Museos de Galicia

10 de abril do 2017 Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

No Museo do Castro de Viladonga celebráronse na última semana de marzo, e na primeira de abril, diversos obradoiros didácticos que contaron cunha notable participación de escolares de infantil, primaria e a ESO, procedentes das catro provincias galegas.

Nestes obradoiros os escolares aprenderon a realizar vasillas cerámicas co torno e coa man, a acuñar moeda, a moer cos muíños manuais e  tamén coñeceron polo miúdo o traballo dos arqueólogos na escavación do castro e na documentación dos achados realizados. Para os escolares da etapa infantil, entre 3 e 5 anos, utilizáronse fichas específicas para o seu nivel educativo, nas que pintaron obxectos expostos no Museo.

Estes obradoiros organízanse como complemento á visita guiada ao castro e ao museo. Ademais, o Museo ten a disposición dos centros educativos que as soliciten varias unidades didácticas para completar o traballo cos distintos grupos.

O museo realiza periodicamente orientación e traballo didáctico con visitas escolares ou con grupos específicos, tras a concertación dunha cita previa. O acceso é libre todos os días do ano.

Galería

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga

  • Rematan varias xornadas de obradoiros no Museo de Viladonga