Museos de Galicia

5 de setembro do 2017 O Museo do Castro de Viladonga estrea páxina web con visitas virtuais ás súas salas e imaxes tridimensionais da colección

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga estrea páxina web e faino cun portal que permite realizar un percorrido polas súas salas de exposición permanente e acceder ás pezas máis destacadas da colección, a maioría en formato tridimensional en movemento realizadas mediante fotogrametría ou xiro 360º, o que permite contemplar os obxectos desde todos os ángulos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poñen en marcha a páxina https://viladonga.xunta.gal co obxectivo de enriquecer a experiencia que supón a visita ao complexo, ofrecer información completa sobre as súas coleccións e contidos, así como dar a coñecer entre a cidadanía o labor que vén realizando o museo.

Baseado nun deseño visual e adaptativo, o web abre cun vídeo que ofrece unha imaxe aérea de toda a estrutura do castro. Destaca no portal o apartado multimedia, con vídeos sobre a historia do castro, o seu contorno natural e as escavacións realizadas en anos anteriores. Este material audiovisual complétase cunha galería fotográfica arredor das actividades desenvolvidas no museo, así como da fauna e da flora do castro.

O portal tamén inclúe un enlace que dá acceso ao catálogo dixital das coleccións do museo xestionado pola Xunta de Galicia, na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España Rede Dixital de Coleccións de Museos de España (Ceres).

Ademais, a páxina web está deseñada para facilitar a navegación desde móbiles e tabletas, cun deseño “responsive”, baseado en estruturas e imaxes fluídas que se adaptan ao tamaño da pantalla desde a que se visita a páxina.

Renovación do portal de Cultura

Este deseño adaptable para o seu uso desde dispositivos móbiles xa está tamén dispoñible para a páxina web de Cultura de Galicia, en http://cultura.gal. Entre as melloras que incorpora o novo sitio web da Secretaría Xeral de Cultura, que lle outorga maior protagonismo ás imaxes, acorde coas tendencias actuais, destaca a personalización de eventos da Axenda de Cultura de Galicia, así como a posibilidade de ampliar información dispoñible sobre cada actividade, ao tempo que se facilitan os criterios de busca.

A renovación da web cultura.gal garante un acceso máis universal aos contidos desde calquerqa tipo de dispositivo, acorde co impulso dos servizos web en mobilidade e a adaptación das webs a esta demanda para facilitar unha navegación máis accesible, cómoda e satisfactoria para os usuarios e as usuarias.