24 de marzo do 2017 Presentación dun novo programa educativo no Museo de Belas Artes da Coruña

Museo de Belas Artes da Coruña

"Un Museo en movemento" propón unha actividade pensada para dar a coñecer a colección de arte do Museo a colectivos con diversidade funcional.

O mércores 22 de marzo presentouse no Salón do Museo de Belas Artes da Coruña un novo programa educativo que o Museo e a súa Asociación de Amigos ofrecen a colectivos con necesidades especiais. Os participantes foron Rocío Fraga Sáenz (Concelleira de Igualdade e Diversidade, Concello da Coruña), Ángeles Penas Truque (Directora do Museo de Belas Artes da Coruña), Pedro Vasco Conde (Presidente da Asociación de Amigos do Museo) e un representante de APEM (entidade colaboradora).

A Fundación EMALCSA da Coruña realizou a I Convocatoria de Axudas para favorecer a inclusión e a accesibilidade na vida cultural, Cultura Inclusiva, dirixida a apoiar entidades culturais que, en colaboración con entidades de persoas con minusvalía, presenten proxectos específicos que teñan algunha das finalidades indicadas nas bases.

No marco desta convocatoria, a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña asinou un convenio coa Fundación para por en marcha un proxecto para favorecer unha cultura accesible e inclusiva, dirixido ás persoas e colectivos da cidade con dificultades para a súa plena integración social.

Con dito fin e coa supervisión e o aval do Museo de Belas Artes, propúxose a actividade Un Museo en movemento, pensada para dar a coñecer a colección de arte do Museo as devanditas entidades e colectivos, sen ter que desprazarse ata o mesmo. Deste xeito, quérese facilitar a accesibilidade aos espazos e actividades culturais, fomentar a participación na creación artística, partindo de que todos deben ter a posibilidade e o dereito de desenvolverse mediante a arte.

Ao mesmo tempo, o Museo, lonxe de converterse nun elemento marxinal que se contempla respectuosamente desde lonxe, abriría unha vía de traballo que enriquece e facilita a relación co público, ao achegar a súa colección a aquelas persoas que, por causas diversas, non tiveran posibilidade de desprazarse ás súas instalacións.

Visitas – obradoiro:
Deseñáronse unhas visitas - obradoiros para desenvolver nos distintos centros ou locais sociais, onde os membros ou usuarios farán un achegamento a unha selección de obras de arte, a través de dúas fases de traballo:

  • Proxección dun itinerario virtual a través da colección, apoiado polas explicacións dun especialista en historia da arte.
  • Obradoiro sinxelo relacionado cos contidos expostos, que reforzará a explicación á vez que fomentará o exercicio das súas aptitudes creativas.

Duración: hora e media como máximo

Equipo de traballo: un historiador da arte, unha educadora social e unha monitora do taller.

Infraestrutura e materiais necesarios: todos os equipos e instrumental necesario será aportado desde a organización, necesitando unicamente unha sala con mesas de traballo e un acceso próximo de auga, así como unha parede na que proxectar a presentación.

Datas: ata o 30 de xuño de 2017, de martes a venres, en horario de mañá ou tarde, segundo as necesidades da entidade solicitante.

Actividade de carácter gratuíto.

Para recibir información ao respecto, no teléfono 881 881 700 ou no email: amigosmbac@gmail.com, e solicitar día e hora. Uns días antes da visita, o coordinador porase en contacto para concretar os termos da mesma e adecualos ao perfil do usuario.