13 de xaneiro do 2017 O Museo das Peregrinacións e de Santiago presenta unha obra de referencia para o estudo das iconas

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Museo das Peregrinacións e de Santiago presentou hoxe na capital de Galicia o catálogo da exposición ‘A contemplación do invisible’, no que se analizan en profundidade as preto de 300 pezas que conforman a colección Santos-Illueca de iconas rusas.

“O volume constitúe unha obra de referencia para a investigación arredor deste patrimonio artístico e cultural”, afirmou durante o acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen lle agradeceu á familia propietaria das obras o seu depósito no espazo museístico xestionado pola Xunta de Galicia. Segundo asegurou, o catálogo dá boa mostra do excepcional valor das pezas da colección Santos-Illueca, que foron depositadas no museo entre os anos 2013 e 2015.

Tamén fixo fincapé o secretario xeral no interese de poder incorporar coleccións particulares de singular valor artístico a espazos expositivos públicos a través dos depósitos, co obxectivo de favorecer o acceso a estes bens por parte de toda a cidadanía, ademais de garantir a súa conservación e difusión.

O catálogo inclúe un estudo realizado polo comisario da exposición, Xoel Rodríguez, e o traballo da investigadora Ángela Franco, xefa honoraria do departamento de Antigüidades Medievais do Museo Arqueolóxico Nacional. Ambos os autores, que participaron no acto xunto coa directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insua, e o director do museo, Bieito Pérez Outeiriño, explicaron os principais eixos da obra, que afonda no significado, nas técnicas, na temática e na procedencia de cada unha das pezas que conforman a exposición.

Un conxunto artístico singular

Preto de 17.000 persoas visitaron desde o pasado mes de xullo ‘A contemplación do invisible’, que aínda se exhibe ata o próximo día 28 de xaneiro na sede de Praterías do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Nela pódense ver preto de 300 obras de gran calidade técnica e artística vinculadas coas distintas escolas que traballaron baixo a órbita da igrexa ortodoxa rusa e procedentes dos diversos países que conformaban a área soviética: Estonia, Letonia, Lituania, Bielorrusia, a antiga Checoslovaquia e Ucraína, ademais de Rusia.

As iconas son un produto da igrexa oriental dos primeiros séculos do cristianismo, similar ao que poden ser as efixies dos santos para o catolicismo. Cunha tradición de máis de mil anos de historia, tiñan como fin axudar ao fiel na súa oración; e incluso a moitas delas atribúenselle dotes milagreiras.

Galería

  • Obra da colección

  • Obra da colección

  • Presentación do catálogo

  • Presentación do catálogo

  • Presentación do catálogo