Museos de Galicia

Novas

13 de xullo do 2014 Xornadas académicas no Gaiás sobre a produción e xestión de exposicións temporais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará de 3 ao 6 do vindeiro mes de setembro no Gaiás unhas xornadas académicas coas que achegarlle aos estudantes de Historia da Arte e profesionais do ámbito museístico os procesos que se agochan tras a montaxe dunha exposición.

Da man de artistas e profesionais do sector e baixo o título ‘Produción e xestión das exposicións temporais’, Cultura e Educación pretende achegar a través de relatorios, casos prácticos e visitas guiadas aqueles aspectos máis descoñecidos da xestión destas mostras, que poidan resultar útiles aos que queiran comezar a aventura de coordinar un proxecto.

Deste xeito, ao longo de catro xornadas (un total de 26 horas), os participantes coñecerán de primeira man procesos internos como as negociacións de préstamos de obra con outras institucións, o estudo das condicións ambientais, a xestión dos transportes e embalaxes específicos, o rexistro de obra ou o deseño da montaxe e a súa produción.

Programa
Dirixidas polo profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero, as xornadas arrancarán o mércores 3 de setembro cunha sesión dedicada á ‘Orixe dunha exposición’, na que o departamento de exposicións da Cidade da Cultura, con María Pereira, directora de Acción Cultural á fronte; explicará como é o nacemento dunha mostra: desde a xestión do espazo expositivo ás relacións coas institucións que prestan obra, a organización e o transporte ou a montaxe.

Tras este primeiro achegamento, a tarde do mércores centrarase nas coleccións privadas a través de grandes especialistas como Alfonso Romero Vidal, ceramólogo e presidente de l’Associació Catalana de Cerámica; Gonzalo Fernández-Prieto, director do Museo del Vidrio y del Cristal de Málaga e propietario da colección; e Ángel Martín, director da Galería de Arte Africano Ángel Martín.

O xoves 4 de setembro, os protagonistas serán os artistas. Así, tras un primeiro relatorio no que se dará a coñecer a historia da exposición ‘Auga Doce’ a través dos seus responsables, o Museo Centro Gaiás acollerá unha visita guiada á mostra a cargo de artistas participantes na mesma como os galegos Rubén Ramos Balsa e Jorge Perianes ou Andrea Jambrina.

Nesta mesma liña, o venres 5 de setembro pola mañá, celebrarase unha mesa redonda con outros tres artistas presentes en ‘Auga Doce’ como son Manuel Vilariño, Eva Lootz e Jordi Teixidor. O debate estará moderado por Chus Martínez, crítica de arte e comisaria independentes, e nel reflexionarase sobre o papel dos creadores nunha mostra.

Xa pola tarde será a quenda de investigadores e historiadores no relatorio ‘Máis alá da exposición de arte’. Nela intervirá Vicente Pérez Muñuzuri, director de MeteoGalicia; Silvia Soutelo, investigadora do GEAAT da Universidade de Vigo e especialista en arqueoloxía da auga; e Pedro Casaleiro, responsable de Coleccións e Exposicións do Museo da Universidade de Coimbra.

A última das xornadas, que se desenvolverá na mañá do sábado 6 de setembro, centrarase na estratexia de comunicación e difusión que rodea a unha mostra e estará a cargo de Ignacio Fernández Mojón, responsable do Departamento de Comunicación e Marketing da Cidade da Cultura; e de Santiago Berdullas, co-fundador de Kappowsky, firma galega centrada no desenvolvemento de aplicacións e novas tecnoloxías.

As xornadas finalizarán coa celebración dun obradoiro no que poñer en común os coñecementos aprendidos ao longo dos catro días é aportar ideas e propostas a través de grupos de traballo ao redor da organización e difusión das exposicións.

Inscrición de balde
As xornadas académicas ‘Produción e xestión de exposicións temporais’ terán lugar na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás e constan dun total de 26 horas. A inscrición é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.org, xa que as prazas son limitadas. As prazas outorgaranse por orde de inscrición e entregarase un certificado de participación a partir da asistencia ao 80% das horas. Así mesmo, a Cidade da Cultura está a xestionar a concesión dun 1 ETCS por parte da USC pola asistencia a estas xornadas.
 

5 de xullo do 2014 A Consellería de Cultura e Educación presenta o curso de iniciación á navegación tradicional que se impartirá no museo Massó de Bueu os próximos 12 e 13 de xullo

Museo Massó

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Massó, colabora coa asociación de amigos das embarcacións tradicionais 'Os Galos' de Bueu na organización do curso de iniciación á navegación tradicional que se realizará en bote xeiteiro, traiñeira e dorna.

O curso, dirixido a persoas maiores de catorce anos, comezará o vindeiro sábado día 12 de xullo e rematará o domingo 13. O custe da matrícula é de dez euros e o número de prazas, que se cubrirá por rigorosa orde de inscrición, estará limitado a 15 persoas. Os interesados deberán chamar ao teléfono 986 321 838 –entre as 10.00 e as 20.00 horas de martes a sábado e entre as 10.00 e as 14.00 horas os domingos e festivos–, ou poñerse en contacto por correo electrónico con museo.masso@xunta.es.

Ademais deste curso, o vindeiro xoves 10 de xullo as 12.00 horas levarase a cabo o obradoiro de verán ‘Mensaxe nunha botella’. A actividade será gratuíta e está dirixida a nenos e nenas de ente 6 e 10 anos.

Colección permanente
Ademais do curso, o Museo Massó conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos. Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

As orixes do museo
A orixe das coleccións do Museo Massó retrotráese a primeiros do século XX, grazas ao labor coleccionista dos Massó, unha familia catalá que asentou en Galicia a comezos do XIX para a explotación da industria pesqueira galega. Particularmente, José María e Gaspar recompilaron unha interesante colección de obxectos relacionados co mar e unha completa colección de libros. Este sería o xermolo dun museo de natureza privada que se instalaría no antigo edificio da fábrica conserveira familiar e que foi inaugurado en 1932 por idea de Guillermo Marconi (Nobel de Física en 1909) quen, en 1928, visitou Bueu e quedou impresionado pola colección.

No Museo Massó convive o patrimonio marítimo e o industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época. O seu carácter peculiar reside no feito de que é froito das inquedanzas culturais dos citados industriais conserveiros. O seu interese pola navegación levounos a crear unha colección única de libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas, que constitúen a alma desta colección. Co tempo, a actividade pesqueira e os testemuños das factorías conserveira e baleeira foron completando o perfil dun museo único e sorprendente que aínda mantén o encanto da colección orixinaria.

4 de xullo do 2014 Preséntanse no CGAC as exposicións de Mark Manders e Juan Uslé

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as exposicións ‘Curculio bassos’, de Mark Manders, e ‘Luz escura’, de Juan Uslé. En palabras do conselleiro, “son dúas mostras de gran calidade que encherán de contido durante os vindeiros meses os diferentes espazos deste emblemático museo”.

A intervención de Mark Manders, que ocupará toda a planta baixa do CGAC, é a primeira exposición individual en España do artista holandés, unha intervención que conta co apoio da Mondriaan Fonds e que poderá visitarse ata o 12 de outubro de 2014. A primeira planta do CGAC albergará ata o 28 de setembro a exposición ‘Luz escura’, de Juan Uslé, unha creación que conta coa colaboración de Acción Cultural Española e do Kunstmuseum de Bonn, onde estivo exposta anteriormente.

No acto de presentación tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director do CGAC, Miguel von Hafe; os artistas Mark Manders e Juan Uslé; o comisario da exposición ‘Curculio bassos’, Javier Hontoria; e o comisario da mostra ‘Luz escura’, Stephan Berg. Esta tarde ás 20,00 horas o conselleiro inaugurará amabas as dúas mostras.

Mark Manders
O conselleiro cualificou a Manders (Volkel, Países Baixos, 1968) como “un dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas”, e explicou que este escultor foi capaz de crear “un insólito universo que parte do seu xa lendario ‘Self-Portrait as a Building’, unha obra que realizou en 1986 cando tiña tan só 18 anos”.

A intervención ‘Curculio bassos’ reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Amsterdam, o S.M.A.K de Gante, La Kunsthaus de Zúrich ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. Para esta cita, o artista revisou algúns dos seus traballos anteriores e adaptounos ao propio espazo do CGAC.

A exposición que presenta o CGAC ten tanto de mirada retrospectiva coma de instalación específica. Comprende unha recreación do estudo do artista na cidade belga de Ronse, o lugar onde ese autorretrato se encontra en permanente estado de xestación. A instalación do vestíbulo evoca ese espazo íntimo e decisivo que dá paso a espazos nos que a relación entre os sucesivos traballos se aloxan nun tempo propio, un que a súa vez é unha fusión de diferentes nocións temporais.

Manders representou ao seu país na 55ª Bienal de Venecia, participou na Documenta 11 en 2002 e realizou exposicións en moitos dos museos e centros de arte máis importantes do mundo. Unha variación do traballo que presentou na cita de Kassel, que recibiu o aplauso unánime da comunidade artística internacional, estará presente no Dobre Espazo do CGAC.

Juan Uslé
Respecto ao artista cántabro, o conselleiro asegurou que “posúe unha capacidade extraordinaria para mesturar a linguaxe metapictórica co xestual e o corporal, logrando compoñer unhas obras que lle levaron a gañar no ano 2002 o Premio Nacional de Artes Plásticas e acadar un gran recoñecemento internacional”.

Juan Uslé (Santander, 1954) leva traballando dende os anos noventa nunha serie de cadros que se coñecen como as súas pinturas negras e que ocupan un lugar central no conxunto da súa obra. Nelas, dialoga coa historia da pintura dende Goya ata Reinhardt, entendendo o negro como unha cor de transgresión do visible ao invisible, cuxa impenetrabilidade leva a unha mirada interior.

En total, as salas da primeira planta do CGAC mostrará 20 pinturas da serie ‘Soñé que revelabas’, a maior parte delas realizadas de noite, nas que Uslé reflexiona sobre as condicións estruturais da pintura e sobre o propio proceso de pintar. Estas pezas están determinadas tanto pola emocionalidade como polos impulsos conceptuais característicos de toda a obra de Uslé.

Xesús Vázquez Abad despediuse agradecendo a presenza dos artistas e comisarios hoxe no CGAC. O conselleiro mostrouse convencido de que estas dúas mostras “non deixarán indiferentes a ninguén” e animou a todos os cidadáns a achegarse a este museo para gozar delas.

2 de xullo do 2014 O Museo de Belas Artes acolle a presentación do libro-cd 'Doce canciones gallegas'

Museo de Belas Artes da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá no Museo de Belas Artes a presentación do disco-libro ‘Doce canciones gallegas’ mediante un miniconcerto mañá no Museo de Belas Artes da Coruña ás 19.30 horas. Nel, Begoña Salgueiro e Brais González interpretarán dúas das `Doce cancións galegas´.

A colaboración da soprano e o pianista achega música contemporánea con textos poéticos clásicos da literatura galega. A colección, reúne importantes compositores españois como Rosalía De Castro, Cabanillas, Curros Enríquez ou Leiras Pulpeiro. Na súa publicación, tamén participaron outras figuras coma os profesores Luís Costa e Xosé Carlos Bermúdez, e a artista plástica Menca Estévez.

A peza, é froito dunha encomiable tarefa de investigación e creatividade multidisciplinar, aportando como principal novidade a gravación conxunta dos doce temas, levada a cabo no Auditorio de Galicia baixo o patrocinio de Radio Galega e o selo da editorial Andavira. A súa existencia supón a recuperación e difusión dun importante patrimonio poético-musical, practicamente descoñecido para o público galego.

A iniciativa de Antonio Fernández-Cid
`Doce canciones gallegas´ fíxose orixinariamente realidade, hai 63 anos, grazas ao empeño do crítico musical galego Antonio Fernández-Cid, quen acadou que a Deputación ourensá encargara doce pezas musicais a algúns dos máis destacados compositores de mediados do século XX. As pezas foron estreadas o 15 de xuño de 1951 pola soprano Carmen Pérez Durías e a pianista Carmen Díaz Martín na cidade de Ourense. As mesmas intérpretes foron tamén protagonistas da estrea madrileña, que tivo lugar unha semana despois, o 22 de xuño, baixo o patrocinio do Centro Galego.

26 de xuño do 2014 "2naFronteira" propoñen no Museo de Belas Artes da Coruña un percorrido musical pola poesía de Díaz Castro

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será o escenario da presentación do novo disco do grupo 2naFronteira, ‘Zapatiños para Díaz Castro’, na cidade herculina. Carmen Penim (voz e harmonio) e Maurizio Polsinelli (piano e harmonio) propoñen un percorrido polos temas do seu novo traballo discográfico, baseado no poemario ‘Nimbos’, do poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro.

Na actuación, que terá lugar mañá, venres, 27 de xuño, ás 19:30 horas, os dous artistas convidarán o público a realizar unha viaxe musical polos versos do escritor ao que a Real Academia Galega lle dedica en 2014 as Letras Galegas.

´Nimbos’, ‘Noite do mundo’, ‘Alalá do verme e a estrela’, ‘Esmeralda’, ‘No novo ceo’, ‘Penélope’ e ‘Coma un río’ son algunhas das pezas que conforman o último traballo discográfico desta formación musical, que lle rende unha homenaxe musical ao poeta e tradutor de Guitiriz.

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21