Museos de Galicia

Novas

6 de marzo do 2014 A Consellería de Cultura e Educación prorroga polo seu gran éxito no Museo do Mar de Galicia a exposición ‘Unha marea de ondas lúdicas’, pola que xa pasaron case 4.000 visitantes

Museo do Mar de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de prorrogar o período para visitar a exposición 'Unha marea de ondas lúdicas' no Museo do Mar de Galicia debido ao gran éxito acadado, con case 4.000 visitantes desde a súa inauguración o 4 de decembro de 2013. A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de marzo, para que todas aquelas persoas que aínda non puideron achegarse a gozar desta magnífica exposición poden facelo durante o presente mes.

Ademais coa ampliación da exposición amplíanse tamén as actividades didácticas a ela asociadas, actividades dirixidas a todos os públicos (escolares, familias con cativos a partir de 3 anos, grupos de asociacións, de amigos, con necesidades especiais, etc.), nas que se pode facer dende unha simple visita guiada ata pasar ao noso taller e xogar con algúns dos xogos e xoguetes expostos.

Así, haberá actividades para escolares de martes a venres en horario de mañá ou tarde; e visitas guiadas con xogos para grupos con necesidades especiais de martes a venres en horario de mañá. Para os grupos de adultos as visitas guiadas desenvolveranse de martes a venres en horario de mañá ou tarde, e os sábados e domingos ás 17:30 h. Ademais continúase coa programación dedicada ás familias, con visitas e xogos no obradoiro da exposición, os sábados e domingos ás 11:30 h.

Presentación de libro
A Consellería acollerá ademais este venres 7 ás 19 horas no Auditorio do Museo do Mar de Galicia a presentación do libro “Los desconocidos precursores españoles de la navegación submarina”, unha obra de Diego Quevedo, Lino Pazos, Cristino Castroviejo e Alejandro Anca, dedicada á historia do desenvolvemento submarino en España en homenaxe e recoñecemento a destacadas - e moitas veces esquecidas- figuras que contribuíron de forma significativa en España á carreira cara á obtención da nave submarina e as armas que lle son propias, como Junquera, Isidoro Cabanyes e Miguel Bonet, Antonio Sanjurjo, Eduardo Mier ou Raimundo Lorenzo de Equevilley.

De feito, o libro recolle a obra de Sanjurjo Badía creador da “boia lanzatorpedos”, submarino cuxo orixinal poden contemplar todas as persoas que se acheguen a visitar o Museo do Mar de Galicia.

23 de febreiro do 2014 Cultura e Educación organiza a vindeira semana no CGAC o proxecto ‘Queres ser arte contemporánea? Diálogos con Camilo Franco’

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza do 26 de febreiro ao 1 de marzo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o proxecto ‘Queres ser arte contemporánea? Diálogos con Camilo Franco’. Esta acción enmárcase dentro do programa de actividades paralelas e complementarias á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario.

O xornalista e crítico cultural, Camilo Franco, entrevistará aos visitantes do CGAC para rexistrar cal é o nivel de implicación, de atención, de dedicación ou de interpretación que os espectadores teñen respecto ás obras de arte contemporánea que se exhiben neste centro. O público poderá participar desde a experiencia, desde a fantasía, desde a curiosidade ou desde a descrenza na arte.

Os encontros, que se desenvolverán do 26 de febreiro ao 1 de marzo en horario de 11,00 a 20,00 horas, durarán arredor de 15 minutos e tomarán como punto de partida o hall do CGAC para internarse a continuación na mostra ‘93’, que ocupa os tres andares do centro. A interacción comezará polas motivacións xerais para ir entrando nos detalles da interpretación segundo as preferencias dos espectadores.

A cada unha das persoas entrevistadas faráselle un retrato no espazo que elixa ou coa peza que escolla, procurando que as imaxes establezan unha relación entre o espectador e a obra. O resultado destes diálogos compartiranse diariamente no blog http://artecontemporaneacgac.wordpress.com que se poderá acceder a través da páxina web do CGAC.

As persoas interesadas poderán participar neste traballo de xeito espontáneo ou ben concertando unha cita a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.es

Recoñecido profesional
O xornalista Camilo Franco (Ourense, 1963) desenvolveu varios proxectos culturais, entre as que destacan o seu papel como comisario na mostra colectiva Paralelo 42 (Casa da Parra, 1989) ou a transformación nunha exposición dos relatos do seu libro ‘Palabras contadas’ (Fundación Luís Seoane, 2007).

Tamén deselvoveu outras iniciativas como o os proxectos nos que traballa cos espectadores a través de experiencias como ‘Queres ser un personaxe de novela?’ (Culturgal, 2011) ou ‘Queres ser ou non un personaxe de teatro?’ (Fiot, 2012). Asemade, ten publicadas varias obras de narrativa: A lúa no cénit (Ediciós do Castro, 1988), En malos pasos (Xerais, 1995), Por conto alleo(Vieiros, 1999; Galaxia, 2003) e Palabras contadas (Xerais, 2007).

20 de febreiro do 2014 Preséntase a instalación de Xurxo Gómez Chao no Museo de Belas Artes da Coruña

Museo de Belas Artes da Coruña

Anxo Lorenzo presentou esta mañá en rolda de prensa a instalación do artista coruñés Xurxo Gómez Chao
Anxo Lorenzo presentou esta mañá en rolda de prensa a instalación do artista coruñés Xurxo Gómez Chao

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá en rolda de prensa a instalación que o artista coruñés Xurxo Gómez Chao acaba de realizar no Museo de Belas Artes da Coruña. Trátase dunha monumental peza suspendida no espazo situado baixo o lucernario das salas 1, 3 e 5 do museo, que foi construída no marco do obradoiro para adultos ‘Artistas no museo’.

O secretario xeral asegurou durante a presentación que iniciativas coma esta permiten ofrecerlle ao público a oportunidade de achegarse á obra e ao sistema de traballo dun artista plástico, así como de participar dos seus procesos. Así mesmo, Anxo Lorenzo destacou que constitúen unha canle para implicar os artistas galegos na actividade habitual do museo, dando a coñecer a súa obra e facéndoos, ao mesmo tempo, partícipes da actividade cultural desenvolvida pola institución.

Construción con materiais e diversos obxectos
Influenciado por artistas como Friedrich, Turner, Monet ou Hokusai, o coruñés Xurxo Gómez recorre na súa obra a temas como a natureza, o home e o tempo, así como a exploración de territorios descoñecidos e inquietantes. Neste caso, centrou o seu traballo na elaboración dun proxecto artístico baseado na construción dunha xigantesca retícula, confeccionada a base de diversos obxectos e materiais (ramas, follas, árbores, las de cores, bonecas etc.).

Ademais, da dita instalación resultou unha interesante colección de fotografías artísticas, a través das que se despregan múltiples puntos de vista nos que a peza contemporánea interactúa coa arquitectura e as coleccións de pintura antiga do museo. Trátase, polo tanto, de dúas obras nunha, a instalación e as fotografías resultantes.

Conversa sobre o proceso creativo
Xurxo Gómez Chao e o alumnado do obradoiro –Alberte Sánchez Regueiro, Pedro Abad Vidal, Jacinto Ruíz, Alfonso Rego López e Félix Andrade Pérez– conversarán hoxe co público no Museo de Belas Artes da Coruña, ás 19:00 horas, para dar a coñecer o proceso creativo desenvolvido na formulación e creación deste proxecto.

A actividade na que se enmarca esta instalación, ‘Artistas no museo’, foi iniciada en 2012 coa colaboración de Xavier Correa Corredoira e este ano celebrará a súa terceira edición. Xunto con esta iniciativa, o Museo de Belas Artes vén desenvolvendo, desde hai máis de 10 anos, outros proxectos nunha liña similar, como son os obradoiros de gravado, nos que coñecidos nomes do mundo das artes, como son os pintores e gravadores Omar Kessel, Ane Heyvaert, Isabel Pintado ou Ali Ali, comparten a súa obra, coñecementos e experiencia co público coruñés.

14 de febreiro do 2014 Cultura e Educación a través da Fundación Cela leva preto de 60 obras de pintura española contemporánea da colección da institución padronesa ao sexto edificio do Museo de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Presidente do Padroado da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde ‘A Rebotica da Arte’, unha mostra a través da cal a institución padronesa, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, pon a disposición da cidadanía no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 16 de marzo máis de 60 obras de pintura española contemporánea que forman parte da súa importante colección pictórica composta por máis de 2.000 obras entre pinturas gravados e debuxos que abranguen aos autores máis salientables dende o último terzo do século XIX ata a segunda metade do XX. No acto de inauguración participaron ademais a deputada provincial Ana Isabel Vázquez Reboredo; a Deputada de Cultura da Deputación, Ana Isabel Vázquez; e a xerente da Fundación e coordinadora e comisaria da exposición, Covadonga Rodríguez.

Xesús Vázquez salientou a importancia da exposición, a través da que por primeira vez estas obras se expoñen fóra de Iria Flavia como conxunto. Unha mostra nacida da amizade de Cela cos talentos e artistas máis significativos do seu tempo, “e que en cada peza leva conversas, apertas e intercambios interminables, na calidez dun home de fogar aberto, tan contundente na forma coma na intensidade do trato”. Neste sentido lembrou ademais a potencia como escritor de Camilo José Cela, así como a dimensión que acadou o Novel galego no panorama cultural do século XX. “Camilo José Cela descubriunos un mundo, para que o interpretásemos segundo o noso criterio, pero tamén lle debemos á súa personalidade extraordinaria un movemento que abrangue outros eidos da arte, a creación de correntes intelectuais e unha obra entregada a lograr o recoñecemento cara a infinidade de figuras sobranceiras, que amosarían a súa calidade ao longo do século pasado”.

Cela coleccionista e pintor
‘A rebotica da Arte’ inclúe obras dos autores máis representativos da pintura española contemporánea do século XX, todos eles moi vinculados á traxectoria vital e literaria do Nobel padronés como Isaac Díaz Pardo, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Eugenio Granell, Pablo Picasso, ou Joan Miró. Así mesmo, na mostra poderán contemplarse traballos pictóricos de Ulbrich, Zabaleta, Chillida, Tàpies, Úrculo, e moitos máis, incluíndo obras do propio Cela ou doutros escritores como García Lorca, Alberti ou Guitérrez Solana que tamén amosaron o seu talento creativo no eido da pintura.

Ademais de pinturas, a exposición inclúe obras de Cela que foron ilustradas por estes grandes artistas, gravados, debuxos, cerámicas de Picasso, material bibliográfico e manuscritos entre outros documentos e obxectos, salientando entre eles o manuscrito do seu discurso de ingreso na Real Academia Española, dedicado ao propio Gutiérrez Solana.

Con esta exposición a Fundación pretende, ademais de por a disposición da cidadanía estas magníficas obras, difundir o lazo do Nobel galego coas belas artes, posta de manifesto tanto na súa propia vocación de pintor como na de coleccionista de arte, coma nas ricas ilustracións de recoñecidos pintores que acompañaron as edicións de bibliófilo de moitos dos seus escritos.

12 de febreiro do 2014 Tres museos galegos no catálogo temático "Mujeres ante la adversidad: tiempos y contratiempos"

Museo Etnolóxico de Ribadavia

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publica o proxecto "Mujeres ante la adversidad: tiempos y contratiempos", no marco da iniciativa "Patrimonio en Femenino". Trátase dun catálogo en liña destinado a analizar o papel das mulleres en períodos de tránsito, transformación ou conflito desde unha óptica múltiple: no social, no ámbito da economía, en etapas de transformacións políticas e no mundo privado. Así mesmo, o catálogo ten como obxectivo destacar a determinadas mulleres con nome e apelidos nestas etapas de cambio en diferentes culturas e sociedades.

Todo iso visualízase a través de máis de noventa bens culturais, seleccionados con base ás propostas dos museos integrantes da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, entre eles foron elixidos tres dos museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria. De acordo a esta selección, o catálogo "Mujeres ante la adversidad: tiempos y contratiempos" articulouse en cinco liñas expositivas nas que participan os devanditos museos coas seguintes pezas:

Cambio social

Esta primeira categoría ten como obxectivo destacar o papel das mulleres dentro da sociedade e visualizar fitos clave como a progresiva incorporación da muller ao traballo, o seu protagonismo en momentos de cambios radicais na sociedade ou os cambios sociais que se albiscan na evolución da indumentaria feminina.

"Grupo no exterior. Magosto" (2009MCHG_5). Museo Etnolóxico de Ribadavia

Subsistencia e supervivencia

Os períodos de recesión foron constantes en todas as culturas e sociedades ao longo da historia. As mulleres desempeñaron nestas etapas críticas, especialmente as sobrevidas tras conflitos bélicos, un papel fundamental como eixo central da cohesión familiar, saíndo en numerosas ocasións a buscar o sustento económico ben mediante a forza do seu traballo ou chegando a vender os seus bens persoais. A figura feminina adquire, por tanto, un protagonismo fundamental nos períodos máis críticos, economicamente, da Humanidade.

"Medalla Guerra de África contra Marrocos" (CE004610). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

"O ocaso de Ramón Parada Justel" (CE003156). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

"Grupo nun exterior" (2010/11/000670). Museo Etnolóxico de Ribadavia

"Retrato exterior. Rosquilleiras" (2008/10/000645). Museo Etnolóxico de Ribadavia

Conflitos e transformacións políticas

Unido ao anterior, as mulleres foron tamén protagonistas silenciosas e silenciadas nos períodos de transición e cambio político. A Historia legounos os nomes daqueles homes que adquiriron un papel relevante nos tránsitos máis acelerados e rupturistas do devir histórico. Pero iso non significa que as mulleres quedasen relegadas no ámbito do fogar nestas etapas. Foron moitas as mulleres que, ben desde unha situación de privilexio social ou porque romperon as estruturas nas que estaban enclaustradas, tiveron unha presenza destacada nos grandes capítulos de cambio da Historia.

"Sin nombre" de Francisco Vázquez Díaz (D-563). Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela

"Grupo no exterior. Procesión" (2008/10/000074). Museo Etnolóxico de Ribadavia

En clave persoal

A esfera do privado non está exenta de crise e rupturas. A través desta categoría, queremos poñer de manifesto todos eses cambios que afectan as mulleres, ao seu rol no ámbito da familia ou dunha comunidade, aos propios ritos de paso.

"Retrato no exterior" (2006/10/000644). Museo Etnolóxico de Ribadavia

"Retrato no exterior. Grupo familiar" (2008/10/000393). Museo Etnolóxico de Ribadavia

Nomes propios

Determinadas mulleres viviron, en si mesmas, uns cambios e rupturas que van máis aló de todos os ámbitos indicados anteriormente. O catálogo temático quere dar visibilidade a estas mulleres destacando as súas experiencias ante o cambio e a crise nun sentido amplo do termo.

"Santa Eustaquia" (D-938). Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela

Galería

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Grupo no exterior. Magosto" (2009MCHG_5). Museo etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Medalla Guerra de África contra Marrocos" (CE004610). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "O ocaso de Ramón Parada Justel" (CE003156). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Grupo nun exterior" (2010/11/000670). Museo Etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Retrato exterior. Rosquilleiras" (2008/10/000645). Museo Etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Sin nombre" de Francisco Vázquez Díaz (D-563). Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Grupo no exterior. Procesión" (2008/10/000074). Museo Etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Retrato no exterior" (2006/10/000644). Museo Etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Retrato no exterior. Grupo familiar" (2008/10/000393). Museo Etnolóxico de Ribadavia

  • Tres museos galegos no catálogo temático

    "Santa Eustaquia" (D-938). Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21