Ir o contido principal

Obras de mellora nas pallozas do Conxunto Etnográfico do Cebreiro

Teitador de Burbia

No mes de xullo comezaron as obras de reparación nas catro pallozas que compoñen o Conxunto Etnográfico do Cebreiro. A partida orzamentaria destinada a este fin pola Consellería de Cultura e Turismo foi de arredor de 180.000 € e adxudicouse á empresa Construcións Resconsa.

O responsable do teitado é o teitador de Burbia, Juan González, un dos poucos que coñecen este oficio na actualidade e que se vén encargando desde hai anos destes traballos no Cebreiro.

As principais intervencións consisten na renovación completa do teito da palloza Casa de Juan López ou palloza-museo, na reparación e colocación dos veos segundo a técnica tradicional na palloza de Galán, así como na reparación dos teitos das pallozas de Campelo e do Quico.

Dentro destas obras melloraranse tamén as instalacións de electricidade e iluminación, repararanse as canles perimetrais e aplicaranse tratamentos insecticidas para a conservación das estruturas de madeira. Mentres se estean executando as obras na palloza-museo, as visitas faranse á palloza do Quico.