Museos de Galicia

Novas

14 de novembro do 2014 Públicase un libro que repasa os 10 anos da vida cultural do Museo Pedagóxico de Galicia

Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no MUPEGA o libro 10 anos do Museo Pedagóxico de Galicia, unha nova actividade –tras a recente inauguración dunha mostra conmemorativa o pasado 20 de outubro– programada para celebrar o décimo aniversario desta institución cultural.

En concreto, a obra 10 Anos... estrutúrase nun capítulo inicial que enmarca o volume, asinado polo actual director Emilio Castro; vinte artigos de balance e síntese do que significa o MUPEGA e a súa evolución durante estes primeiros dez anos, asinados todos eles por prestixiosas autoridades do eido educativo e profesionais vinculados á institución; e unha sucinta escolma gráfica que dan conta da evolución desta institución museal sita no compostelano barrio de San Lázaro.

Neste sentido, o conselleiro explicou que o libro recolle a participación coral dunha vintena de amigos e colaboradores do MUPEGA, “un conxunto de textos –afirmou Vázquez Abad− que nos ofrecen, por este motivo, unha serie de pensamentos e lembranzas, de impresións e suxestións arredor da existencia deste centro museístico de referencia dentro do noso actual sistema educativo. Un volume no que os lectores poden atopar ademais, a modo de sucinta crónica, os acontecementos vividos nesta curta andaina e a descrición deste xermolar.”

“O Mupega –concluíu o titular de Cultura− está pois de parabéns porque chega ao uso de razón, que se dicía antano, e porque faino respondendo ás características que xa apuntaba o Premio Nobel turco, Orhan Pamuk, nun artigo publicado co título Modesto manifiesto por los museos: «Reivindico un museo pequeno que conte historias a escala humana, que recree o pasado de seres humanos singulares, que nos fale de historias cotiás e ordinarias…», e todo isto faino, coma ninguén, o noso Mupega.”

Educar, conservar, protexer
Ademais da presentación do libro conmemorativo, o Mupega acolleu dentro do programa de actos conmemorativos do día, a conferencia “Patrimonio histórico: educar, conservar, proteger”, que impartiu a profesora da Universidade Complutense e xefa do servizo do servizo de exportación e importación de Bens Culturais da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, Inmaculada González Galey. A xornada rematou cunha visita guiada polo director do centro, Emilio Castro, á referida mostra temporal “10 anos de Mupega.”

O patrimonio pedagóxico e lúdico de Galicia
O MUPEGA, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece nas súas plantas baixa e primeira diversos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos.

Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos da nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX, e que son o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra). Algunhas pezas singulares expostas neste andar son o Mapa Orográfico de Vicente Fraiz Andón, a máquina de imprenta Minerva, o motor Barreiros, que se empregaba na instrución do alumnado de FP na rama de mecánica, ou a máquina Perkins para a escritura en Braille.

Cómpre lembrar ademais que o museo mantén desde o principio un compromiso co mundo infantil, en xeral, e co do xogo e xoguete tradicional galego, en particular. Hai varias áreas especificamente deseñadas para explicar elementos capitais do mundo infantil como son o nacemento, a crianza e o xogo. Neste sentido cómpre destacar unha ludoteca para os máis pequenos e un patio de xogos exteriores para que os maiores podan coñecer e gozar co noso patrimonio lúdico máis enxebre.

10 de novembro do 2014 IV encontro de conservación e restauración no Museo de Pontevedra

Imaxe do encontro
Imaxe do encontro

Baixo o lema “Moldes, réplicas e patrimonio” celebrarase o IV Encontro de Conservación e Restauración os días 19, 20 e 21 de novembro no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

O interese dos moldes e reproducións como colección museística, como vestixio dunha metodoloxía de traballo, como técnica de conservación e como obxectos que tamén debemos conservar, serán os fíos condutores das sesións deste encontro.

A organización corre a cargo do Museo e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e está dirixido tanto a profesionais do eido da restauración e a conservación, como doutros vinculados coas actividades museísticas e artísticas, así como a estudantes ou ó público interesado en xeral.

As inscricións realizaranse na secretaría do Museo de Pontevedra: secretaria.museo@depo.es (información no teléfono 986 804 100 ext.: 42436) ata o 12 de novembro. Efectuaranse por rigorosa orde de rexistro de entrada ata completar o número de prazas, limitado a 240 persoas.

Os asistentes recibirán un diploma acreditativo. Está solicitado un crédito de libre configuración á Universidade de Vigo.

Descargas:

Folla de inscrición

Progrma completo

31 de outubro do 2014 O CGAC acolle o novo proxecto expositivo dun dos mestres da abstracción, Carlos León

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou nun acto informativo celebrado hoxe ás 12 h. un CGAC a mostra do artista ceutí Carlos León, ‘A orde das primeiras cousas’. Na rolda de prensa participaron o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Miguel von Hafe; os dous comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González- Alegre; e o propio artista que sinalou que "co proxecto desta exposición nacín realmente como escultor" e engadiu que quixo incluír na mostra "un cadro recién creado que marca una nueva etapa en mi pintura" o que, dalgún xeito, fai que esta mostra sexa un fito significativo na traxectoria creativa deste extraordinario artista plástico.

Con máis de 30 pezas entre pinturas e esculturas, ‘A orde das primeiras cousas’ é a mostra máis completa que se ten realizado deste importante artista en España. Na actualidade, a súa obra imponse como unha das propostas fundamentais da pintura abstracta española. ‘A orde…’ ocupará toda a planta baixa do centro e poderá visitarse até o 1 de marzo de 2015.

A orde das primeiras cousas
A exposición sita no CGAC explora e vertebra algunhas das series máis recentes do pintor. Nela, Carlos León obxectualiza o acto de pintar. A súa paleta de maxentas, carmíns, azuis prusia, índigos e ocres ten continuidade nos óxidos e os restos de pintura dos elementos recuperados das chatarrerías. Os refugallos industriais presentes nas súas obras compoñen a súa particular linguaxe. Deste xeito, o artista indaga nos xogos que se establecen entre o radical cuestionamento do ilusionismo da súa pintura e a práctica construtiva da súa produción escultórica.

As salas do Centro pobóanse de ferros, táboas, cables e palanganas que se atopan formando esculturas e que dialogan con cadros tamén superpostos e que se elevan sobre o chan con pezas que remiten ao espazo do seu taller. Os obxectos revelan as súas historias e a pegada das persoas que os construíron, os empregaron e os desbarataron. O artista toma estes restos industriais como fragmentos de poemas ou notas musicais para crear os seus propios versos e partituras no espazo expositivo do CGAC.

23 de outubro do 2014 Visita do embaixador de Xapón en España ao Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Con motivo da viaxe oficial a Galicia do embaixador de Xapón en España, Kazuhiko Koshikawa, realizou unha visita ao Museo das Peregrinacións e de Santiago acompañado da súa esposa e do seu primeiro secretario.

Nesta visita de máis de unha hora, amosou un grande interese polo museo, especialmente pola sala dedicada á construción da catedral e á lenda da Traslatio e do achado dos restos do Apóstolo Santiago no monte Libredón, pola simboloxía e utilización da cuncha, polo acibeche e a súa constitución e uso e pola iconografía de Santiago. Así mesmo, percorreron de vagar a exposición temporal das iconas rusas, asombrados polos detalles da súa execución e temática.

A relación do Museo das Peregrinacións con Xapón vén xa dende 1999, ano no que o museo acolleu unha exposición temporal sobre o Camiño de Kumano, quizais o máis importante dese país e cun gran paralelismo histórico co Camiño de Santiago, froito do cal as dúas cidades están irmanadas. Dende esa data xa visitaran o museo o por entón embaixador do Xapón, e ao longo destes anos diferentes cargos políticos, turísicos e económicos da Prefeitura Gubernamental de Wakayama, moitas veces con gallo de establecer relaciones e intercambios culturales. O museo tivo ocasión de volver presentar nas súas instalacións en 2008 unha segunda exposición sobre unha parte deste importante camiño:"Totsukawamura, Corazón do camiño", con fotografías realizadas polo fotógrafo Luis Ocaña.

Esta constante e estreita colaboración entre a rexión xaponesa de Wakayama e o Museo das Peregrinacións e de Santiago é a que atrapou o interese polo coñecemento deste centro do actual embaixador do país nipón.

22 de outubro do 2014 A arte e as emocións centran o encontro que se celebra no Museo de Belas Artes da Coruña

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle desde hoxe e ata o venres 24 de outubro a actividade ‘Arte e emocións’, un encontro promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) para abordar o estudo das prácticas, os obxectos e as representacións das emocións ao longo da historia da arte.

Este espazo para a reflexión, o debate e a posta en común de coñecementos foi inaugurado hoxe polo director director da UIMP de Galicia, Domingo Bello; pola directora do museo, Ángeles Penas; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou as diversas perspectivas que abordará o encontro, como a presenza das emocións nas diversas manifestacións artísticas, a súa capacidade para favorecer a creación e as sensacións producidas no espectador.

Para isto, o curso presenta unha vía de aproximación histórica, que tratará de situar as obras no marco da cultura, a situación social e a estética predominante en determinadas épocas, como a antigüidade clásica, o medievo ou o Barroco; e unha vía de carácter temático, en función da iconografía e os seus significados.

Visión especializada e inédita
Atendendo ao carácter transversal do proxecto, o encontro conta cun grupo de especialistas de disciplinas diversas como a historia cultural, a antropoloxía, a historia da ciencia, a filosofía, a historia da arte e a literatura. “Eles e elas, recoñecidos investigadores e investigadoras de diversas universidades que traballaron na materia ou que o están a facer na actualidade, a través de publicacións, artigos, exposicións etc., serán os encargados de guiar ese achegamento á arte e ás emocións, para ofrecer unha visión especializada e rigorosa, e, nalgúns casos, tamén practicamente inédita”, afirmou Anxo Lorenzo.

A risa e o pranto na obra de Baltasar Gracián, as emocións no rostro en imaxes relixiosas da pintura barroca española, as paixóns e o pensamento no mundo antigo, as emocións no cine, os sentimentos no romanticismo alemán, a expresión na pintura do século XIX, os afectos en tratados de retórica e técnica vocal, as paixóns da modernidade e as emocións a través do corpo na arte contemporánea son algúns dos temas que se abordarán desde hoxe ata o venres 24 de outubro neste encontro.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21