e tipo de defensas, a organización do poboado e os diversos tipos de construcións e os seus elementos. Poden verse materiais como pedras de gonzo, pesas de colmo, tellas etc. Todo isto exponse, como en todas as salas, por medio de vitrinas e paneis informativos, para facilitar a boa comprensión da ocupación do espazo no castro e todo o relacionado coas súas construcións. Esta sala compleméntase cunha maqueta que reconstrúe un dos conxuntos de casas máis característicos do xacemento.

Sala 1

Sala 2

Dedícase aos elementos da vida común e da cultura material no Castro de Viladonga e, por extensión, na cultura castrexa e galaico-romana: útiles e ferramentas de pedra, bronce e ferro, materiais domésticos como o vidro e, sobre todo, a cerámica castrexa e romana (e dentro desta a común, de cociña e de mesa e a terra sigillata), muíños manuais, armas e outros obxectos e instrumentos diversos. Nesta sala atópase unha gran maqueta que reconstrúe o poboado castrexo no seu conxunto.

Sala 3

Mostra os obxectos de adorno e adobío para persoas e cabalerías, xoias e aderezos, moedas (de ouro, prata e, sobre todo, de bronce), xogos, amuletos e outros materiais de diferente feitura e usos. Nesta última sala, unha maqueta-vídeo recrea diversas escenas da vida cotiá no Castro de Viladonga.

Sala 3