Pazo de Arxeriz

O museo

O Pazo de Arxeriz atópase na Ribeira Sacra, no concello do Saviñao, parroquia de Fión, dentro dunha finca de 30 hectáreas cunha situación privilexiada na ribeira do Miño. O museo está composto polas salas habilitadas dentro do pazo do século XVII e por unha serie de edificios de arquitectura popular situados dentro da finca.

Dentro do pazo consérvase a cociña tradicional cunha lareira, mobles e utensilios de cociña. Pola súa banda, o salón estase acondicionando como referente da cultura castrexa, cun espazo expositivo para os restos arqueolóxicos aparecidos no castro na campaña 2013.

Na sala da ribeira facilítase unha visión xeral do territorio que abranguen os cursos dos ríos Miño e Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra, nunha maqueta a escala, na que está representado o patrimonio arqueolóxico e a arquitectura relixiosa e civil máis salientable da zona. Tamén se sinalan os territorios anegados polos encoros, as diferentes paisaxes, aldeas, transportes, xeitos de vida, tradicións e lembranzas que quedaron asolagadas polo proceso.

Na sala da viticultura tradicional están expostas as ferramentas e aparellos empregados na zona –de antiga tradición vitivinícola- que se empregaban na elaboración do viño de xeito artesanal e tradicional.

Continuando coa visión da zona na que se asenta o museo, dedícanse dúas salas á cultura fluvial, cunha exposición de barcas propias dos ríos Miño, Sil e Cabe.

A visita complétase cun percorrido pola finca para poder coñecer as construcións adxectivas do pazo (capela, hórreo, cabaceiro, pombal, fornos, palleira, aira, curral), o castro (onde se levou a cabo a primeira campaña de escavación arqueolóxica no 2013), cunha cata visitable e dende onde se pode gozar das extraordinarias panorámicas da ribeira fluvial.

Galería