Museos de Galicia

Museo do Castro de Viladonga

26 de abril do 2017 O Museo do Castro de Viladonga acolleu un concerto sobre a canción no Barroco

Museo do Castro de Viladonga

O sábado 22 de abril celebrouse, na sala de actos do Museo do Castro de Viladonga , un concerto de música antiga a cargo do grupo galego La Xácara, integrado por Julia Cea (canto e percusión), Victor Illán (guitarra barroca e vihuela),Tin Novio (Tiorba) e Pablo Ruibal (viola de gamba). Todos eles músicos de ampla formación e experiencia na música dos períodos renacentista  e barroco.

No programa ofrecido neste concerto, La Xácara interpretou unha serie de cancións que van desde algúns temas  anónimos  da época dos Reis Católicos, cancións italianas do século XVII, ata temas de autores tan recoñecidos como Purcell, Bach ou Cavalli.

Este concerto integrase dentro dos “Sábados Culturais” organizados polo Museo e financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia, como parte das actividades de difusión cultural desenvolvidas polo Museo do Castro de Viladonga.

 

10 de abril do 2017 Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

No Museo do Castro de Viladonga celebráronse na última semana de marzo, e na primeira de abril, diversos obradoiros didácticos que contaron cunha notable participación de escolares de infantil, primaria e a ESO, procedentes das catro provincias galegas.

Nestes obradoiros os escolares aprenderon a realizar vasillas cerámicas co torno e coa man, a acuñar moeda, a moer cos muíños manuais e  tamén coñeceron polo miúdo o traballo dos arqueólogos na escavación do castro e na documentación dos achados realizados. Para os escolares da etapa infantil, entre 3 e 5 anos, utilizáronse fichas específicas para o seu nivel educativo, nas que pintaron obxectos expostos no Museo.

Estes obradoiros organízanse como complemento á visita guiada ao castro e ao museo. Ademais, o Museo ten a disposición dos centros educativos que as soliciten varias unidades didácticas para completar o traballo cos distintos grupos.

O museo realiza periodicamente orientación e traballo didáctico con visitas escolares ou con grupos específicos, tras a concertación dunha cita previa. O acceso é libre todos os días do ano.

Galería

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

27 de marzo do 2017 Maxia no Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

O sábado 25 de marzo o Museo do Castro de Viladonga iniciou a súa programación de actividades do ano 2017 coa actuación do mago ilusionista Óscar Bello, que presentou unha maxia “moderna e tecnolóxica”. Na súa actuación mesturou os clásicos xogos de barallas coa maxia máis moderna, a “Tecnomaxia”, onde os protagonistas son os móbiles e a tecnoloxía.

Óscar Bello é natural da parroquia de San Xián de Mos do Concello de Castro de Rei, e aínda que a súa actividade profesional non é a maxia, adícase a ela con entusiasmo, de feito o público foi moi participativo en cada un dos xogos, e a diversión e as risas estiveron presentes en todo o espectáculo.

 

Galería

  • Imaxe da actividade

  • Imaxe da actividade

  • Imaxe da actividade

14 de marzo do 2017 Remata a campaña de escavacións no Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

Vén de rematar a campaña 2016 de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, financiada con fondos Feder e da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia. A empresa adxudicataria do proxecto, Terra Arqueos, fixo entrega dos materiais e da información complementaria: memoria, planimetría, documentación gráfica e inventario de materiais.

A actuación nesta campaña centrouse en dous sectores da croa do castro, nun tramo noroccidental da muralla e no ángulo leste da entrada a croa, onde se levaron a cabo traballos de reescavación, consolidación e acondicionamento.

Destaca nesta intervención o cambio de criterio na restauración das estruturas e no remate da consolidación e protección dos seus muros, xa que se empregou un morteiro resistente en exteriores. Isto fai innecesaria a colocación das lousas de protección das cabeceiras, así como dos terróns ou tepes vexetal que se viñan empregando e que se substitúen por unha ou varias fiadas de sacrificio ou protección a base de lousa e xisto.

Os materiais atopados como resultado da escavación do camiño e a reescavación previa á consolidación foron máis abondosos do previsto, dado o escaso do espazo intervido. Destacan especialmente numerosos fragmentos de cerámica común romana correspondentes a varias vasillas que se poderán reconstruír case na súa totalidade. É de sinalar a casualidade de ter atopado nesta escavación a metade dunha tapadeira de barro da que a outra parte fora atopada nas escavacións dos anos 70, o que vai permitir a súa completa restitución.

Recolléronse ademais algúns fragmentos de terra sigillata, ferros, moedas (algunhas delas constantinianos) e unha pulseira de bronce así como un gran número de tégulas.

Galería

  • Vista aérea da zona escavada

  • Peza atopada nas escavacións

13 de febreiro do 2017 O Museo do Castro de Viladonga renova a súa imaxe: nova identidade visual, nova sinalización, nova páxina web e novos folletos informativos

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga é unha institución cultural que cumpre un servizo público cuns sinais de identidade que proveñen tanto dos obxectos da súa colección asociados ao castro  -un xacemento visitable- como da sociedade para a que se conservan. Como centro de investigación este museo evolucionou co tempo e centrouse en poñer as coleccións ao alcance da sociedade. Por este motivo o museo realiza a difusión cultural a través de servizos de información e acollida, exposicións, actividades e servizos de documentación e información das súas coleccións.

Informar sobre o propio museo é o primeiro servizo para que o público acuda. Para conseguir o obxectivo dun maior achegamento do público ao museo do Castro de Viladonga, estanse levando a cabo diversas actuacións para mellorar os seus servizos de información e acollida de visitantes:  novas sinalizacións en estradas, a renovación da imaxe corporativa do museo, o deseño dunha nova páxina web do museo e a edición de folletos actualizados en diversos idiomas.

Novas sinalizacións en estradas

O conxunto arqueolóxico e museístico de Viladonga está emprazado nunha contorna rústica de prados e bosques, afastado das estradas principais, polo que a chegada de visitantes sempre se realiza en vehículos. Aínda que os modernos dispositivos e aplicacións  (GPS, Google maps...) facilitan a chegada dos visitantes ao castro e ao museo, é necesario orientar ao público que se achega polas estradas.

Por esta razón a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de instalar a finais do ano 2016 novos rótulos e frechas indicadoras nas estradas N-640 e LU-1101, que garanten a súa visibilidade e facilitan o acceso ás instalacións ao mesmo tempo que publicitan o museo. No 2017, continuarase coa sinalización nas estradas LU-115,  cruce da N-640-LU120 e na rotonda N-640-A6 e en Castro de Rei.

O impacto da nova sinalización fíxose notar no número de visitantes do último trimestre do pasado ano 2016 (un total de 3.992), o que supuxo un incremento do 26,5% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior.

Nova imaxe corporativa

Actualmente os museos renovan a súa imaxe corporativa para adecuarse aos novos tempos. Por este motivo o Museo do Castro de Viladonga acaba de estrear un novo logotipo que representa por si mesmo a institución: o binomio museo-castro, procurando a comunicación entre pasado e presente. Emprégase a letra M como representación do Museo e un círculo para o Castro. Como nexo de unión entrambos os dous, a liña (símbolo icónico que senta as bases para o resto da imaxe) é un camiño de ida e volta que facilita a interpretación do castro logo de visitar o museo, pero tamén á inversa, facendo dos dous elementos un conxunto inseparable.

Nova páxina web

O Museo está a traballar  tamén para presentar proximamente unha nova páxina web, onde se poderá atopar toda a información sobre  o Museo e o Castro, as novas, eventos e actividades que se desenvolvan. Con esta nova páxina, o Museo renova a súa imaxe para ir evolucionando cos tempos e presenta un novo deseño, de fácil navegación e intuitivo, moi visual e deseñado para que o usuario poda acceder facilmente ás informacións relativas ao Castro, á súa historia e escavacións, así como ao propio Museo, o seu traballo e á colección. Este novo sitio créase tamén coa nova tecnoloxía que permitirá aos usuarios navegar comodamente dende calquera dispositivo móbil, sexa teléfono ou tableta.

O novo folleto do Museo do Castro de Viladonga, coa nova imaxe visual e textos e imaxes actualizados, xa está dispoñible en cinco idiomas: galego, castelán, francés, inglés e alemán.

Os visitantes poden adquirilo no propio museo, así como nas oficinas de información e turismo da provincia de Lugo e en gran parte das instalacións hostaleiras da cidade.

Trátase dun políptico-cartel que facilita ao visitante a lectura e comprensión do museo e do xacemento arqueolóxico. Inclúe información de horarios de apertura, situación e acceso, itinerario da visita ao xacemento, historia do museo e plano das instalacións, complementada con fotografías de pezas destacadas do museo.

Galería

  • Cartel sinalizador

  • Frecha indicadora

  • Imagotipo sobre unha foto do castro

  • Imagotipo do museo

9 de novembro do 2016 Publícase o número 26 (2016) da revista científica e de divulgación cultural Croa

Museo do Castro de Viladonga

Capa do número 26 da revista Croa
Capa do número 26 da revista Croa

Publícase o número 26 da revista Croa, correspondente ao ano 2016. A revista Croa é unha edición anual do Museo do Castro de Viladonga. De carácter informativo e científico, está composta por artigos de temática arqueolóxica, histórica, artística e patrimonial. Pretende ser o órgano de expresión científica e cultural do museo, e ademais servir de vía de comunicación con outros museos a través do intercambio con outras institucións interesadas.

Na edición deste ano faise fincapé nas ultimas escavacións e consolidacións do castro, no eido propiamente arqueolóxico. Recóllense tamén estudos de carácter artístico, histórico, etnográfico e museográfico, e adícase un apartado especial ás xornadas organizadas polo museo e que se levaron a cabo en xullo deste ano centradas na conservación dos castros no Noroeste peninsular. Por outra banda, apórtanse tamén traballos sobre outros aspectos desenvolvidos no Museo como é a conservación do fondo documental e as novidades bibliográficas recibidas na Biblioteca do Museo.

Índice do número 26 (2016)

 

25 de outubro do 2016 Continuación da campaña de acondicionamento e consolidación no Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

O 17 de outubro de 2016 retomouse a campaña de acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, iniciada no ano 2015. Os traballos están promovidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e cofinanciados polo Fondo Europeo de desenvolvemento (Feder).

A intervención deste ano consiste na reescavación e consolidación dunha boa parte da croa e da muralla do Castro, e foi levada a cabo pola empresa Terra Arqueos. Máis información en https://castrodeviladonga2016.blogspot.com.es/, blog específico creado para dar a coñecer e difundir de xeito máis pormenorizado os resultados dos traballos de este ano.

10 de febreiro do 2016 Editado o número 25 (2015) da revista científica e de divulgación cultural Croa

Museo do Castro de Viladonga

A Revista Croa é unha edición anual do Museo do Castro de Viladonga. De carácter informativo e científico, está composta por artigos de temática arqueolóxica, histórica, artística e patrimonial. Pretende ser o órgano de expresión científica e cultural do museo, e ademais servir de vía de comunicación con outros museos ao través do intercambio con outras institucións interesadas.

O volume deste ano adícase a Felipe Arias Vilas, director dese Museo durante tres décadas, con motivo da súa xubilación. Na edición destacan as colaboracións de Fernando Acuña, Xosé Carlos Sierra, Francisco Calo e Julio Reboredo referentes á carreira profesional de Felipe Arias.

Neste novo número recóllense tamén estudos de carácter histórico, etnográfico e museográfico, así como as actividades do museo e a súa asociación de amigos e as novidades bibliográficas recibidas na biblioteca do museo.

A revista pódese descargar aquí en formato PDF.

11 de maio do 2015 Comeza a campaña de acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga 2015

Museo do Castro de Viladonga

O 7 de maio comezou a campaña de acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga 2015, baixo a dirección do arqueólogo Emilio Ramil Gónzalez e que desenvolverá a empresa BIC materiales y conservación S.L. a cargo das restauradoras Puri Rosales, Marta Díaz, Teresa Martínez e o auxiliar de arqueoloxía e restauración Martxas. Esta intervención, coma todas as que se realizan no castro, será coordinada polo Museo do Castro de Viladonga.

Os traballos desenvolveranse ata o mes de setembro, e levarán a cabo actuacións de restauraciónn e consolidación de varias estruturas da croa do castro. Previamente se realizarán escavacións puntuais ademáis dunha limpeza vexetal que acondicionará o castro para a próxima celebración do Día Internacional dos Museos e a Noite dos Museos.

Máis información no blog do Castro de Viladonga.

20 de febreiro do 2015 Felipe Arias é nomeado Chairego de Honra 2015

Museo do Castro de Viladonga

O sábado 21 de febreiro celebrarase no Museo do Castro de Viladonga un acto de homenaxe a Felipe Arias, o ex director do museo. A irmandade Manuel María e a asociación Xermolos recoñéceno como Chairego de Honra 2015. O acto, que se inicia ás 12 do mediodía, inclúe unha mesa redonda na que participarán Xosé Manuel Carballo, presidente da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga; Tonina Gay, presidenta do Club Valle Inclán de Lugo; Felipe Senén, Coordinador de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña e Elena Varela Arias, directora do Museo do Castro de Viladonga. Moderará a mesa Xulio Xiz. No acto actuarán os músicos chairegos Mini e Mero, e pecharase cun xantar de irmandade.

22 de abril do 2014 Visitas teatralizadas ao Museo e ao Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

Todos os martes do mes de maio ás 10:30 e ás 12:30 realizaranse visitas guiadas teatralizadas para alumnos de Educación Infantil e Primaria, cun máximo de 50 prazas para cada visita. As visitas guiadas serán realizadas por tres actores, que con distintas personaxes e cunha duración de aproximadamente unha hora, percorrerán o Museo e o Castro de Viladonga.

Comézase a actividade recibindo aos nenos no museo. A guía Xila, membro dun clan castrexo de Viladonga, dará a benvida dun xeito especial aos visitantes e dirixiraos á sala de audiovisuais. Alí terá lugar a proxección dun vídeo e ao rematar, aparecerán dous personaxes que contarán diversas lendas. Farase unha ruta teatralizada polas distintas salas acompañados de Xila e de Maximus, un romano peculiar que de forma lúdica contarán anécdotas dos elementos que alí se atopan.

Unha vez rematada a visita no museo, o grupo emprenderá viaxe ao Castro onde aparecerá Caelio, o xefe dun clan moi poderoso neste poboado, que explicará a súa forma de vida dende que o galo canta ata que ouvean os lobos.

3 de decembro do 2013 Publicada a nova guía do Museo do Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga, museo monográfico xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de publicar a súa nova guía, unha publicación que pretende ser de utilidade para visitantes e interesados a este conxunto patrimonial que conforman o Museo e o Castro de Viladonga. 

A guía pretende ser o elemento auxiliar e complementario da visita e amplía a información ofrecida aos visitantes nas catro salas do museo incluíndo ademais boa parte das ilustracións e gráficos expostos nas súas salas así como referencias ás escavacións levadas a cabo no castro, ao contexto histórico da cultura castrexa e galaico-romana así como ao contorno natural e patrimonial do castro. 

A guía é pois unha ferramenta para toda clase de público e que pretende motivar e estimular o interese por conservar a memoria colectiva e entender a evolución e transformación que sufriu a cultura castrexa do noroeste especialmente despois da conquista romana.


Título: Museo do Castro de Viladonga. Castro de Rei-Lugo
Edita: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Lugo. 2013
ISBN: 978-84-453-50997

 

18 de outubro do 2013 Cultura e Educación convida aos escolares a participar nunha exposición temporal no Museo de Viladonga coas súas fotografías sobre o castro

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, invita aos alumnos que o visitan a dar forma a unha exposición temporal de fotografía coas imaxes que tomen do castro e do propio centro.

Esta iniciativa está dirixida aos alumnos e alumnas de terceiro ciclo de Ensino Primario e de Ensino Secundario que visitan o centro, e dará como resultado unha exposición temporal e itinerante, a disposición dos centros educativos que a soliciten.

Ao longo do curso escolar o Museo recibe numerosas visitas de grupos escolares. Con esta actividade, trátase de ampliar a participación dos rapaces e rapazas, que non serán meros espectadores senón que plasmarán a súa visión sobre o xacemento arqueolóxico e o museo en fotografías que poderán optar a formar parte da mostra.

A participación estará aberta ata o mes de maio e os grupos escolares deben solicitar a inscrición no mesmo momento en que se fai a visita, que ten unha duración aproximada de unha hora e pode completarse coa proxección de vídeos de entre 12 e 15 minutos cada un.

Unha vez rematada a visita, poderanse facer as fotografías, ben individualmente, por grupos de alumnos ou por aula. O colexio ou instituto debe realizar a selección das imaxes que considera que deben integrarse na exposición e remitilas ao museo.

O museo resérvase a competencia para facer unha segunda selección no caso de que a afluencia de fotografías exceda da cantidade que se poida utilizar, podendo quedar o resto en reserva para futuras exposicións ou para outras actividades de difusión que se realicen en colaboración cos centros escolares.

25 de agosto do 2013 Editado un novo número da revista científica e de divulgación cultural 'CROA'

Museo do Castro de Viladonga

No vixésimo terceiro volume do boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga destacan as actuacións máis recentes para a conservación do xacemento e información de interese sobre outros elementos do patrimonio cultural lucense.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita o vixésimo terceiro número de 'CROA', unha publicación para a expresión científica e divulgación cultural do Museo do Castro de Viladonga, dependente da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Neste novo volume, a revista afonda nas actividades do museo e da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga durante o período de setembro de 2012 a abril de 2013, así como nos traballos para o acondicionamento e a consolidación arqueolóxica do castro realizados en 2012. Así mesmo, fai un repaso ás actuacións levadas a cabo desde que comezaron na década dos setenta e información sobre as últimas novidades da biblioteca do Museo do Castro de Viladonga.

Ademais, este novo número inclúe artigos referentes ao recente achado dunha nova ara procedente dun ámbito rural do convento lucense de Outeiro de Rei e reflexións arredor da posta en valor da investigación no castro de Fazouro de Foz. Así mesmo, a revista recolle unha aproximación ao estudo do poboamento nas terras do Baixo Navia (Asturias) e á historia do santuario da Nosa Señora dos Remedios, así como ao xurdimento das feiras de As San Lucas de Mondoñedo.

O presente e o futuro da consolidación do Museo das Peregrinacións e de Santiago, dependente da Consellería de Cultura e Educación, tamén están presentes neste vixésimo terceiro número de 'CROA', dispoñible en formato electrónico no web do museo (www.aaviladonga.es).

Difusión dos traballos de conservación e investigación
O boletín 'CROA', promovido no ano 1991 pola Asociación de Amigos do propio museo, conta na actualidade coa colaboración dun amplo número de especialistas de diversos ámbitos como a historia, a arqueoloxía, a etnografía, a antropoloxía, o patrimonio cultural ou a museoloxía, entre outros. Así, a revista, que comezou a súa andaina como boletín de comunicación fundamentalmente interna da asociación, pasou a intercambiarse con máis de duascentas publicacións doutras tantas entidades e asociacións científicas e culturais.

Ademais, o Museo vén editando, desde 1987, unha serie de publicacións eventuais que comprenden guías do Museo, trípticos e folletos de man de exposicións, catálogos de seccións temáticas, e materiais moi diversos de difusión e divulgación para chegar a toda a sociedade.

25 de xuño do 2013 O Museo do Castro de Viladonga explica cunha exposición o labor de conservación no xacemento

Museo do Castro de Viladonga

"A conservación e restauración no Castro de Viladonga" é o título da exposición que, ata outubro, dá conta dos traballos que se veñen realizando no castro nos últimos trinta anos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, organiza a exposición temporal ‘A conservación e restauración no Castro de Viladonga’ localizada no museo do conxunto arqueolóxico lucense. A mostra, explica os traballos de conservación e restauración que se veñen realizando neste xacemento desde hai xa tres décadas. Estas son tarefas pouco coñecidas pero moi necesarias para que o castro siga en bo estado e os restos deste poboado fortificado sexan comprensibles para toda a sociedade.

A exposición, que estará aberta ao público ata o mes de outubro, consta de seis paneis que tratan sobre os factores de alteración que interveñen no deterioro das estruturas construídas do Castro de Viladonga e os procesos de conservación e restauración levados a cabo para contrarrestalos.

Viladonga, é un lugar emblemático e pioneiro da conservación in situ de restos arqueolóxicos cunha traxectoria de tres décadas na conservación deste poboado fortificado. A mostra realiza un percorrido desde os primeiros traballos nos anos 70 ata os traballos de conservación e restauración que se realizan hoxe en día.

Éxito rotundo das xornadas sobre a conservación

As ‘I Xornadas sobre a conservación en castros galegos. Estado actual e perspectivas de futuro’ desenvolvéronse entre o 14 e o 15 de xuño de 2013. O programa contou cun amplo seguimento con máis de 105 inscritos de todos os puntos de Galicia, Portugal e Asturias, o que indica o grande interese que concita a conservación do patrimonio arqueolóxico.

A iniciativa, enmarcada no programa de actuacións do museo para achegar o patrimonio cultural deste espazo á cidadanía, ten un claro carácter innovador ao seren as primeiras xornadas sobre o tema da conservación e restauración de castros que se celebran en Galicia.

Dentro das xornadas destacaron as intervencións e debate sobre nove castros galegos: Castro de Vigo, Viladonga, Castrolandín, San Cibrán de Lás, Castromaior, Santa Mª de Cervantes, Monte do Castro, Monte do Facho e Baroña, moi diferentes entre sí e con problemas distintos polo que solucións axeitadas a cada caso, o cal amosa que existen profesionais da restauración de gran nivel na nosa comunidade. Asemade, o día 15 realizouse unha visita guiada ao castro de Viladonga para explicar os traballos que se están a desenvolver da segunda fase do proxecto actual ‘Acondicionamento e consolidación arqueolóxica para a posta en valor do castro de Viladonga’.

Recuperación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza a conservación e posta en valor do Castro de Viladonga coa realización de novas actuacións neste xacemento arqueolóxico pertencente á cultura castrexa. Así pois, no mes de marzo iniciouse a segunda fase do proxecto de limpeza, consolidación e difusión do xacemento arqueolóxico, que se prolongará durante os próximos meses.

Esta nova fase, que se realiza coa axuda de Fondos FEDER, inclúe actuacións sobre 10 estruturas, todas elas dentro da croa do castro. Os traballos consisten en desmontar os muros que están en estado fráxil, reconstruílos co mesmo tipo materiais, sanealos para que drenen a auga e protexelos cunha cuberta de lousa tapada con terróns de herba, seguindo un sistema xa habitual neste xacemento e que lle proporciona unha maior estabilidade e favorecer a mellor comprensión do escavado.

Durante 2013 tamén está previsto desenvolver dúas limpezas ou rozados do conxunto do castro, algunhas melloras na accesibilidade a varias zonas do castro, así como a divulgación destes traballos arqueolóxicos de restauración e a colocación de sinais que complementen a información facilitada no museo.