22 de abril do 2014 Visitas teatralizadas ao Museo e ao Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

Todos os martes do mes de maio ás 10:30 e ás 12:30 realizaranse visitas guiadas teatralizadas para alumnos de Educación Infantil e Primaria, cun máximo de 50 prazas para cada visita. As visitas guiadas serán realizadas por tres actores, que con distintas personaxes e cunha duración de aproximadamente unha hora, percorrerán o Museo e o Castro de Viladonga.

Comézase a actividade recibindo aos nenos no museo. A guía Xila, membro dun clan castrexo de Viladonga, dará a benvida dun xeito especial aos visitantes e dirixiraos á sala de audiovisuais. Alí terá lugar a proxección dun vídeo e ao rematar, aparecerán dous personaxes que contarán diversas lendas. Farase unha ruta teatralizada polas distintas salas acompañados de Xila e de Maximus, un romano peculiar que de forma lúdica contarán anécdotas dos elementos que alí se atopan.

Unha vez rematada a visita no museo, o grupo emprenderá viaxe ao Castro onde aparecerá Caelio, o xefe dun clan moi poderoso neste poboado, que explicará a súa forma de vida dende que o galo canta ata que ouvean os lobos.