Museos de Galicia

Novas

14 de marzo do 2017 Remata a campaña de escavacións no Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

Vén de rematar a campaña 2016 de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, financiada con fondos Feder e da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia. A empresa adxudicataria do proxecto, Terra Arqueos, fixo entrega dos materiais e da información complementaria: memoria, planimetría, documentación gráfica e inventario de materiais.

A actuación nesta campaña centrouse en dous sectores da croa do castro, nun tramo noroccidental da muralla e no ángulo leste da entrada a croa, onde se levaron a cabo traballos de reescavación, consolidación e acondicionamento.

Destaca nesta intervención o cambio de criterio na restauración das estruturas e no remate da consolidación e protección dos seus muros, xa que se empregou un morteiro resistente en exteriores. Isto fai innecesaria a colocación das lousas de protección das cabeceiras, así como dos terróns ou tepes vexetal que se viñan empregando e que se substitúen por unha ou varias fiadas de sacrificio ou protección a base de lousa e xisto.

Os materiais atopados como resultado da escavación do camiño e a reescavación previa á consolidación foron máis abondosos do previsto, dado o escaso do espazo intervido. Destacan especialmente numerosos fragmentos de cerámica común romana correspondentes a varias vasillas que se poderán reconstruír case na súa totalidade. É de sinalar a casualidade de ter atopado nesta escavación a metade dunha tapadeira de barro da que a outra parte fora atopada nas escavacións dos anos 70, o que vai permitir a súa completa restitución.

Recolléronse ademais algúns fragmentos de terra sigillata, ferros, moedas (algunhas delas constantinianos) e unha pulseira de bronce así como un gran número de tégulas.

Galería

  • Vista aérea da zona escavada

  • Peza atopada nas escavacións

6 de marzo do 2017 Publicacións venais recentes dos museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e O. U. a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e O. U. editan todos os anos catálogos e guías visuais das exposicións realizadas, así como publicacións periódicas orientadas á investigación e difusión do patrimonio cultural de Galicia.

Neste documento en formato PDF pódese consultar a relación de publicacións novas dispoñibles para a súa adquisición nas sedes dos museos. Algunhas pódense adquirir online a través da páxina web da Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

 

Galería

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa de

  • Capa da revista Croa

27 de febreiro do 2017 Unhas 8.000 persoas visitaron as dúas exposicións organizadas polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense na Sala de exposicións Afundación

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O domingo 19 de febreiro remataron as dúas exposicións que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organizou na Sala de exposicións Afundación en Ourense.

Baixo a coordinación de Xulio Rodríguez González, director do Museo e Avelino Rodríguez González, a exposición "A procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense" reflicte como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a súa historia como institución están intimamente ligados á investigación arqueolóxica desenvolvida ao longo dos anos na provincia de Ourense. Responsables desta simbiose, entre outros, foron os membros da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense que, co seu traballo e dedicación, conseguiron crear o museo ao tempo que impulsaron a actividade arqueolóxica na provincia desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Destacan as figuras da talla de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Nuñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvis, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas ou Laureano Prieto, entre outros. Amósanse fotografías destes persoeiros e pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade como o Guerreiro de Armeá, o Sedente de Xinzo, as xoias de Regodeigón, a Tabula de Castromao ou o Mosaico da Cigarrosa.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, foron os encargados de inaugurar esta mostra que ata o día da súa clausura foi visitada por un total de 4.549 persoas. A exposición se completaba con visitas guiadas e obradoiros; a estas actividades paralelas asistiron 996 persoas.

Esta exposición trasladouse para ser amosada no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
 
A outra exposición, "Documento estético. Fotografía de Ourense do Marqués de Santa María del Villar", fai un percorrido por algunhas das paisaxes culturais da provincia a través da mirada de Diego Quiroga Losada, Marqués de Santa María del Villar (1880 – 1976), fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola protección e defensa do patrimonio cultural. Foi visitada por 3.431 persoas.

Galería

  • Imaxe da exposición

  • Visita á exposición

  • Obradoiro ligado á exposición

  • Imaxe da exposición

27 de febreiro do 2017 O Museo da Construción Naval de Ferrol da Fundación Exponav obtén o recoñecemento da Xunta de Galicia

Embarcación de pesca tradicional do Mar Cantábrico
Embarcación de pesca tradicional do Mar Cantábrico

O Consello da Xunta de Galicia do 23 de febreiro de 2017 acordou o recoñecemento, autorización do Museo da Construción Naval de Ferrol a proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria solicitado pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav)  que é a entidade titular e responsable deste centro.

Dende a entrada en vigor da primeira Lei do Patrimonio Cultural de Galicia no ano 1995, ata o de agora, son 22 os museos e coleccións visitables recoñecidos en Galicia (3 museos e 19 coleccións visitables). O Museo da Construción Naval é o primeiro museo de iniciativa privada que se recoñece xa que, tanto o Museo Massó como o Museo Pedagóxico de Galicia, son museos de titularidade pública creados pola Xunta de Galicia nos anos 2002 e 2005 respectivamente.

O Museo da Construción Naval foi creado co propósito de servir de lugar de encontro entre a sociedade, a industria e a comunidade científica para divulgar o desenvolvemento das  técnicas de construción dos buques e os materiais empregados, presentando os diversos aspectos relacionados con esta materia: dende a evolución das tecnoloxías e ferramentas ata o momento máis importante dun barco, a botadura e a navegabilidade  posibilitando a comprensión desta tecnoloxía e o coñecemento do noso pasado naval.

Obxectivos e colección

Os obxectivos da Fundación Exponav e por tanto do museo, recóllense no seguintes tres puntos:

  1. Reunir, expoñer e conservar o patrimonio técnico e documental relativo á construción naval e ao sector marítimo.
  2. Propiciar actividades complementarias relacionadas co mar e a construción naval.
  3. Realizar as demais funcións, de similar natureza ás anteriores, que se consideren convenientes ao cumprimento dos fins da Fundación.

O Museo da Construción Naval posúe fondos museográficos e documentais do patrimonio marítimo e industrial de gran valor xa que constitúen unha colección única no seu ámbito que permite coñecer o desenvolvemento da construción naval militar e civil en España dende o século XVIII ata os nosos días, facendo fincapé no papel que desempeñou Ferrol neste eido.

A propia sede do museo, o edificio de Ferrerías que forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol, deseñado por Julián Sánchez Bort en 1765 no seu momento para a construción das pezas de ferro tanto da estrutura como do equipamento e decoración dos barcos, identifícase completamente co ámbito e a temática do museo, convertendose nun elemento fundamental do discurso expositivo e o escenario ideal para a exposición da colección.

Discurso expositivo

A exposición en si acolle unha importante colección de elementos propios desta disciplina dende o século XVIII ata os nosos días e ofrécenos unha visión divulgativa sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España. Tomando como punto de partida o arsenal real do século XVIII o discurso expositivo céntrase na divulgación da historia e a memoria dunha actividade que enlaza na actualidade cos estaleiros modernos de Astano, Bazán e navantia. O Museo consta de dúas plantas dedicadas à Historia da Construción Naval. A Planta baixa é un percorrido polas diversas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque. Destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no ano 1810 e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século.

Na planta superior atópase a Sala de Exposicións Temporais e unha serie de salas temáticas como a dedicada ao estaleiro Astano, denominada Milagre na Ría. Outras salas son as dedicadas á Armada, os seus Buques e as súas Escolas; as Navieras, os Portos, etc.

 

Galería

  • Edificio Ferrerías no arsenal de Ferrol, sede do Museo da Construción Naval

    Edificio Ferrerías no arsenal de Ferrol, sede do Museo da Construción Naval

  • Reprodución da caderna mestra da fragata Magdalena afundida na Ría de Viveiro en 1810

    Reprodución da caderna mestra da fragata Magdalena afundida na Ría de Viveiro en 1810

  • Conxunto escultórico con modelos de carenas empregados no canal de experiencias Hidrodinámicas de El Pardo

    Conxunto escultórico con modelos de carenas empregados no canal de experiencias Hidrodinámicas de El Pardo

  • Traiñeira de competición

    Traiñeira de competición "Vila de Bouzas"

  • Motor Ayón fabricado en Noia

    Motor Ayón fabricado en Noia

  • Modelo de proa e manobra de fondeo do Porta-aeronaves Príncipe de Asturias

    Modelo de proa e manobra de fondeo do Porta-aeronaves Príncipe de Asturias

  • Área dedicada ao asteleiro Astano: reprodución da grúa pórtico

    Área dedicada ao asteleiro Astano: reprodución da grúa pórtico

24 de febreiro do 2017 Presentación oficial da Festa da Arribada 2017

Hoxe venres 24 de febreiro de 2017 terá lugar na Casa da Navegación de Baiona a presentación da Festa da Arribada 2017.

O acto terá o seguinte cronograma:

12:00 h. Introdución á Festa da Arribada 2017 por parte da Concelleira de Cultura de Baiona Dª María Iglesias Fernández.

12:05 h. Presentación Vídeo oficial da Festa da Arribada 2017

12:10 h. Intervención autoridades:

Intervén en primeiro lugar o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona e cerrará o acto o Alcalde de Baiona D. Ángel Rodal Almuiña.

As 12:20 h terá lugar a representación teatral “A festa da arribada” a cargo de Maxín Teatro, aula de teatro infantil de Baiona nos xardíns da Casa da Navegación.

Para finalizar ofrecerase unha degustación dos doces típicos da Festa da Arribada: “Os Ñoclos de Pinzón e as Tartas de Sarmiento” acompañados de viño doce.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21
  22. 22
  23. 23