Museos de Galicia

Novas

16 de setembro do 2014 A primeira mostra monográfia de Antón Patiño afonda nos sentimentos oceánicos

Museo do Mar de Galicia

A exposición Océano, do artista monfortino Antón Patiño, inaugurouse hoxe no Museo do Mar de Galicia, nun acto ao que asitiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.  A mostra reúne un total de doce pezas de gran formato, na que o pintor trata de plasmar no lenzo o amplo abano de sensacións que provoca o mar, como a soidade, o sopor, o medo ou a liberdade, entre outras.

O titular de Cultura e Educación subliñou que nesta mostra “o visitante poderá ver e sentir o propio Océano de xeitos distintos, pois as obras que configuran esta mostra non se coñecen só pola vista, senón que se perciben con todos os sentidos, dun xeito case sinestésico”.

Vázquez Abad rematou a súa intervención agradecendo a Antón Patiño a implicación “emocional e artística nun proxecto tan especial como complexo”, ao mesmo tempo que convidou ao público a “gozar coa Arte do protagonista”.

Composición da mostra
Nesta exposición o creador achégase ao ideal do sentimento oceánico mediante amplos trazos en cor azul ultramar, branco mineralizado, verdes líquidos ou negros de loito e tormenta. Mediante o emprego do verniz e diversos pigmentos o autor trata de atraer a memoria emocional do espectador en distintos bloques monográficos.

O drama do mar está amplamente representado nesta mostra, con obras que lembran as catástrofes ecolóxicas nas costas galegas como as do “Polycommander”, “El Casón”, ou “El Mar Egeo”, e máis recentemente o “Prestige”. Este relato culmínao a obra “Arquivo da Desfeita”, formada por pequenas pezas de madeira con restos de chapapote con releve, e vai acompañada pola proxección de imaxes dun caderno, que Patiño foi facendo con recortes de xornais e que agora desenvolve nun diario visual.

Os chamados fogos de San Telmo, aos que pregaban os mariñeiros nos días de tormenta, conforman a súa composición “Noites de Treboada”, na que se representan os brelos das descargas eléctricas no ceo como unha constelación na noite. O cadro amosase como un escuro abismo con partículas metalizadas.

A obra “Memoria branca”, está composta por unha ringleira de cadros que conforman unha superficie de máis de dez metros de longo que abrangue ollos, dornas, esferas ou siluetas espectrais sobre o fondo dun branco mineralizado, sucado polo brelo e lóstregos representados co verniz ocre alaranxado ata o vermello.

Rexistros cromáticos
Fronte a esta obra sitúase “Redes”, unha evocación á posta do sol. Trátase da pintura policromática expandida por unha maraña. Por outra banda “Ollos de boi”, é unha creación que conforma un todo coa parede, composta por ocos cativos que pretenden comprimir a inmensidade do mar ao alcanzar a liña do horizonte.

Desde a perspectiva das profundidades mariñas desenvólvese “Memoria Subacuática”, que con case seis metros de longo e cun rexistro cromático de verdes e azuis, pretende mostrar ao espectador a transparencia do mar.

Para rematar o autor recrea a lendaria “Furna de Fingal”, sita na illa de Staffa, nas Hébridas Interiores, en Escocia. Mediante un tríptico e cun xogo de horizontais e verticais, dende o interior da mesma, achega as columnas de basalto cunha masa de azul.

 

30 de xullo do 2014 Unha mostra conmemorará no Museo de Belas Artes da Coruña o 120 aniversario da primeira exposición de Picasso na cidade

Museo de Belas Artes da Coruña

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello da Coruña e mais a Fundación EMALCSA subscribiron hoxe un convenio de colaboración a través do cal conmemorarán o 120 aniversario da primeira exposición de Pablo Picasso na cidade cunha mostra que albergará o Museo de Belas Artes – dependente da Consellería- entre febreiro e maio de 2015. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde e presidente da devandita Fundación, Carlos Negreira, asinaron hoxe este acordo, que se enmarca na programación que a cidade herculina dedicada ao pintor malagueño durante o vindeiro ano, precisamente recordando este fito significativo da pegada do artista na Coruña.

A exposición funcionará como o eixe principal da conmemoración do evento ‘120 anos da Primeira Exposición de Picasso. A Coruña, febreiro-maio de 2015’. Consellería asumirá a organización e difusión da propia exposición, a restauración das pezas que o precisen, a catalogación e dixitalización do material que se utilice na mostra, así como toda a programación didáctica e de conferencias que se vincule á mesma.

Durante a sinautura tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén do Campo; a concelleira de Cultura da Coruña, Ana María Fernández; a comisaria da mostra, Malén Gual; e a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pensas.

O Museo de Belas Artes, un espazo idóneo
Vázquez Abad amosou a súa satisfacción por que o Museo de Belas Artes poida acoller esta mostra, “o que é unha clara mostra da excelencia e alta cualificación do traballo do persoal deste centro, así como de que as condicións necesarias de conservación e de seguridade que reúne o museo fan del o espazo idóneo para acoller a exposición”. “Os meus agradecementos -engadiu- ao Museo de Belas Artes polo labor dinamizador da cultura que desenvolve na sociedade coruñesa e pola súa activa implicación nesta efeméride picassiana que celebraremos o ano próximo”.

Así mesmo, felicitou ao Concello pola programación de actividades que está a preparar para celebrar esta efeméride picassiana no 2015, “coa que dá o paso definitivo para reafirmar á Coruña como a terceira desas cidades españolas, xunto con Madrid e Barcelona, nas que Picasso forxou a súa personalidade artística”.

28 de xullo do 2014 O Museo Massó publica a súa primeira guía

Museo Massó

O Museo Massó da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria divulga o seu legado coa publicación da súa primeira guía, unha obra que, ademais de facilitar a visita á exposición permanente, lle achega á cidadanía o patrimonio marítimo e industrial a través da historia do museo, do proceso de conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

A partir dunha visión global do centro museístico, a guía, que se presenta baixo o título ‘Museo Massó. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas’, reflicte boa parte da formulación conceptual e os principios básicos da institución, os aspectos que definen a súa singularidade e especificidade, así como a natureza dunhas coleccións únicas e dun patrimonio cultural de gran valor.

Primeiras cartas náuticas das costas galegas
O patrimonio marítimo e industrial conviven co espírito erudito do coleccionismo doutra época na exposición permanente do Museo Massó. O seu percorrido iníciase na sala dedicada á navegación e a aquelas disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval que fixeron posible o seu desenvolvemento e o do comercio marítimo.

A exposición desta sala, que se aborda no apartado da guía que leva por título ‘A conquista do mar’, integra unha interesante colección de incunables e libros antigos especializada en temas marítimos e navais, na que se inclúen libros como ‘Seesviegel’, de Willem Jansz Blaeu (Ámsterdan, 1623), con algunhas das primeiras cartas náuticas das costas galegas; o tratado astronómico de Ptolomeo e un manual de pilotos de 1545, de Pedro de Medina, que foi o máis popular en Europa nos séculos XVI e XVII. Tamén se detallan na guía diversos instrumentos que amosan o paso da navegación astronómica á científica, como cuadrantes horarios, reloxos de sol e compases náuticos, entre outros.

No apartado ‘Explotación dos recursos do mar’, a guía percorre a exposición das salas situadas na planta baixa do museo. Partindo dunha sección dedicada á factoría de salgadura e o taller de ánforas do depósito romano de Pescadoira (Bueu), o discurso céntrase na actividade industrial da familia Massó: as fábricas de salgadura e de conservas e a factoría baleeira.

Materiais da factoría de salgadura romana
Basas e fragmentos de fustes de columnas romanas dos séculos II e III xunto cun coitelo con mango de óso tamén desta época son algúns dos materiais da factoría de salgadura romana que se conservan no museo e que se inclúen na guía. A publicación tamén destaca unha prensa do século XIX para a extracción da graxa das sardiñas, unha máquina troqueladora para realizar fondos e tapas de latas, un caixón de medida para a descarga do peixe, unha mesa na que inicialmente se soldaban a man as latas, fotografías antigas da actividade da empresa e diversos bosquexos para carteis publicitarios e os deseños das latas e dos seus estoxos.

O percorrido expositivo do museo continúa na fábrica de salgadura do século XIX que formaba parte do complexo industrial Massó e foi recuperada recentemente, para finalizar na nave onde se expoñen as embarcacións. Ademais, a experiencia museística esténdese polo ámbito inmediato co peirao das embarcacións tradicionais e o motopesqueiro Caneliña, que forma parte da colección do museo, a carpintería de ribeira e o resto das instalacións e embarcacións dun xenuíno e activo porto pesqueiro.

As orixes do museo
O Museo Massó encóntrase instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo.  A idea de crear un museo foi suxerida por Guillermo Marconi durante a visita que realizou en 1928 á fábrica de conservas Massó. No domicilio da familia quedou sorprendido pola colección de instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos. Seguindo o seu consello, os irmáns Massó levantaron unha planta sobre o máis antigo edificio da fábrica, e en 1932 nacía o Museo Massó.

Co tempo, os testemuños das factorías conserveira e baleeira e a actividade pesqueira foron completando o perfil do museo. En 1994, despois do peche da fábrica, o museo foi adquirido pola Xunta de Galicia. Hoxe no Museo Massó convive o patrimonio marítimo e industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época.

17 de xullo do 2014 Os museos xestionados por Cultura ofrecen todo o verán un completo programa expositivo e de actividades para poñer en valor o patrimonio cultural

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ofrecen durante todo o verán un completo programa expositivo e de actividades para poñer en valor o patrimonio cultural e achegarllo á cidadanía. Deste labor que veñen desenvolvendo os centros museísticos xestionados pola Xunta deu conta hoxe o secretario xeral de Cultura no Parlamento de Galicia, quen destacou “a importante actividade realizada de preservación, posta en valor e difusión do noso patrimonio histórico”.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo referiuse á “notable actividade investigadora e científica” dos museos, á súa oferta expositiva, aos labores de restauración de pezas e coleccións e tamén ás múltiples actividades culturais, didácticas e divulgativas que organizan ao longo de todo o ano.

Exposicións, visitas guiadas, cursos e obradoiros para o público máis novo centran actualmente a oferta cultural que está a promover a Consellería e que chega ás catro provincias galegas a través dos museos de Belas Artes da Coruña, das Peregrinacións e de Santiago, do Centro Gaiás, do Arqueolóxico Provincial de Ourense, do Mar de Galicia, do Castro de Viladonga, dos parques arqueolóxicos de San Cibrao de Las e de Campo Lameiro, do Museo Massó, do Museo Etnolóxico de Ribadavia e tamén do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Mostra monográfica de Colmeiro
Entre a oferta expositiva promovida pola Consellería para o verán, destaca a primeira mostra monográfica do pintor Manuel Colmeiro, que fai un percorrido pola evolución artística dun dos máximos expoñentes da cultura galega. O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, inaugurará o vindeiro 29 de xullo a mostra, que se poderá visitar no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 26 outubro. O museo tamén acollerá a partir do día 18 de setembro unha nova exposición que propón un achegamento á arquitectura Suíza, centrada na paisaxe e no desenvolvemento sustentable, en colaboración coa Embaixada de Suíza en España.

A cultura galega tamén tende pontes co exterior na exposición sobre iconas rusas que inaugurou onte na capital de Galicia o Museo das Peregrinacións e de Santiago. Baixo o título ‘Iconas rusas, presentación dunha colección’, este novo proxecto inclúe unha selección de máis de 40 pezas de gran valor histórico e artístico procedentes da colección de 263 iconas rusas, datadas entre os séculos XV e XX, que lle foron cedidas ao museo por un coleccionista particular para a súa custodia e exhibición pública.

Tamén na capital de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación propón unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte a través da exposición ‘Auga Doce’ do Museo Centro Gaiás, formada por 700 obras nas que os mestres da arte lle renden homenaxe a este elemento clave da identidade galega. Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullan o visitante nunha intensa experiencia estética, que se pode visitar na Cidade da Cultura ata o vindeiro 14 de setembro.

Na provincia de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia amosará desde o 22 de xullo ao 26 de agosto a exposición Das terras, unha mostra fotográfica na que Natasha Lelenco (Moldavia, 1982) amosa “un retrato colectivo dos estados de ánimo e de maneiras de ser nos que a persoa observadora poida atoparse a través da beleza das formas”. O museo tamén ofrece estes días a posibilidade de achegarse á filatelia, cunha mostra que permanecerá aberta ata o próximo 20 de xullo e na que se mostran selos e outros documentos referentes a emisións con temáticas como as Letras Galegas, os pequenos e grandes museos de España, o oficio de afiador e os usos da roda ou os viños de Galicia.

Ademais, no marco de Marxes Fílmicas, o museo ofrece hoxe e mañá venres, ás 20:30 horas, as últimas sesións deste ciclo, coas proxeccións dos documentais de produción finlandesa ‘La carga de mi corazón’ e ‘Una clase especial’.

Arqueoloxía e astronomía para observar as estrelas
Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense retomará en setembro a súa actividade da peza do mes, para afondar no coñecemento histórico, artístico e material da súa colección, mentres que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Las ofrece visitas guiadas e unha actividade que combina arqueoloxía e astronomía para observar as estrelas, o 9 de agosto.

Esta mesma iniciativa tamén a ofrecerá o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, na provincia de Pontevedra. A actividade enmárcase nunha programación cultural na que o parque tamén inclúe visitas guiadas para coñecer os petróglifos, os días 26 e 27 de xullo e o 30 e 31 de agosto; contacontos para viaxar ata a Idade de Bronce, os días 19 de xullo e 1 de agosto; e visitas teatralizadas para os máis novos o 25 e 26 de xullo, e o 2, 9 e 15 de agosto.

A moeda romana
Na provincia de Lugo, o Museo do Castro de Viladonga propón unha viaxe pola numismática a través da exposición ‘A moeda romana como documento’, que se poderá ver ata o 30 de setembro. A través de seis paneis, a mostra explica a orixe da moeda, o seu proceso de fabricación e as distintas partes que a compoñen, partindo da colección de moedas romanas procedentes do Castro de Viladonga. O museo tamén ofrece unha exposición temporal sobre o achado de dous torques en Vilar do Monte, Sarria.

Navegación tradicional e singraduras en barco
O mar e o seu patrimonio tamén están presentes nestas actividades. O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, propón ata o 15 de setembro experiencias didácticas para todos os públicos, previa inscrición, con paseos guiados polo museo e visitas ao Centro Arqueolóxico do Areal Salinae, mentres que o Museo Massó, en Bueu, ofrece cursos de iniciación á navegación tradicional e singraduras en barco pola ría, que se completan con obradoiros infantís e noites de verán nas que o museo abrirá ata as 12 da noite.

Obradoiros no CGAC
E como cada verán, o Centro Galego de Arte Contemporánea ofrece unha nova edición dos talleres de lecer que se desenvolve en xullo e agosto, de 11 a 13 horas, previa inscrición. Ademais do taller audiovisual ‘Fóra de campo’, dirixido polo artista Diego Santomé desde o pasado día 15 ata o 19 de xullo, o arquitecto Fermín Blanco impartirá, do 21 ao 24 de xullo, o taller ‘2 en 1’, onde os rapaces e rapazas de 9 a 12 anos poderán explorar as características arquitectónicas, a historia e os recunchos do CGAC e do Museo do Pobo Galego.

Os nenos e nenas de 7 a 9 tamén terán ocasión de coñecer, do 29 de xullo ao 1 de agosto, a través da proposta ‘Claqueta 1’, os aspectos básicos da produción da animación, mentres que os máis pequenos (de 4 a 6 anos) visitarán, do 5 ao 8 de agosto, as salas do museo para experimentar con diferentes texturas e volumes no taller ‘Pequenos artistas no CGAC’.

Axenda cultural
O calendario coa programación de actividades da Consellería de Cultura e Educación pódese consultar na nova axenda de Cultura, accesible na páxina web cultura.xunta.es.
 

15 de xullo do 2014 O número de visitantes ao Museo Arqueolóxico de Ourense aumentou en 2013 nun 68%, respecto ao ano anterior

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que “o compromiso da Xunta de Galicia co Museo Arqueolóxico de Ourense é total, como tamén o do actual Goberno Central. Así o demostran –engadiu- o amplo programa de posta en valor dos fondos que se está a levar acabo a Consellería e o feito de que por fin se veña de retomar o proxecto de rehabilitación da súa sede”. Segundo o conselleiro, todo este traballo que a Xunta vén realizando dende anos atrás tamén se reflicte na boa acollida que as novas propostas do Museo Arqueolóxico de Ourense están a ter entre os cidadáns, posto que no ano 2013 as visitas ao centro aumentaron nun 68% respecto ao ano anterior.

O conselleiro anunciou que o obxectivo da Consellería é continuar enriquecendo este museo, e por ese motivo inauguraranse dúas novas mostras sobre o ensaísta e pensador Padre Feijóo e sobre o pintor da ‘xeración doente’ Parada Justel. Tamén lembrou que o Ministerio publicou hai apenas un mes a licitación dos traballos para a elaboración do anteproxecto, proxectos básico, de execución e actividade, e demais labores para a súa rehabilitación, cun orzamento base de case 724.000 euros, o titular de Cultura e Educación recordou que “a reactivación da rehabilitación prodúcese grazas aos requerimentos realizados dende o Goberno Autonómico e ao compromiso dunha Administración Central responsable”.

Ampla programación cultural
No tocante á posta en valor dos fondos, o conselleiro salientou que o Museo Arqueolóxico de Ourense non só non deixou de ter actividade nestes anos, senón que “realiza un amplísimo labor”. Neste sentido, recordar que o Museo ofrece na sala de San Francisco unha excelente escolma de escultura provincial; presenta mensualmente unha peza arredor da que se organizan relatorios de expertos e publicacións divulgativas; programa de forma periódica exposicións temporais, tales como a organizada sobre ‘O Camiño Real de Castela’ no Museo Municipal, ou a do pasado ano sobre a propia ‘Restauración no museo’.

Ademais, esta institución participa tamén en exposicións en liña, como as promovidas no marco da Rede Dixital de Museos (‘Mulleres ante a adversidade’ e ‘Ausencias e silencios’); e organiza outras actividades puntuais (obradoiros, concertos, recreacións 3D e visitas guiadas a xacementos, mostras e á propia sede do museo, etc.). Doutra banda, Vázquez Abad non se esqueceu do crucial labor nos eidos da restauración, da recollida de materiais arqueolóxicos e da colaboración e asistencia investigadora que leva a cabo o museo.
 

Paginador

  1. 1
  2. 2
  3. 3
  4. 4
  5. 5
  6. 6
  7. 7
  8. 8
  9. 9
  10. 10
  11. 11
  12. 12
  13. 13
  14. 14
  15. 15
  16. 16
  17. 17
  18. 18
  19. 19
  20. 20
  21. 21