Ir o contido principal

Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa

Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa

O museo

Inaugurado en 1989, o museo honra a figura do sacerdote D. Ramón María Aller Ulloa, destacado astrónomo e matemático nacido en Lalín en 1878 e finado en 1966. A antiga residencia do científico, un edificio do século XIX e onde se instalou o primeiro observatorio astronómico de Galicia adaptouse coma sede do museo. Consérvase o seu propio despacho, mobles e os instrumentos que este científico utilizou no seu traballo, así como documentos, fotografías e numerosos libros da súa biblioteca persoal.

No ano 2011 lévase a cabo o proxecto de recuperación deste primeiro observatorio, coa instalación dun novo telescopio, co que se ofrecen visionados nocturnos, e a reforma da antiga cúpula, recuperando e aproveitando as madeiras orixinais.

Por outra banda, o museo está dedicado a outros dous fillos ilustres de Lalín: Joaquín Loriga e Laxeiro.

De Joaquín Loriga (Lalín 1895 Madrid 1927), pioneiro da aviación española, o Museo conta na súa colección estable con algunhas das súas pertenzas. O pintor Xosé Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín 1908- Vigo 1996), unha das figuras senlleiras da pintura galega no século XX, ten unha sección propia coas 37 obras doadas polo pintor ao Concello de Lalín.

A sala de exposicións temporais acolle dende 1993 a Bienal Internacional “Pintor Laxeiro” en anos impares, sala na que tamén se programan exposicións temporais, presentación de libros, concertos, conferencias ou proxeccións audiovisuais.

http://www.lalin.org/museos/museo-ramón-maría-aller

Rúa Ramón Aller, Nº 9
36500 , Lalín

Tlf. 986784004
museo@lalin.gal

Horario

De luns a venres de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:30 h


Tarifas

Entrada gratuíta