21 de novembro do 2019 Román Rodríguez inaugurou a exposición "Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural" do Museo Arqueolóxico de Ourense

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

A mostra, aberta ata marzo de 2020 en Afundación Ourense, amosa restos materiais recuperados no proceso de escavación deste conxunto sobranceiro.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou onte a mostra "Santomé. Conxunto arqueolóxico-natural", organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, xestionado pola Xunta de Galicia. Poderá visitarse ata o 8 de marzo de 2020 na sala de exposicións Afundación en Ourense.

Esta mostra amosa os resultados dunha importante investigación realizada polo propio persoal técnico da institución sobre os acontecementos máis destacados a través dos restos materiais recuperados no proceso de escavación deste conxunto sobranceiro. Deste xeito, a persoa visitante realizará un paseo pola historia deste asentamento desde o mundo castrexo ata o século V d.C.

O conselleiro aproveitou o acto para destacar o compromiso e o importante labor que desenvolve o Museo e estendeu a invitación a todos/as os/as galegos/as a gozar desta “magnífica mostra” que inclúe pezas de extraordinario valor histórico, así como a visitar o propio xacemento, “un lugar de encontro entre natureza e pasado que é unha metáfora perfecta da simbiose que ofrece a nosa terra”, afirmou Román Rodríguez.

O titular de Cultura e Turismo lembrou que a Xunta deu este ano un paso máis no compromiso co asentamento ao retomar a actividade arqueolóxica en Santomé. En concreto, acometeuse a escavación, consolidación e musealización dun sector significativo do castro, que está a permitir afondar no coñecemento do conxunto.

A mostra poderá visitarse de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

Galería

  • Inauguración da mostra

  • Inauguración da mostra