Museos de Galicia

Colección Visitable Museo Marítimo 'Seno de Corcubión'

O museo

O Museo Marítimo "Seno de Corcubión" está situado nunha antiga fábrica de salgadura, transformada a principios do século XX e máis tarde adaptada para museo. A súa colección está relacionada coa vida marítima da Costa da Morte, e abarca o ámbito xeográfico do litoral dos concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría e Carnota.

A exposición dos obxectos comeza xa nas inmediacións do edificio, coa exhibición de mastros, candeeiros, grifóns de cadea, unha hélice de catro palas e unha áncora tipo almirantado, así como diferentes tipos de embarcacións.

Na sala dedicada ao salvamento marítimo destacan os botes salvavidas, desde os de construción de madeira de tingladiño, pasando polos de ferro, fibra de vidro e botes de rescate, ata as actuais e modernas balsas salvavidas. Tamén diferentes modelos de equipos de radio de emerxencia, concibidos para ser utilizados desde os diferentes botes ou balsas.

Na sala de instrumentos de navegación e electrónica atópase a colección de bitácoras e periscopios, agullas náuticas tanto de mesa como de botes, rodas de temón instaladas en equipos de goberno manual, eléctricos, hidráulicos e electrohidráulicos, así como diversos equipos de comunicación.

Conta tamén cunha sala dedicada á maquinaria de cuberta e carpintería de ribeira na que se expoñen patróns de madeira que serviron de base para a construción de buques e as ferramentas propias deste oficio.

Galería