13 de febreiro do 2017 O Museo do Castro de Viladonga renova a súa imaxe: nova identidade visual, nova sinalización, nova páxina web e novos folletos informativos

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga é unha institución cultural que cumpre un servizo público cuns sinais de identidade que proveñen tanto dos obxectos da súa colección asociados ao castro  -un xacemento visitable- como da sociedade para a que se conservan. Como centro de investigación este museo evolucionou co tempo e centrouse en poñer as coleccións ao alcance da sociedade. Por este motivo o museo realiza a difusión cultural a través de servizos de información e acollida, exposicións, actividades e servizos de documentación e información das súas coleccións.

Informar sobre o propio museo é o primeiro servizo para que o público acuda. Para conseguir o obxectivo dun maior achegamento do público ao museo do Castro de Viladonga, estanse levando a cabo diversas actuacións para mellorar os seus servizos de información e acollida de visitantes:  novas sinalizacións en estradas, a renovación da imaxe corporativa do museo, o deseño dunha nova páxina web do museo e a edición de folletos actualizados en diversos idiomas.

Novas sinalizacións en estradas

O conxunto arqueolóxico e museístico de Viladonga está emprazado nunha contorna rústica de prados e bosques, afastado das estradas principais, polo que a chegada de visitantes sempre se realiza en vehículos. Aínda que os modernos dispositivos e aplicacións  (GPS, Google maps...) facilitan a chegada dos visitantes ao castro e ao museo, é necesario orientar ao público que se achega polas estradas.

Por esta razón a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de instalar a finais do ano 2016 novos rótulos e frechas indicadoras nas estradas N-640 e LU-1101, que garanten a súa visibilidade e facilitan o acceso ás instalacións ao mesmo tempo que publicitan o museo. No 2017, continuarase coa sinalización nas estradas LU-115,  cruce da N-640-LU120 e na rotonda N-640-A6 e en Castro de Rei.

O impacto da nova sinalización fíxose notar no número de visitantes do último trimestre do pasado ano 2016 (un total de 3.992), o que supuxo un incremento do 26,5% con respecto ao mesmo periodo do ano anterior.

Nova imaxe corporativa

Actualmente os museos renovan a súa imaxe corporativa para adecuarse aos novos tempos. Por este motivo o Museo do Castro de Viladonga acaba de estrear un novo logotipo que representa por si mesmo a institución: o binomio museo-castro, procurando a comunicación entre pasado e presente. Emprégase a letra M como representación do Museo e un círculo para o Castro. Como nexo de unión entrambos os dous, a liña (símbolo icónico que senta as bases para o resto da imaxe) é un camiño de ida e volta que facilita a interpretación do castro logo de visitar o museo, pero tamén á inversa, facendo dos dous elementos un conxunto inseparable.

Nova páxina web

O Museo está a traballar  tamén para presentar proximamente unha nova páxina web, onde se poderá atopar toda a información sobre  o Museo e o Castro, as novas, eventos e actividades que se desenvolvan. Con esta nova páxina, o Museo renova a súa imaxe para ir evolucionando cos tempos e presenta un novo deseño, de fácil navegación e intuitivo, moi visual e deseñado para que o usuario poda acceder facilmente ás informacións relativas ao Castro, á súa historia e escavacións, así como ao propio Museo, o seu traballo e á colección. Este novo sitio créase tamén coa nova tecnoloxía que permitirá aos usuarios navegar comodamente dende calquera dispositivo móbil, sexa teléfono ou tableta.

O novo folleto do Museo do Castro de Viladonga, coa nova imaxe visual e textos e imaxes actualizados, xa está dispoñible en cinco idiomas: galego, castelán, francés, inglés e alemán.

Os visitantes poden adquirilo no propio museo, así como nas oficinas de información e turismo da provincia de Lugo e en gran parte das instalacións hostaleiras da cidade.

Trátase dun políptico-cartel que facilita ao visitante a lectura e comprensión do museo e do xacemento arqueolóxico. Inclúe información de horarios de apertura, situación e acceso, itinerario da visita ao xacemento, historia do museo e plano das instalacións, complementada con fotografías de pezas destacadas do museo.

Galería

  • Cartel sinalizador

  • Frecha indicadora

  • Imagotipo sobre unha foto do castro

  • Imagotipo do museo