Museos de Galicia

Museo de Terra Santa

O museo

O convento compostelán de San Francisco, fundado no ano 1214, acolle nun dos seus claustros a exposición estable do Museo de Terra Santa. Ademais de gozar do edificio, exemplo do barroco galego, a visita supón unha oportunidade única de coñecer a cultura do Próximo Oriente, xa que se presenta un percorrido por todos os momentos históricos dos lugares santos da Biblia.

A través das pezas expostas provenientes na súa totalidade de Terra Santa, podemos coñecer períodos tan remotos como o Paleolítico e, partindo del, todo o proceso histórico que sufriu a zona ata a actualidade. Os fondos expostos explican culturas tan afastadas no tempo como imprescindibles para entender a nosa propia historia, converténdose así o museo nunha ponte cultural que enlaza as cidades de Santiago e Xerusalén, xa unidas historicamente por ser dous dos principais centros de peregrinación.

A exposición permanente do museo de Terra Santa articulouse en tres seccións:

'Pasado remoto' inclúe os períodos dende o Paleolítico ata a dominación romana. 

Dende o século I a. C. ata a Primeira Guerra Mundial: romanos, bizantinos, árabes e turcos foron os encargados de configurar a historia de Xerusalén, civilizacións representadas na sección 'Xerusalén cobizada'.

E baixo o epígrafe 'Convivencia actual' amósanse as variadas relixións e culturas presentes na actual Xerusalén: xudía, musulmana, e cristiá.

Completan este percorrido maquetas dos edificios históricos (principalmente a Basílica do Santo Sepulcro) e actuais máis significativos, xunto cunha valiosa colección numismática que amosa as moedas usadas na zona dende as acuñadas por Alexandro Magno ata as actuais.

'Presente en Terra Santa' amosa os traballos artesanais da zona, feitos en nácara e madeira de oliveira.

Galería

  • Corán, Torá e Biblia

    Corán, Torá e Biblia

  • Lucerna bizantina co rostro de Xesús. Séc. V-VI

    Lucerna bizantina co rostro de Xesús. Séc. V-VI

  • Maqueta da basílica do Santo Sepulcro

    Maqueta da basílica do Santo Sepulcro

  • Pezas de época helenística

    Pezas de época helenística