Ir o contido principal

Xa está dispoñible a nova app do Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia ofrece una nova aplicación propia para dispositivos móbiles con guía multimedia para a visita ao museo e ás cinco Rutas do Viño de Galicia.

O Museo do Viño de Galicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, inaugurado o pasado mes de xullo, introdúcese nas máis novas tecnoloxías cunha aplicación gratuíta que os/as visitantes poderán descargar nos seus dispositivos móbiles dende os markets de iOS e Android.

A app Museo do Viño de Galicia non só é una guía multimedia do museo para achegar ás persoas visitantes información dos seus contidos e coleccións de forma amena e audiovisual, senón que ademais ofrece a posibilidade de realizar experiencias de enoturismo polas cinco Rutas do Viño de Galicia.

A guía multimedia

Trátase dunha audioguía interactiva que mellora as prestacións das tradicionais, transmitindo a información sobre a exposición en diversos formatos de texto, imaxe e audio. Está pensada para acompañar a visita dun xeito ameno, e incorpora recursos gráficos que completan a narración, como imaxes de arquivo dos/as verdadeiros/as protagonistas deste espazo museístico: as xentes dedicadas á viticultura e vinicultura en Galicia e os artesáns e as artesás que outorgaron á súa terra tan rico patrimonio vitícola. O audio ofrece referencias literarias de escritores/as, poetas e personaxes históricos que recollen na súa obra a importancia do viño en Galicia dende a Idade Media.

Ofrece dous tipos de visita en tres idiomas -galego, castelán e inglés-: a visita completa (60 min) e a visita completa con xogos (90 min), que inclúe varios retos que só poden resolverse visitando o museo. Os/as visitantes poderán descargar a aplicación completa no seu teléfono móbil para realizar a visita ou solicitar as tabletas de préstamo gratuíto que se ofrecen coa entrada ao museo, que conteñen a guía e que se recollen na recepción do museo.

Unha guía accesible

O Museo do Viño de Galicia é accesible, xa que carece de barreiras arquitectónicas e dispón de aseos adaptados, ramplas e ascensores que comunican a exposición permanente. Así mesmo, os seus recursos audiovisuais teñen lingua de signos. No compromiso de facer un museo máis accesible para todos os públicos, a guía inclúe o audio subtitulado para persoas con discapacidade auditiva, audio-descrición para persoas cegas e lingua de signos para persoas xordas. É compatible ademais cos sistemas de texto a voz ou lectores de pantalla iOS (Voice Over) e Android (Talk Back).

As Rutas do Viño en Galicia

A mesma aplicación inclúe as Rutas do Viño das cinco denominacións de orixe de Galicia: Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas e Monterrei. Son o complemento ideal da visita ao museo.

Coa app das cinco Rutas do Viño, o público pode vivir unha experiencia de enoturismo completa. A aplicación conduce polo territorio das diferentes D.O. do viño de Galicia. Inclúe as adegas e os establecementos das rutas para que o/a usuario/a poida consultar as opcións de enoturismo que ofrecen, e serve de guía para coñecer as extensións dos viñedos e do rico patrimonio vitivinícola.

Cada itinerario ofrece unha listaxe e un mapa interactivo con xeolocalización que enlaza con Google Maps para chegar aos establecementos relacionados co enoturismo: adegas, oficinas de turismo, feiras do viño, museos, oferta de actividades de lecer, monumentos asociados á cultura do viño, restaurantes, hospedaxes e comercios adheridos á ruta.

Descarga a app buscando na túa tenda virtual de aplicacións Museo del Vino de Galicia!