Ir o contido principal

Remata a campaña de escavacións no Castro de Viladonga

Vista aréa da zona escavada

Vén de rematar a campaña 2016 de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no Castro de Viladonga, financiada con fondos Feder e da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia. A empresa adxudicataria do proxecto, Terra Arqueos, fixo entrega dos materiais e da información complementaria: memoria, planimetría, documentación gráfica e inventario de materiais.

A actuación nesta campaña centrouse en dous sectores da croa do castro, nun tramo noroccidental da muralla e no ángulo leste da entrada a croa, onde se levaron a cabo traballos de reescavación, consolidación e acondicionamento.

Destaca nesta intervención o cambio de criterio na restauración das estruturas e no remate da consolidación e protección dos seus muros, xa que se empregou un morteiro resistente en exteriores. Isto fai innecesaria a colocación das lousas de protección das cabeceiras, así como dos terróns ou tepes vexetal que se viñan empregando e que se substitúen por unha ou varias fiadas de sacrificio ou protección a base de lousa e xisto.

Os materiais atopados como resultado da escavación do camiño e a reescavación previa á consolidación foron máis abondosos do previsto, dado o escaso do espazo intervido. Destacan especialmente numerosos fragmentos de cerámica común romana correspondentes a varias vasillas que se poderán reconstruír case na súa totalidade. É de sinalar a casualidade de ter atopado nesta escavación a metade dunha tapadeira de barro da que a outra parte fora atopada nas escavacións dos anos 70, o que vai permitir a súa completa restitución.

Recolléronse ademais algúns fragmentos de terra sigillata, ferros, moedas (algunhas delas constantinianos) e unha pulseira de bronce así como un gran número de tégulas.