Museos de Galicia

Novas

4 de maio do 2016 Amplo programa de actividades polo Día Internacional dos Museos

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán un amplo programa con concertos, actividades teatralizadas, exposicións e obradoiros dirixidos a todos os públicos.

O 18 de maio, Día Internacional dos Museos, celebrarase a súa 38 edición en torno ao lema "Museos e Paisaxes Culturais". Búscase resaltar a responsabilidade dos museos en promover e comunicar tanto as súas propias coleccións, como o patrimonio cultural e natural da súa contorna.  Desde modo, recoñécese o papel dos museos para participar no desenvolvemento, axudando a formar lazos entre a poboación e o seu medio ambiente, e a concienciar ao público sobre a necesidade de participar converténdoos así en embaixadores dun territorio, comprometidos na protección activa do patrimonio cultural e natural.

Neste senso, e coma todos os anos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase a esta celebración cun programa de actividades que se levarán a cabo en todos os museos dependentes da Consellería. Haberá diferentes propostas case que ao longo de todo o mes de maio, dende 7 ao 29, sendo o día 18, o propio Día Internacional, un dos días con actividades máis destacadas.

Exposicións, concertos, cine, actividades e obradoiros

O Museo de Belas Artes da Coruña fai coincidir esta data coa apertura de novas propostas expositivas, ámbalas dúas conmemorativas, cunha exposición sobre Álvaro Cebreiro no centenario das Irmandades da Fala, e outra conmemorando o IV centenario da morte de Cervantes. Na Noite dos Museos, o sábado 21 de maio, Belas Artes abrirá as súas portas para ofrecer visitas guiadas, un concerto de jazz e un espectáculo de maxia.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago desenvolverá o día 18 un completo día chamado Paisaxes sonoras, a través da creación de diferentes atmosferas musicais que culminarán nun concerto no Auditorio do Museo.

Pola súa parte, no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ademais de facer coincidir a súa habitual presentación pública da peza do mes organizou unha serie de roteiros especialmente artellados sobre o lema desde ano; serán visitas a lugares da contorna de especial significación cultural (saídas os días 7, 14, 21 e 28 de maio). Tamén se propón un obradoiro para os máis pequenos os días centrais da celebración,  que baixo o título Museos e Paisaxes culturais: as torres medievais da Limia, achegará aos máis cativos aos paisaxes culturais da contorna. O propio día 18 programouse tamén un concerto no Claustro do Museo.

As propostas para esta celebración do Museo Etnolóxico de Ribadavia incorporan a novidade da proxección dun documental con música en directo o propio día 18, aínda que comezarán coa celebración o domingo anterior, o día 15 de maio cun concerto de música clásica no patio do Museo. Tamén se incorporarán á Noite dos Museos propoñendo abrindo as súas portas ata a unha da madrugada e ofrecendo visitas teatralizadas á exposición.

O Museo Massó de Bueu presentará unha nova exposición conmemorativa sobre Salvador Massó e os 200 anos do establecemento desta familia de industriais en Bueu, e retomará as celebracións o sábado 21, cunha proposta para os máis cativos pola mañá e un concerto dende as 20:30 h.

Coma todos os anos, o Museo do Castro de Viladonga tamén se sumou con diversas propostas dende o 17 de maio (actuación de música tradicional), o 18 (exhibición de aves rapaces) e o 19 (obradoiros de barro en vivo)  pero sobre todo o día 21 na Noite dos Museos: actuacións de música tradicional no xardín do museo, mentres que no castro se realizan diver­sas actividades e obradoiros arredor da época castrexa, e a xornada rematará cunha visita nocturna ao castro.

O Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) sumouse a esta conmemoración entre os días 13 e 28 de maio, con xornadas de portas abertas e visitas guiadas pola historia da cartografía escolar, xunto coa exposición temporal de fotografía sobre o lema deste ano, “As paisaxes culturais da educación en Galicia”.  Tamén se ofrecen roteiros individuais polo Museo e actividades para levar a cabo en familia.

Actividades gratuítas

Hai que sinalar que todas estas actividades ofrécense de xeito gratuíto. Non obstante, como algunhas delas dependen do aforo dos lugares onde se desenvolven, recoméndase que se consulten as páxinas webs destes museos ou o Portal de Museos da Consellería para comprobar as horas e se fai falta inscrición previa, así como os detalles máis pormenorizados.

Nos Parques Arqueolóxicos organízanse visitas guiadas. No P.A.C.C. de San Cibrao de Las faranse o fin de semana, os días 21 e 22, e no P.A. de Arte Rupestre de Campolameiro faranse  todas as mañás dos días 17 ao 22 (inclusive). Neste centro aproveitarase a ocasión tamén para inaugurar unha exposición fotográfica o día 18.

Pódense consultar todas as actividades neste calendario.

28 de abril do 2016 Presentación do número 1 do Boletín do Museo de Belas Artes, cun monográfico sobre arte e emocións

Museo de Belas Artes da Coruña

Presentación do boletín
Presentación do boletín

O Museo de Belas Artes da Coruña súmase á actividade editorial desenvolvida por tantos outros museos que, dende hai anos, xa sexa a través das súas asociacións de amigos ou directamente, editan boletíns nos que publican periodicamente o resultado das súas actividades e investigacións ata converterse, nalgúns dos casos, en publicacións de referencia non marco da comunidade educativa e no ámbito da cultura en xeral.

Número 1. Monográfico arte e emocións
O primeiro número deste boletín presentouse ao público en forma de monográfico, no que se recollen as conferencias presentadas con motivo das xornadas celebradas o pasado outubro de 2014 no Museo de Belas Artes, e organizadas en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo.  

A presentación levouse a cabo o 14 de abril no Salón de Actos do Museo e nela participaron Anxo M. Lorenzo Suárez (secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia), Ángeles Penas Truque (directora do Museo) e Domingo Bello Janeiro (director da UIMP Galicia)

Iniciase así unha nova etapa para o Museo de Belas Artes, no que o seu equipo se propón traballar e responsabilizarse para facer deste boletín unha publicación de referencia, onde lles move a vontade de manter unha excelencia e un nivel intelectual, asumindo o compromiso de orientala de acordo coas directrices que actualmente definen a calidade da xestión editorial e os contidos das revistas académicas.

Non nos cabe dúbida algunha de que esta publicación, dirixida non só a historiadores da arte, artistas, arquitectos, especialistas en estética, investigadores e profesionais relacionados coa historia, a práctica e a teoría das artes, senón tamén a todos aqueles públicos interesados en coñecer e afondar sobre os fondos do museo, a súa actividade e as súas funcións, terá unha importante repercusión en todos os ámbitos do coñecemento.

Contidos do Boletín:

  • Presentación. Ángeles Penas Truque. Directora do Museo de Belas Artes da Coruña
  • Emoción en el rostro, conmoción en el alma: imágenes religiosas en la pintura barroca española. Mª del Mar Albero Muñoz. Universidad de Murcia
  • Panorama sobre la unión de risa y llanto en la obra de Baltasar Gracián. Aurora González Roldán. Universidad Nacional Autónoma de México
  • Las formas simples de la imagen en el arte prehistórico. José Carlos Bermejo Barrera / Mar Llinares García. Universidad de Santiago de Compostela
  • Renuncia al amor y brujería. Un motivo religioso en el cine de Hollywood. María Tausiet. Doctora en Historia por la Universidad de Zaragoza
  • Afectos y pasiones en tratados de retórica y técnica vocal. Del stile rappresentativo al bel canto. Lucía Díaz Marroquín. Universidad Complutense de Madrid
  • La arena y el viento. Las emociones en la medicina del romanticismo alemán. Luis Montiel. Universidad Complutense de Madrid
  • La economía moral de la ambición o el deseo inmoderado de elevación. Javier Moscoso Sarabia. Instituto de Historia. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC)

 

14 de abril do 2016 Abre unha nova convocatoria de bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego

Hoxe abre o prazo para presentarse ás bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego, convocadas pola Orde do 22 de marzo de 2016 publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Ata o 13 de maio é posible enviar a solicitude para optar a unha das oito bolsas de formación convocadas. Cada bolsa ten unha duración máxima de seis meses de duración e un importe de 5.750 €.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

As persoas solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble deben ter unha licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o espazo europeo de educación superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación: Historia ou Antropoloxía, Historia da Arte, Arqueoloxía.

No caso das solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia, deben ter unha diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de Arqueoloxía, Pintura ou Escultura.

Toda a información relacionada pode consultarse na sección "Bolsas e  subvencións" desta web.  

1 de abril do 2016 Unha gran doazón para o Museo Massó

Museo Massó

Antonio Rama. Foto: Fernando Bellas
Antonio Rama. Foto: Fernando Bellas

Os fondos do Museo Massó víronse incrementados nos últimos días coa incorporación dunha desinteresada doazón dun coleccionista particular, Antonio Rama, composta por una variada colección de obxectos náuticos.

Antonio Rama Laguna foi reporteiro gráfico ata o seu retiro, actividade que desenvolveu moitos anos na Televisión de Galicia. Compaxinou o seu traballo cunha das súas grandes afeccións, o coleccionismo de obxectos e antigüidades relacionados coa navegación.

A doazón realizada á Comunidade Autónoma de Galicia para ser exposta no Museo Massó, xa está nas instalacións do Museo, que prepara unha exposición temporal para presentala ao público e como adianto do que será nun futuro a súa integración na exposición permanente.

 No Museo Massó estase a catalogar este material, composto por case duascentas pezas, entre as que figuran obxectos que non existían nos fondos do Museo, que posúe unha das mellores coleccións de instrumentos de navegación.

Entre os obxectos doados destacan os instrumentos de navegación, pistolas lanzabengalas de diferentes épocas, unha lanterna de faro, placas identificativas de barcos procedentes de estaleiros galegos, bucinas ou sirenas, catalexos, documentos e incluso unha escafandra e botas clásicas de mergullador, de finais do século XIX.

Entre as “xoias” da colección cabe destacar, a modo de exemplo, un telégrafo para a transmisión de manobras dende o barco de 1885 ou tamén un sextante circular ou círculo de reflexión, instrumento de navegación xa moi escaso en todo o mundo.

Galería

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

  • Peza que forma parte da doazón

10 de febreiro do 2016 Editado o número 25 (2015) da revista científica e de divulgación cultural Croa

Museo do Castro de Viladonga

A Revista Croa é unha edición anual do Museo do Castro de Viladonga. De carácter informativo e científico, está composta por artigos de temática arqueolóxica, histórica, artística e patrimonial. Pretende ser o órgano de expresión científica e cultural do museo, e ademais servir de vía de comunicación con outros museos ao través do intercambio con outras institucións interesadas.

O volume deste ano adícase a Felipe Arias Vilas, director dese Museo durante tres décadas, con motivo da súa xubilación. Na edición destacan as colaboracións de Fernando Acuña, Xosé Carlos Sierra, Francisco Calo e Julio Reboredo referentes á carreira profesional de Felipe Arias.

Neste novo número recóllense tamén estudos de carácter histórico, etnográfico e museográfico, así como as actividades do museo e a súa asociación de amigos e as novidades bibliográficas recibidas na biblioteca do museo.

A revista pódese descargar aquí en formato PDF.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21