Museos de Galicia

Novas

20 de decembro do 2013 Presentado o libro "O acibeche e a súa cultura na Península Ibérica"

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O 19 de decembro, Ángel Luis Cardín Toraño presentou no Museo das Peregrinacións e de Santiago un magnífico traballo sobre o acibeche en distintos territorios peninsulares, centrándose sobre todo en Asturias e en Galicia. O libro, editado por Xerais, leva por título O acibeche e a súa cultura na Península Ibérica, e aborda numerosos aspectos relacionados con este preciado material: a extracción, o comercio da materia en bruto e o traballo dos artesáns nos distintos obradoiros. Salienta os talleres composteláns ao longo de varios séculos e a evolución seguida polo traballo do acibeche ata a recuperación experimentada a partir do século XIX. Todo isto estúdao cunha visión ampla que lle dá o feito de coñecer o que sucede noutras áreas xeográficas extrapeninsulares.

O lugar elixido para esta presentación non podía ser outro que o Museo das Peregrinacións e de Santiago, xa que algúns dos fondos que forman a súa colección de acibeches están incluídos nesta publicación. A colección de acibeches do museo é significativa e amosa a importancia dun dos gremios composteláns mais importantes da cidade que cubría as necesidades  dos peregrinos e tamén das institucións vencelladas, tanto co culto como coa atención daqueles: o gremio de acibecheiros.

Galería

  • Presentado o libro

  • Presentado o libro

  • Presentado o libro

13 de decembro do 2013 Xesús Vázquez Abad subliña a importancia histórica das Xornadas Abrente como “espazo de diálogo para a nosa dramaturxia”

Museo Etnolóxico de Ribadavia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe as ‘Xornadas Abrente. 1973-2013’, onde salientou a importancia da mostra para crear “un espazo de diálogo para a nosa dramaturxia e aparecer como confluencia construtiva das diferentes formas de entender a escena”. Neste acto, ao que asistiu tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o conselleiro lembrou que “máis aló do valiosísimo pulo para o teatro galego, dexergamos o que trae para a nosa expresión cultural, para consolidar o galego como idioma de prestixio en todos os eidos da vida”.

O encontro, que se celebra este venres e sábado en Ribadavia, ten como obxectivo conmemorar o 40 aniversario da celebración da I Mostra Abrente, evento fundamental para a consolidación do novo teatro galego e na nosa lingua propia. A Consellería de Cultura e Educación destinou máis de 26.000 euros para a organización destas xornadas. Asemade, tamén participaron na organización o concello de Ribadavia, a Real Academia Galega, a Deputación de Ourense, a propia Asociación Cultural Abrente e o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Con estas accións ponse en valor o papel clave da Mostra Abrente e da xeración de dramaturgos a ela vencellada na conformación da escena teatral galega actual, así como na consolidación de citas como a MIT de Ribadavia.

O Centro Comarcal do Ribeiro e a Casa da Cultura de Ribadavia foron os escenarios escollidos para acoller as mesas redondas destas xornadas, que contan coa participación de destacados estudosos e persoeiros do mundo da cultura, como o director do centros Dramático Galego, Manuel Guede; Xosé Luis Chao, Manuel Lourenzo –participante naquelas mostras hai 40 anos–, Candido Pazó, Camilo Fernández Valdehorras, Júlio Cardoso, Maribel Outeiriño ou Luís Álvarez Pousa. Así mesmo representarase a obra teatral ‘BailadELAS’, de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras e que foi gañador en 1980 do premio da derradeira Mostra Abrente; e descubrirase unha placa conmemorativa na casa de Xesús Sánchez Orriols, un dos impulsores da Asociación Cultural Abrente e da Mostra.

Publicacións
Ademais da celebración destas xornadas, a Mostra Abrente lembrarase tamén a través da publicación dun volume que recolle os textos premiados entre 1973 e 1980. Trátase de obras que están sen publicar ou son edicións difíciles de conseguir hoxe en día, e entre as que se encontran textos como ‘Bailadela da morte ditosa’, de Vidal Bolaño. Tamén neste marco publicarase ‘Ricard Salvat e o teatro galego’, que analiza a relación dun dos grandes impulsores do teatro catalán coa dramaturxia galega, desenvolvida tamén desde a propia Mostra Abrente, en prol da que tamén traballou.

Así mesmo estrearase ‘Abrente, unha clave para o teatro galego’, documental de Antonio Simón sobre a historia da mostra e a súa vinculación coa creación do teatro público e privado na nosa terra.

3 de decembro do 2013 Publicada a nova guía do Museo do Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga, museo monográfico xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de publicar a súa nova guía, unha publicación que pretende ser de utilidade para visitantes e interesados a este conxunto patrimonial que conforman o Museo e o Castro de Viladonga. 

A guía pretende ser o elemento auxiliar e complementario da visita e amplía a información ofrecida aos visitantes nas catro salas do museo incluíndo ademais boa parte das ilustracións e gráficos expostos nas súas salas así como referencias ás escavacións levadas a cabo no castro, ao contexto histórico da cultura castrexa e galaico-romana así como ao contorno natural e patrimonial do castro. 

A guía é pois unha ferramenta para toda clase de público e que pretende motivar e estimular o interese por conservar a memoria colectiva e entender a evolución e transformación que sufriu a cultura castrexa do noroeste especialmente despois da conquista romana.


Título: Museo do Castro de Viladonga. Castro de Rei-Lugo
Edita: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Lugo. 2013
ISBN: 978-84-453-50997

 

2 de decembro do 2013 Xesús Vázquez salienta a importancia da Comisión de monumentos históricos e artísticos de Ourense na defensa do patrimonio

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos Provincial “na difusión da historia galega e ourensá e na defensa do Patrimonio Cultural, tarefas que, como herdeiro, segue a desenvolver nos nosos días o Museo provincial, dependente da Consellería “. Fíxoo na presentación do 33 volume dos anexos do Boletín Auriense – publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Grupo Marcelo Macías-, un acto no que participaron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do museo, Xulio Rodríguez; e o presidente do Grupo Marcelo Macías e autor da publicación, Francisco Fariña Busto.

Vázquez Abad destacou a traxectoria de máis dun século da Comisión “coa defensa da cultura e do patrimonio coma eixo central de traballo”, ademais de ser “un fito fundamental para a eclosión cultual do Ourense do primeiro terzo do século XX, o ambiente europeísta e aberto no que nace e se alimentan intelectualmente os integrantes da Xeración Nós e os seus coétaneos e sucesores”.

Posta en valor
Deste xeito explicou que a publicación hoxe presentada “vén facer xustiza a este labor”, ademais de permitir albiscar “a entrega xenerosa e desprendida dos seus integrantes e a vontade de servizo público, para lograr a conservación, coñecemento, difusión e defensa dos fondos bibliográficos e dos fondos artísticos”. Neste sentido o conselleiro sinalou o traballo dos membros daquela Comisión como un exemplo a seguir “para as administracións que hoxe en día desenvolvemos o nobre cometido de velar pola conservación do legado cultural e patrimonial para a súa transmisión ás xeracións vindeiras”; en tempos, como aqueles, de escaseza de recursos, pero mantendo “todo o esforzo e ilusión na recuperación e preservación dos elementos que conforman a memoria colectiva de Galicia”.

O conselleiro quixo agradecer ao Museo Provincial – “un dos tesouros más significativos do patrimonio ourensán”- e ao Grupo Marcelo Macías, a liña de traballo conxunta que desenvolven a través do anuario ‘Boletín Auriense’, “e destes estudos monográficos, que contribúen ao mellor coñecemento da historia de Ourense, engrosando así mesmo os fondos da biblioteca do Museo”. “A publicación que hoxe presentamos vén afianzar esta misión conxunta, compartida pola Consellería, e que agardamos teña continuidade durante moitos anos máis”, rematou.

Editado polo Museo Arqueolóxico Provincial e polo Grupo Marcelo Macías, o volume fai un repaso polos estudos realizados e actividades desenvolvidos pola Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos Provincial desde o seu nacemento en 1844, no marco da regulación da xestión do patrimonio histórico e monumental, mobilizado coma consecuencia da Desamortización de Mendizábal. O obxectivo destas comisións provinciais era o de adoptar as medidas oportunas para salvar da súa destrución os edificios, obxectos artísticos e lembranzas históricas, tras a supresión dos conventos que os conservaban.

29 de novembro do 2013 Inaugúrase no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra “Confluencias 1975-2006”

Museo de Belas Artes da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Museo de Bellas Artes da Coruña a mostra “Confluencias 1975- 2006”, con obras de Jaime Quessada (1937- 2007) e o seu fillo Xaime Quessada Blanco (1975- 2006).

A mostra que poderá ser visitada ata o 2 de marzo esta composta por preto de corenta obras asinadas polos artistas ourensáns transmite o diálogo entre as distintas creacións pictóricas e unha reflexión sobre os seus puntos de encontro no marco produtivo.

Sobre a mostra, impulsada pola Consellería, Vázquez Abad destacou que “é un encontro emocionante, onde as formas e as cores serven tamén de soporte para unha formación intelectual que medrou, cunha solidez fóra do común, a través de dúas mentes e dúas sensibilidades conectadas na paixón pola arte. Quizais a inmensa potencia destes dous artistas, Jaime Quessada e Xaime Quesada Blanco, poida levarnos á ilusión dun resplandor orfo, no que un parte da nada e cédelle ao outro a creación demiúrxica, coma un testemuño limitado ao fío xeracional”.

Ao tempo que recordou aos autores dos que dixo que “a apertura de Jaime Quessada, a forma na que Xaime Quessada Blanco fixo renacer o pulo recibido, responden a unha atmosfera concreta, na que incardinaron a súa natureza. Os dous, pai e fillo, veñen dunha Galicia na que a arte e a paisaxe conviven en simbiose; na que a tradición depositou desde culturas moi distantes elementos valiosísimos, libres de alardes, e destinados á duración longa dos séculos”.

Así o conselleiro resaltou a importancia da obra do pai e o fillo dos que sinalou que “creo que nos atopamos ante unha experiencia vital emocionante, de transmisión de valores dun pai a un fillo, como modelo do que deita un tempo no tempo que lle sucede. Cada obra das que imos ver deseguida, e cada pincelada ou cada trazo, teñen ese pulo extraordinario, nacido da verdade, da creación como acto afirmativo que nos abraza”.

Confluencias
As 39 pinturas e debuxos que reúne “Confluencias” –aproximadamente a metade de cada un dos creadores– foron realizados a partir de finais da década dos setenta no caso de Jaime Quessada e desde mediados dos noventa, no de Xaime Quesada Blanco, describindo en conxunto un argumento creativo que ten como eixo central o universo persoal e artístico compartido por ambos. Incídese, pois, nas referencias comúns, aínda que constatando as lóxicas diferenzas estilísticas e xeracionais que, pola súa banda, servirán como referencia para entender a evolución da pintura galega nas últimas décadas do século XX.

O percorrido complétase cun documental de 21 minutos de duración realizado a partir de material audiovisual inédito sobre ambos artistas. Está editado a partir de dúas entrevistas realizadas a cada un dos artistas, entre os anos 90 e o 2000. Este vídeo esta baseado nas distintas opinións que os artistas, pai e fillo, teñen sobre a arte.

A exposición ofrecerá ao público unha nova e excelente oportunidade de se achegar á produción pictórica de Jaime Quessada como figura de referencia na arte galega do século XX, cunha relevante significación como artista e intelectual comprometido co seu tempo que transmite desde os diferentes ámbitos a través dos que desenvolve a súa obra: pintura, cartelismo, gravado, escultura, muralismo e literatura. Afondarase, ao tempo, na curta pero intensa traxectoria artística de Xaime Quesada Blanco, quen interpretou e incorporou o legado do seu pai desde unha perspectiva propia, non exenta de compromiso e carga experimental, na que destaca a súa temperán vocación e paixón polo emprego das novas tecnoloxías e as poéticas xeométricas.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21