Colección Etnográfica e de Cerámica Regal - Xunqueira

O museo

O complexo Regal-Xunqueira comprende unha área de máis de 2.000 m2 distribuídos en diversas edificacións e dependencias, así como unha zona central dedicada a xardín. Nesta parcela desenvolveuse ata o ano 1962 a actividade industrial dunha fábrica de curtidos que chegou a ser a máis grande de Galicia.

Despois dunha intervención arquitectónica que permitiu tanto a rehabilitación total da parcela como a dos edificios que a compoñen, as antigas instalacións convertéronse nun complexo onde se mesturan a elaboración de pezas cerámicas e a actividade museística e cultural. Dentro do obradoiro de cerámica están incluídos diversos obradoiros relacionados cos diferentes procesos de creación de cerámica. Xunto á area de cerámica está a área comercial que consta de tenda, oficina e almacéns.

As instalacións que abranguen a área cultural son o Centro de Interpretación da Fábrica de Curtidos, o Centro de Arte Cerámica Regal, unha biblioteca especializada en arte e cerámica, a editorial, sala de actos, sala de exposicións temporais, zona de exposición de escultura no xardín central, taller e residencia de bolseiros.

A colección pretende revalorizar unha mostra destacada da arqueoloxía industrial galega no ámbito dos curtidos e por outra banda converter o complexo nunha plataforma de difusión da historia do proceso de elaboración da cerámica.

A colección artística está formada por obras pertencentes ás artes aplicadas (cerámica) e ás belas artes (debuxo, pintura, escultura…) expostas, na súa maior parte, no Centro de Arte Cerámica, incluíndo moldes, matrices e estudos sobre a creación dalgunha das obras expostas. A colección etnográfica está formada por pezas procedentes da fábrica de curtidos expostas no antigo muíño e documentos do antigo curtidoiro.

O complexo conta tamén cunha biblioteca especializada en arte e con fondos documentais do antigo curtidoiro.

 

Galería