Museos de Galicia

Museo Municipal de Ponteareas

O museo

O Museo Municipal de Ponteareas está situado nas dependencias dunha antiga fábrica de curtidos. A nivel expositivo, articulase de xeito cronolóxico en grandes varios apartados:

Ponteareas e comarca dende a época paleolítica á romanización, onde se recollen principalmente materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura galaico-romana. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de Gándara e unha pequena coleccións de bronces de datación romana do Coto de Altamira - Taboexa (As Neves) coa figura dun togado.

Da época medieval sobresae unha pila bautismal de notables proporcións, ben conservada e que pertence ao estilo románico.

A parte de historia contemporánea esta dedicada fundamentalmente a importantes persoeiros nacidos en Ponteareas, que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así no eido político cómpre destacar a Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal, e Isidoro Bugallal Araujo. No campo das letras e as artes hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado; músicos como Reveriano Soutullo, artistas como Vidalés Tomé, Antono Medal, Rogelio Lorenzo, Afonso Quinteiro...

No museo tampouco falta un lugar dedicado á principal festa de Ponteareas: o Corpus Christi e as súas alfombras florais, unha das sinais de identidade colectiva da vila.

Dende 1998 o museo conta co Centro de Recuperación de Cultura Popular, que ten como obxectivo a recuperación da nosa memoria colectiva expresada a través do que coñecemos como patrimonio cultural tradicional. Instalado no Castelo de Sobroso (a sete quilómetros de Ponteareas), amosa unha exposición permanente de indumentaria e oficios tradicionais e unha recreación dos ambientes dunha casa rural tradicional. O centro conta cun obradoiro artesanal téxtil e unha tenda de artesanía da comarca do Condado, e nel organízanse periodicamente cursos, obradoiros etc. sobre materias relacionadas coa cultura tradicional galega.

Galería