1 de xullo do 2019 Programación para o terceiro trimestre do ano no Museo Liste de Vigo: visitas, exposicións e actividades educativas

O Museo Liste de Vigo vén de facer pública a súa programación para o terceiro trimestre do ano, o que abrangue o verán, cunha gran variedade de actividades como exposicións, actividades cíclicas educativas, obradoiros de aprendizaxe...

Este museo etnográfico, que recolle o legado de Olimpio Liste Regueiro no eido da etnografía, ofrece unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego.

O Museo Liste conta con salas de exposición permanente, distribuídas en tres plantas, nas que descubrir anacos da nosa historia: arte tecido, o escultor da madeira, a cultura do centeo, a simboloxía dos oficios artesáns, a materialidade da fe ou a arte de curar.

A rotulación dos contidos permite a realización de percorridos autónomos, pero dende o Museo ofrecen visitas guiadas para grupos, previa solicitude. Para o público en xeral, os percorridos guiados realizaranse os sábados ás 11:30 h.

Estas son, polo miúdo, as propostas para este trimestre:

 

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

A mesa farta. Etnoloxía e cultura alimentaria en Galicia
Os obxectos distribúense en oito recantos que dan conta do seu significado e uso, reflectindo a evolución da cultura alimentaria en Galicia e a dos obxectos vencellados a ela nos séculos XIX e XX.
1º recanto: as bebidas.
2º recanto: a preparación dos alimentos.
3º recanto: complementos esporádicos: caza e pesca.
4º recanto: a horta.
5º recanto: o servizo de mesa.
6º recanto: a infancia.
7º recanto: produtos da tenda (os que non se autoproducen).
8º recanto alimentos sólidos (básicos).
Comisariado da exposición e textos: Xavier Castro.

Sororidade
Sororidade define a irmandade entre mulleres. O concepto abrangue moitas formas, todas encamiñadas ao apoio mutuo entre elas.
Dende esta premisa, o museo quere contribuír a crear espazos de concienciación nos que abondar na necesidade dunha educación en igualdade. Supón un proxecto para traballar cos centros de ensino e asociacións na realización de accións conxuntas que conduzan á reflexión.
Dende febreiro de 2019, o museo acolle distintas creacións e producións artísticas que reflicten ou evidencian a inxustiza que xera a desigualdade dunha socialización no patriarcado. O museo quere así ser un espazo de convivencia á vez que de compromiso social a través de obras que inviten á reflexión.

 

ACTIVIDADES DE VERÁN

Onde están as chaves?
Conxúgase coñecemento e diversión para descubrir os aspectos e pezas máis destacables do museo. A actividade pon en xogo capacidades dedutivas, memoria e habilidades a través de probas encadeadas co fin de acadar o obxectivo final.
Dirixido a: grupos de 6 a 12 anos previa solicitude.
Duración: 90 minutos.
Custo: 1 € por participante

Un cadáver no armario
A modo de escape room e partindo dun relato, resolverase o misterio do asasinato de Bieito Pichel. Diversas probas levarán ao cadáver que, segundo as últimas noticias, atópase no Museo.
Dirixido a: grupos, a partir de 13 anos previa solicitude.
Duración: 90 minutos.
Custo: 1 € por participante

A maxia da fotografía
Viaxe ao mundo máxico da fotografía, entendendo que se ben os avances tecnolóxicos son importantes, a arte non precisou deles para manifestarse. O obradoiro abranguerá dende a toma de contacto coa orixe e evolución da fotografía, á construción dunha cámara estenopeica, toma de fotografías e revelado. Amosaranse unha selección de cámaras e materiais fotográficos.
Docente: Rosi Pardal Aragunde (fotógrafa).
Datas: 1º obradoiro (martes, 23 de xullo); 2º obradoiro (martes, 30 de xullo).
Horario: de 10:00 h a 13:30 h (duración aproximada).
Dirixido a: rapaces e rapazas de 12 a 16 anos previa solicitude.
Inscrición: 986 244 698. Aberta ata completar prazas (máx. 10 participantes).

Xogando coa cestería
Para un coñecemento desta arte dun xeito dinámico, ameno e lúdico cun soporte didáctico que inclúe pezas de cestería que xeran sorpresa e infunden maxia; instrumentos - xoguetes individuais; e xogos participativos e colaborativos onde se fomentan o deporte e as habilidades psicomotrices.
Monitor: Rubén Berto Covelo.
Duración: 90 minutos.
Dirixido a: grupos de 3 a 12 anos previa solicitude.

Xogando en familia
Percorrido autónomo para familias a través dunha serie de propostas que probarán as súas capacidades dedutivas e sabedoría. Guiadas polos caderniños dispoñibles en recepción realizarán unha visita diferente.
Duración: 60 m (duración aproximada).
Datas: sábados do mes de xullo.
Dirixido a: familias, sen necesidade de solicitar cita previa.

Instrumentos humildes
Ofrécese ampliar o coñecemento dos múltiples recursos susceptibles de orixinar sons musicais. O soporte didáctico é a través destes singulares obxectos e coa monitora Erica Iglesias Neira.
No obradoiro teórico-práctico abórdase:

  • Clasificación e breve historia dos instrumentos.
  • Variedade nos modos de tocar.
  • Variedade nos ritmos (alalá, muiñeira, alborada…).
  • Distintos momentos de uso (festas, foliadas, comparsas…).
  • Mostras do cancioneiro popular (coplas, nanas…).
  • Achegamento aos instrumentos doutras culturas.

Dirixido a: grupos de 50 persoas máximo, previa solicitude. Todas as idades.
Duración: 1 hora.
Prezo do taller: 40 €/grupo.

Audicións musicais
Iniciativa posta en marcha no ano 2003, que ten como obxectivo amosar a diversidade musical e crear espazos de intercambio nos que os distintos ritmos e instrumentos reflictan a variada e rica cultura musical. Acollen tanto expresións musicais que nos son propias como outras manifestacións culturais alleas. Este verán desfrutaremos de actuacións con música de fusión.
As datas e os grupos serán convenientemente difundidos.

Xornadas para a comunicación: xantares e problemática das mulleres
As mulleres estaban discriminadas na repartición duns bens escasos como eran os alimentos, que non se repartiron endexamais de xeito equitativo, nin sequera no seo da familia. A miúdo as mulleres non podían nin sequera sentarse á mesa para comer, pendentes en todo momento de servir a comida á súa familia.
Relator: Xavier Castro, profesor universitario e comisario da exposición temporal A mesa farta. Etnoloxía e cultura alimentaria de Galicia.
Data: mércores, 10 de xullo ás 18:00 h.
Lugar: Sala da Madeira Escavada.
Duración: 60 m.
Dirixida a: público en xeral.

Co teu can
En decembro de 2017, o Museo inicia unha política tendente á normalización da presenza dos cans en espazos públicos autorizando a súa entrada. O formato foi de visita guiada en datas determinadas. Este ano normalizouse esta iniciativa permitindo a entrada de visitantes acompañados dos seus cans todos os mércores en horario de tarde.
Datas e horario: mércores, de 17:00 a 19:00 h, no horario e coas tarifas habituais de entrada ao Museo.
Aforamento limitado a un máximo de 7 cans de xeito simultáneo.