Museo das Peregrinacións e de Santiago

1. A peregrinación como fenómeno universal

Un museo como este, con vocación universal, non pretende enfocar o tema da peregrinación dende un punto de vista localista ou exclusivo senón como un fenómeno universal, incluso máis alá dunha única relixión, e cun significado que transcende o mero transitar físico.

A peregrinación e A peregrinación como alegoría.

En ambos os dous módulos expositivos, afóndase no significado do acto de peregrinar, tanto dende o punto de vista físico como espiritual. O camiño e o santuario son elementos imprescindibles, pero con relacións especiais que os diferencian dunha simple viaxe, xa que o concepto alegórico da peregrinación e do camiño está presente na maioría das crenzas.

Peregrinacións no mundo

Ilustra como a peregrinación é un fenómeno universal de variedade xeográfica, cronolóxica, social e cultural.

A peregrinación cristiá

Céntrase nas tres grandes rutas: Santiago, Xerusalén e Roma.

2. A peregrinación e o Camiño de Santiago

É unha área temática ampla que aborda numerosos e variados contidos.

En primeiro lugar, preséntase a figura do Apóstolo baixo o epígrafe Santiago. Historia, tradición e lenda, dando a coñecer as súas relacións familiares e de amizade coa figura de Xesús e, a partir de datos históricos e da tradición evanxelizadora na que se enmarca, a súa participación na evanxelización de Hispania.

Continúa coa lenda xacobea da translación do corpo do apóstolo Santiago e as circunstancias do Descubrimento e identificación do corpo apostólico que significan a orixe do culto a Santiago e o nacemento da peregrinación a Compostela. Este feito enmárcase dentro da tradición de achados milagrosos de reliquias, mostrando aos seus protagonistas, Teodomiro de Iria e Afonso II e a situación do mausoleo apostólico.

A continuación preséntanse Os Camiños de Santiago, a súa orixe lendaria, as referencias históricas e a elección do trazado para levar a cabo a viaxe, así como as rutas na península Ibérica e os Itinerarios europeos. Móstrase, asemade, como todo iso afecta á consolidación dos núcleos urbanos, á adecuación viaria e ao nacemento de infraestruturas vinculadas ao camiño.

Como elemento fundamental do Camiño, O peregrino xacobeo: as súas motivacións, a súa forma de desprazamento -maioritariamente camiñando-, os elementos máis identificativos da condición de peregrino a través da súa indumentaria, os recordos da peregrinación levada a cabo e outros aspectos complementarios como son a aparición da Orde de Santiago e de normativa para protexer ao peregrino así como de institucións para facilitar a súa viaxe, sobre todo a indispensable asistencia sanitaria. Destaca tamén o interese da literatura de viaxes da que forman parte as guías e relatos de peregrinación, sobre todo, a transcendental importancia do Libro V do Códice Calixtino. Unha guía do século XII para os peregrinos que seguían o Camiño de Santiago na súa viaxe a Compostela, con consellos, descricións da ruta e das obras de arte e costumes locais das xentes que vivían ao longo do Camiño.

Asociado ao peregrino, os Símbolos, rituais e documentos da peregrinación, xa que os emblemas e distintivos como vieiras, bordóns ou a Cruz de Santiago son parte consubstancial ao camiñante, como tamén o son os rituais e o seu documento final, a Compostela que testemuña o camiño realizado. A literatura e a música da peregrinación, reflicte como a peregrinación a Santiago é un inmellorable exemplo que ilustra a importancia que os elementos literarios e musicais teñen en todas as peregrinacións.

Un apartado moi destacado desta área temática é a Iconografía xacobea e A representación do Apóstolo onde se mostra a diversidade iconográfica do Apóstolo, e como a súa imaxe se foi adaptando ás diferentes necesidades devocionais e políticas, dende a súa condición de apóstolo, pasando á de peregrino ata chegar á imaxe de Santiago como cabaleiro.

Por último abórdase a figura e a difusión do seu culto en Santiago no mundo, tanto en territorio hispano dende época moi antiga, coma en Europa e América así como o papel que xogou como símbolo de unidade política e relixiosa de España, tras o descubrimento de América.

3. A cidade de Santiago de Compostela

A outra grande unidade temática da nova exposición da sede de Praterías é a que abrangue a propia cidade de Compostela. As grandes liñas argumentais céntranse no propio santuario que lle dá razón de ser, a Catedral. Por outra banda tamén se trata o desenvolvemento tanto urbanístico coma económico da cidade que leva aparellado e, por último, as circunstancias que levaron á decadencia do fenómeno da peregrinación xacobea e ao inicio e auxe das peregrinacións modernas actuais.

A evolución construtiva do propio edificio catedralicio dende os seus inicios abórdase en Un lugar para o culto. A evolución do santuario, onde se explica como os vestixios construtivos anteriores nos conducen a un lugar de culto precristián, no que o mausoleo que alberga o corpo do Apóstolo se constitúe na orixe da propia catedral e da cidade. Coa atribución da condición de tumba apostólica inícianse as profundas transformacións do lugar. Un primitivo templo, pronto substituído por outro maior (as Basílicas de Afonso II e Afonso III), xunto con outras construcións relixiosas e defensivas, foron dando unha dimensión urbana a este recinto. Deste modo, a partir do século XI, co auxe das peregrinacións e o apoio da monarquía e do papado, a Igrexa compostelá levará a cabo o gran proxecto para contar cun santuario acorde coa súa categoría de sede apostólica: o templo románico. Este, co paso do tempo, acolleu outras manifestacións artísticas (o proxecto gótico e as achegas renacentistas e barrocas).

Xunto á evolución do santuario abórdase o Desenvolvemento urbanístico e económico da cidade de Santiago de Compostela, que irá adquirindo paulatinamente maior peso relixioso, político, económico e cultural. A súa condición de sede apostólica e de cabeza dun señorío moi extenso e poboado, foron un estímulo para o establecemento de institucións relixiosas, políticas, educativas e asistenciais que deixaron a súa pegada no urbanismo. Deste modo abórdase a ocupación dende a antigüidade do territorio, o gran desenvolvemento urbanístico da época medieval, o potente señorío coñecido como "Terra de Santiago" e a composición do resto da sociedade a través da existencia de artesáns vinculados ao esplendor do santuario: acibecheiros, prateiros, gravadores e outros gremios e confrarías. Por último, esta área temática finaliza co módulo dedicado á caída do fenómeno da peregrinación e ás circunstancias históricas que fixeron posible o renacemento do Camiño de Santiago, que é a peregrinación actual, baixo o epígrafe: A reinventio. A pervivencia da peregrinación.