Museos de Galicia

18 de abril do 2017 Programación de visitas, exposicións e actividades educativas no Museo Liste de Vigo

O Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación para o segundo semestre do ano, cunha gran variedade de actividades que abranguen exposicións, actividades cíclicas educativas, obradoiros de aprendizaxe...

Este museo etnográfico, que recolle o legado de Olimpio Liste Regueiro no eido da etnografía, ofrece unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego.

O Museo Liste conta con nove salas de exposición permanente, distribuídas en tres plantas, nas que descubrir anacos da nosa historia: arte tecido, o escultor da madeira, a cultura do centeo, a simboloxía dos oficios artesáns, a materialidade da fe ou a arte de curar.

A rotulación dos contidos permite a realización de percorridos autónomos, pero dende o museo ofrecen visitas guiadas para grupos, previa solicitude. Para o público en xeral, os percorridos guiados realizaranse os sábados ás 11:30 h.

Así mesmo, o Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación para o segundo semestre do ano, que ademais das visitas guiadas, ofrece unha gran variedade de actividades que abranguen exposicións, actividades cíclicas educativas, obradoiros de aprendizaxe...

Pódese obter información máis detallada en http://www.museoliste.org/index.php?pag=galego-actividades

Varias exposicións temporais ata fin de ano visibilizan para o público aspectos moi diferentes da tradición galega, a través das pezas conservadas no importante fondo deste museo. Deste xeito, estas son as mostras que abren as súas portas:

 

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

En feminino: a silente presenza

Busca visibilizar o eido feminino na construción da sociedade ao través do soporte didáctico que ofrecen, neste caso, pezas e fotografías de diversas coleccións privadas.

Lugar: Sala de exposicións temporais do Museo.

Data: Ata o 31 de decembro. Entrada gratuíta.

Encintados da Ribeira Sacra

Exposición fotográfica que mostra a arte dos encintados, decoración ancestral feita con cal nas paredes externas das casas, a través das fotografías de Mar López Sotelo. Visítase xunto coa exposición permanente polo que o prezo de entrada ao Museo inclúe a visita a esta mostra.

Lugar: Sala do Peche do Museo.

Datas: do 17 de maio ao 17 de setembro.

De varas a metros

Mostra de aparellos de medición que reflicten a variabilidade das medidas antes da implantación do Sistema Métrico Decimal, ao través do soporte didáctico que ofrecen pezas do Museo Liste Vigo, do Museo Liste Oseira, do “Mercado da Tía Ni” (Sabarís) e de particulares. Soporte didáctico: Visítase xunto coa exposición permanente polo que o prezo de entrada ao Museo inclúe a visita a esta mostra.

Lugar: Sala didáctica do Museo.

 

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

As actividades didácticas para os máis novos pretende un achegamento dos rapaces e rapazas ao mundo do noso legado cultural e a nosa identidade.

As actividades que se poden concertar previamente son ofrecidas as diferentes niveis educativos de Educación Infantil, Primaria ou Secundaria, e son as seguintes:

O home e a madeira

Trátase dun complemento específico dentro da visita ao Museo deténdose nos tipos de madeiras, con monitores e o soporte didáctico de paneis para a identificacións das madeiras.

Lugar: Sala de “A madeira escavada”.

Datas: durante todo o ano.

Dirixido a: grupos de nenos/as de Infantil, Primaria e Secundaria.

Encaixando anacos

Xogo de descubrimento ao longo do percorrido, con quebracabezas que haberá que compoñer.

Datas: durante todo o ano.

Dirixida a: grupos de nenos e nenas de Educación Infantil previa solicitude.

 

Por outra banda, hai actividades para calquera grupo de idade, que se enmarcan dentro do nome de “talleres de coñecemento”, e tamén poden concertarse durante todo o ano previa solicitude. Son as seguintes:

Instrumentos humildes

Ofrécese ampliar o coñecemento dos múltiples recursos susceptibles de orixinar sons musicais. O soporte didáctico é a través destes singulares obxectos e coa monitora Erica Iglesias Neira.

Lugar: salas do Museo ou xardín circundante.

Datas: todo o ano previa solicitude. Grupos de 50 persoas máximo. Duración: 1 hora. Dirixido a todas as idades. Prezo do taller: 40 euros/grupo.

Como mediamos

Medidas de lonxitude; de capacidade; de masa; de superficie, prestando especial atención ás medidas tradicionais, incidindo nas moitas variacións locais. Cóntase coa colaboración especial de pezas do Museo Liste de Oseira (Ourense), do “Mercado de la Tía Ni” (Sabarís-Pontevedra) e de particulares.

Lugar: Museo Liste.

Datas: durante todo o ano previa solicitude. Duración: 1 hora. Dirixido a: grupos de todas as idades. Prezo: 1 euro por persoa

 

Destacar tamén que existen actividades específicas en días sinalados, como o Día das Letras Galegas ou os Maios, dos que se pode consultar información no propio museo, no portal de Museos de Galicia,  ou no portal de Cultura.