Museos de Galicia

Novas

10 de decembro do 2015 Comeza a programación de inverno no Museo de Historia Natural da USC

Este sábado 12 de decembro o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela celebra o primeiro obradoiro da súa programación de inverno. Trátase dun obradoiro titulado "Millóns de anos de vida na Terra". Nel exporanse os rasgos principais das eras xeolóxicas a través dos seus fósiles e realizaranse manualidades ao redor dos fósiles e os dinosauros.

O obradoiro está dirixido a nenos e neas de 6 a 12 anos. Celébrase o sábado 12 de decembro, cunha duración de 3 horas (de 10:30 a 13:30). O prezo é de 4 euros por persoa. A inscrición pode realizarse a través da seguinte ficha: http://revistas.usc.es/museohn/today/obradoiros/obradoiro_0001.html

A programación continuará nos meses de decembro e xaneiro con outros catro obradoiros para nenos e nenas: "Nadal no Museo. As árbores de nadal" (22 e 29 de decembro), "A colección de minerais 'Joaquín Pardo' no Museo" (23 de xaneiro), "Entroido no Museo" (6 de febreiro) e "Fuxindo do frío. Animais hibernantes e migratorios" (26 de febreiro).

10 de novembro do 2015 O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañou esta mañá ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, na súa visita ao Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago comezou o pasado sábado unha nova etapa con nova sede museística e novo proxecto museográfico que reforza e clarifica o discurso expositivo e a posta en valor das pezas amosadas neste centro de titularidade estatal e xestión autonómica.

O novo programa expositivo, redactado polo equipo técnico do museo, pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun discurso que, partindo do fenómeno universal das peregrinacións, mostra a relevancia da peregrinación xacobea e a súa incidencia na evolución da cidade compostelá.

A presentación dos contidos, confeccionada para resultar amena e interesante para un público diverso, estrutúrase en catro niveis de lectura para a comprensión dunha historia milenaria, que se desenvolve á marxe das barreiras políticas, das culturas e do tempo: tres grandes áreas temáticas que levan ao visitante do universal ao local e un epílogo.

Desde as distintas peregrinacións existentes en todas as latitudes, pasando polas peregrinacións cristiás e as tres grandes rutas: Santiago, Xerusalén e Roma, continuando pola historia, tradición e lenda xacobea, e rematando pola pegada histórica e evolución da urbe de Santiago, o museo ofrece un relato histórico, artístico e cultural extraordinario que permite comprender a peregrinación a través dos bens culturais relacionados con ela.

20 anos de Peregrinacións
Creado en 1951 como Museo de Santiago e das Peregrinacións, por iniciativa da Dirección Xeral de Belas Artes e o Municipio de Santiago, trátase dun museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia en 1995. Foi inaugurado de forma definitiva en febreiro de 1996 na súa sede da Casa Gótica.

A nova sede de Praterías, situada no edificio anteriormente ocupado polo Banco de España, en pleno casco histórico compostelá e ao lado da Catedral, foi rehabilitado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto e ofrece unha arquitectura actual adaptada ás necesidades dun museo do século XXI, que permite poñer en valor as colección atesourada e mostrala ao visitante nun novo discurso expositivo.

O museo amplía os seus espazos comprendendo a partir deste momento dúas sedes de acordo co establecido no seu Plan Museolóxico. Por unha banda, a Casa Gótica, que se define como sede administrativa e de xestión e, por outra, a sede de Praterías, como sede expositiva. Deste modo, o centro de Peregrinacións comeza unha nova etapa na súa traxectoria, un tempo no que impulsa o achegamento público ás coleccións histórico-artísticas empregando novos soportes.

Galería

  • O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • O ministro de Cultura visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago

5 de novembro do 2015 Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

 

A nova exposición permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago, no edificio do antigo Banco de España na Praza das Praterías, abre as súas portas ao público cun renovado proxecto museográfico, que inclúe novos contidos, incorpora máis de cincocentas pezas e complétase con dúas exposicións temporais. O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, titular do museo, e a Xunta de Galicia como órgano xestor, impulsaron este proxecto ao longo dos últimos anos, nesta nova sede rehabilitada polo Consorcio da Cidade de Santiago, segundo o proxecto de Manuel Gallego Jorreto.

O proxecto museográfico foi redactado por Gestión de Diseño S.L. sobre o programa expositivo elaborado polo equipo técnico do Museo, e executado por INTEGA Interiores Galicia S.L.

O sábado 7 de novembro é o día de apertura, en xornada de portas abertas que continuarán ata o día 15 inclusive. O público terá acceso gratuíto á exposición permanente, distribuída en 4 plantas e 3 grandes áreas temáticas: a peregrinación como fenómeno universal, a peregrinación e o Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela.

O novo discurso expositivo establécese con vocación de resultar ameno, interesante e atractivo para un público diverso, cun deseño que consegue un equilibrio entre a arquitectura do inmoble e a exposición das coleccións. A información ofrécese en diversos soportes: textual, gráfico, audiovisual e interactivo, aptos para distintos niveis e dificultade. Ademais, a nova exposición pretende ser accesible a todos os públicos, mediante a supresión de barreiras arquitectónicas ou a fabricación de cinco estacións táctiles deseñadas para público con discapacidade visual.

No novo discurso tamén se inclúen varias zonas de musealización especial denominadas “museo en acción”, que pretenden transmitir ao público diversos aspectos que forman parte do traballo interno do museo: pezas de recente adquisición, restauracións, traballos de investigación, etc, que proxectan a imaxe dun museo en constante evolución.

Ademais das salas que conforman a exposición permanente, o museo dispón no soto dun salón de actos e dunha sala polivalente (para a realización de actividades e exposicións temporais), así como unha pequena tenda, na planta baixa, onde os visitantes poderán adquirir os catálogos e publicacións do museo, así como diversos artigos de merchandising. Ademais, na terceira planta, o museo porá en marcha un servizo de cafetería nun espazo acristalado con perspectivas privilexiadas das torres da catedral.

Galería

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

27 de outubro do 2015 Convócase a terceira edición do Curso de conservación preventiva de libros, documentos e obra gráfica

A terceira edición do Curso de conservación preventiva de libros, documentos e obra gráfica celebrarase de outubro de 2015 a xuño de 2016. Está organizado polo Instituto Universitario General Gutiérrez Mellado e Departamento de Historia Contemporánea da UNED en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o Instituto do Patrimonio Cultural de España e a Fundación Carlos de Amberes.

A matrícula está aberta ata o 15 de novembro de 2015. Consulte aquí o folleto do curso (PDF). e descargue o impreso de matrícula (PDF). Máis información en http://www.cursoconservacion.com.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21