Museos de Galicia

Museo Parroquial de San Martiño de Mondoñedo

O museo

As orixes de San Martiño de Mondoñedo atópanse na máis temperá Idade Media, sen embargo existe unha enorme lagoa documental que dificulta o seu estudo. O que si se sabe é a existencia dunha primitiva construción do século X da que quedan vestixios na actualidade. Hai teorías que defenden as orixes da sede episcopal de Mondoñedo neste mosteiro, actual sede do museo.

O edificio que pode verse na actualidade responde á arquitectura románica de finais do século XI, con engadidos posteriores como son os contrafortes do século XVIII. A decoración escultórica é de sumo interese polo seu estilo e pola iconografía, xa que ambos reflicten unha arte propia do Camiño de Peregrinación.

A igrexa do mosteiro, hoxe parroquial, acolle no seu interior unha colección na que as pezas máis destacadas son o frontal de altar con Cristo en Maxestade, do século XII, e o báculo e o anel do Bispo Gonzalo; xunto a elas pódense ver esculturas, pinturas, documentos, relicarios, misais, así coma unha colección de cálices, todas elas obras de carácter relixioso.

Galería