12 de setembro do 2019 Obradoiro de cerámica castrexa no Castro de Viladonga

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga acolleu a fin de semana do 7 e 8 de setembro o IV Obradoiro experimental de cerámica castrexa. Trátase dun obradoiro de grande aceptación e, como nos anos anteriores, contou cunha notable participación de persoas ás que se lles ofreceu un achegamento ás técnicas de produción de época castrexa. Asistiron á demostración do proceso de execución das pezas e das distintas técnicas decorativas castrexas para, a continuación, realizar e decorar cada participante unha peza. Para rematar, puideron cocelas nun forno aberto con combustible vexetal segundo a tecnoloxía da Idade de Ferro en Galicia.

O obradoiro foi impartido pola artesá Sandra Obarrio, da Fundación Terra Termarum de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra), colaboradora habitual deste museo.

Galería

  • Foto de familia das persoas asistentes coas súas pezas