10 de xullo do 2013 Visitas guiadas para descubrir o conxunto arqueolóxico ourensán de Santomé

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Grupo Marcelo Macías na difusión e posta en valor do conxunto arqueolóxico-natural de Santomé, en Ourense. A través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOU), o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad apoia a xestión do programa de visitas gratuítas ao xacemento, durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou esta mañá o xacemento, onde tivo ocasión de comprobar o valor patrimonial e natural do conxunto de Santomé. A converxencia dos valores históricos, característicos dun complexo xacemento arqueolóxico, cos naturais derivados dunha vexetación peculiar, converten este lugar, situado a escasamente tres quilómetros da capital da provincia de Ourense, nun espazo privilexiado de grande interese cultural.

Na súa visita, o secretario xeral de Cultura estivo acompañado pola xefa territorial e o coordinador da Área Cultural da Consellería de Cultura e Educación en Ourense, Mercedes Gallego e Gerardo Pumar, respectivamente; polo director do MAPOU, Xulio Rodríguez; e mais pola concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido.

Programa de visitas guiadas 

As visitas gratuítas ao conxunto arqueolóxico-natural de Santomé realízanse de xoves a domingo en horario de mañá, de 11:30 a 13,30 horas, e de tarde, de 17:30 a 21:00 horas, e comezan na caseta de información do xacemento. As visitas de grupos poden concertarse a través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, nos teléfonos chamar aos teléfonos 988 223884 e 988 230430.

O castro está asentado nun esporón rochoso sobre o río Loña que lle serve de defensa natural polo sur e o oeste e completa o dispositivo defensivo cunha muralla, foso e terraplén. As intervencións realizadas na croa permiten contemplar un entramado artellado a partir dunha rúa central, que desemboca nun espazo máis amplo a modo de praza, resultado dun proceso de ocupación e reocupación do sector castrexo.

No poboado tardorromano escaváronse dúas unidades habitacionais, que, con lixeiras variantes, reproducen o mesmo esquema funcional, organizadas a partir dun espazo central aberto, a modo de patio con reminiscencias no adro na casa romana.