Ir o contido principal

O universo monástico de Athos chega ao Museo das Peregrinacións e de Santiago

Cartel da exposición

A nova exposición do Museo das Peregrinacións e de Santiago achégase ao universo monástico do monte Athos da man do fotógrafo Fernando Moleres. Agion Oron. Peregrinación ao monte Athos é o título deste novo proxecto expositivo, que foi inaugurado esta tarde no centro museístico da Consellería de Cultura e Educación.

“Abrimos hoxe as portas dun proxecto para a descuberta a través da mirada de Moleres, que nos conecta cun espazo de valor excepcional, tanto natural como cultural, recoñecido pola Unesco como Ben Patrimonio da Humanidade”, asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou no acto de inauguración xunto con Fernando Moleres, o director do museo, Bieito Outeiriño; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Unha das peregrinacións máis singulares

“A partir de anacos da realidade cotiá do monte Athos –precisou Anxo Lorenzo–, o artista transmítenos o pulso, o sentimento e a espiritualidade da vida monástica do lugar, e dunha das peregrinacións máis singulares do planeta”.

Moleres documentou coa súa cámara anacos da realidade cotiá do Montes Athos: o escenario e as persoas, e tamén o sentimento e a espiritualidade. Nas súas sucesivas viaxes capturou multitude de imaxes que dan forma a un proxecto sobre a vida monástica conformado por 36 fotografías. Nelas amósanse aspectos da riqueza patrimonial, paisaxística e cultural do territorio no que se asenta o maior número de construcións relixiosas e a onde acode o peregrino atraído polo gran número de santuarios, reliquias e obxectos sagrados que se agochan nos tesouros dos mosteiros e que son venerados polos monxes e polos fieis que peregrinan.

Άγιον Όρος (Agion Oros, Santa Montaña) é o nome do estado teocrático constituído polos 20 mosteiros ortodoxos que ocupan a península coñecida como monte Athos. Segundo explicou o secretario xeral, “o museo achéganos a este enclave singular dentro do seu programa expositivo Peregrinacións no mundo, que desde hai preto de 20 anos leva amosadas multitude de formas diversas que adquire o fenómeno das peregrinacións nas distintas culturas ao longo de todo o mundo”.

O territorio con maior concentración de mosteiros

As especiais condicións orográficas e de illamento fixeron do monte Athos un lugar buscado polos monxes desexosos dunha vida de renuncia e oración e, de feito, convertérono no territorio coa maior concentración de mosteiros e no principal referente do monacato ortodoxo. O acceso ao lugar, no que só poden residir monxes, precisa dunha autorización previa e ao día só entran na península 120 persoas, ás que non se lles permite pasar máis de catro días no territorio. As mulleres teñen prohibido o acceso desde o século XI.

No ano 963, fundouse o primeiro dos cenobios: Gran Lavra. O apoio do Imperio Bizantino favoreceu a proliferación de múltiples asentamentos monásticos e propiciou a concentración de reliquias e obxectos de culto e devocionais. No século XVI, había unhas 40 fundacións monásticas cuns 40.000 monxes. Na actualidade, son 20 os mosteiros autónomos e os monxes non chegan a 2.000.

As importantes e abundantes reliquias que aínda hoxe se conservan atraeron e atraen peregrinos, sobre todo para asistir e participar nas celebracións litúrxicas que teñen lugar nas festividades máis salientables do calendario ortodoxo. Hoxe os peregrinos acoden, ademais de atraídos polo culto ás reliquias, polos desexos de se introduciren nun espazo singular no que o tempo parece detido. Lévase a cabo unha peregrinación especial que, lonxe das masivas concentracións que caracterizan a maior parte destes eventos, se desenvolve nun espazo abarcable e doméstico para o peregrino e que conta cun forte enraizamento no sentir relixioso ortodoxo.

Fernando Moleres

A afección pola fotografía de Fernando Moleres (Bilbao, 1963) nace a raíz da viaxe que realiza en 1987 a Nicaragua. Alí toma conciencia da importancia da imaxe fotográfica para documentar o que está a pasar e comeza un período autodidacta que o marcará como fotógrafo do social. A viaxe a Sudáfrica en 1990 serviralle para introducirse no fotoxornalismo. Alí dáse de bruzos coa explotación laboral infantil. O proxecto Children at Work levouno por una trintena de países ao longo de catro anos e valeulle varias bolsas internacionais e un World Press Photo.

En 1991 viaxa a Kurdistán para realizar unha reportaxe sobre o problema dos refuxiados e ao ano seguinte, sobre ese mesmo tema, viaxará ao Sahara. Dá comezo entón a unha serie de reportaxes cun gran peso social e reivindicativo entre os que se poden salientar os dedicados á explotación laboral infantil, o retorno dos refuxiados a Ruanda, as mulleres traballadoras, a vida monástica ou sobre os menores encarcerados en Serra Leoa. Despois desta reportaxe crea un programa de axuda á reinserción dos menores a través da educación. O seu último proxecto longo foi o Melting Landscapes onde afronta o problema do quecemento global no Ártico.

Moleres ten recibido numerosísimos premios no panorama fotográfico nacional e internacional. As súas fotografías aparecen recollidas nalgunhas das máis importantes publicacións e a súas exposicións teñen percorrido numerosos países. No ano 2002, este museo organizou a exposición Peregrinación á Xerusalén negra, arredor da peregrinación que os cristiáns ortodoxos coptos realizan a Lalibela (Etiopía).